O Servizo de Gardacostas de Galicia, tamén coñecido de modo extraoficial como Gardacostas de Galicia, é o organismo encargado de velar pola garda costeira, vixilancia pesqueira, busca e salvamento e protección do medio mariño nas augas da comunidade autónoma de Galicia, España. Depende directamente da Consellería do Mar por medio da Subdirección Xeral de Gardacostas.
A súa fundación coma corpo de gardacostas data do ano 2004, a raíz da promulgación da Lei 2/2004, de 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.[1] O corpo de gardacostas naceu a partir de servizos que xa estaban a funcionar Galicia, como eran o Servizo de Vixilancia Pesqueira e o Servizo de Busca e Salvamento. No servizo traballan 239 persoas (incluído persoal colaborador doutras empresas),[2] entre eles 112 axentes[3] e conta con 2 helicópteros, 19 embarcacións, 60 vehículos e 3 camionetas.[4]
Historia
Dende a promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, a comunidade autónoma de Galicia dispón de exclusividade en competencias de materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, e de desenvolvemento e execución da lexislación española en materia de ordenación do sector pesqueiro.[5]
En base a esas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a súa primeira normativa en materia pesqueira, a Lei 5/1985, de 11 de xuño, de sancións en materia pesqueira, marisqueira e de cultivos mariños. Esta normativa, quedaría posteriormente derogada pola Lei 6/1991, de 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que sentaría as bases para a creación do Servizo de Inspección e Vixilancia pesqueira.[6]
O mesmo tempo, en abril do ano 1990, a Consellería de Pesca, creou o Servizo de Busca e Salvamento, co obxectivo de «mellorar a calidade de vida do pescador galego». A necesidade da creación dun servizo de busca e salvamento propio naceu a raíz dos numerosos accidentes marítimos nas costas de Galicia, e na falta dun servizo de salvamento a nivel estatal, xa que non sería ata dous anos máis tarde cando nacese a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima. Este servizo constituíuse coma o primeiro deste tipo en España, e o segundo en Europa, sendo pioneiro no emprego de medios aéreos civís para as misións de salvamento.[7]
Tras unha década dende a creación destes dous servizos, estimouse necesaria a creación dunha estrutura única, tendo en conta a nova situación socioeconómica do sector e do tráfico marítimo. En 2004 promulgouse a Lei 2/2004, de 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia,[1] que englobaba todas estas funcións.
Unidades de intervención
Para a realización das súas tarefas, o Servizo de Gardacostas de Galicia dispón de distintos medios marítimos e aéreos. Dentro das unidades marítimas dispón dun total dun buque remolcador, o Sebastián de Ocampo, un buque de salvamento e inspección marítima, o Irmáns García Nodal, e varias embarcacións de patrulla. As unidades aéreas están formadas por dous helicópteros Sikorsky S-76, mais un terceiro helicóptero para cubrir as paradas de mantemento.
Os medios aéreos do Servizo de Gardacostas de Galicia son dous helicópteros coñecidos como «Pescas», máis un empregado para coberturas de mantemento. Son as sequintes aeronaves:
Baseado en Viveiro para coberturas. Unidade alugada a Helicsa. Anteriormente operou dende a mesma base, antes de ser substituído polo Sikorsky S-76.[10]
Tamén, con anterioridade, outros modelos de helicópteros foron empregados coma medios aéreos do Servizo de Gardacostas de Galicia coma «Pescas»: