Gabriele ("Gaby") Seyfert, nada o 23 de novembro de 1948 en Chemnitz, é unha patinadora artística alemá retirada. Gañou o campionato mundial dúas veces (1969 e 1970) e a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1968.
Traxectoria
Seyfert pertencía ao club SC Karl-Marx-Stadt e representaba á RDA e a súa nai Jutta Müller era a súa adestradora. Foi durante longo tempo rival de Peggy Fleming, pero non foi quen de derrotala.
En 1966 votárona como a mellor atleta do ano da Alemaña Oriental logo de levar dúas medallas de prata, nos campionatos europeos e nos mundiais e en 1968 converteuse na primeira muller en obter un triplo bucle limpo. Retirouse en 1970 e aínda que recibiu ofertas de Holiday on Ice para competir profesionalmente as autoridades da Alemaña do Leste non llo permitiron. A comezos da década de 1970 traballou durante un curto período como adestradora con Anett Pötzsch[1] e logo estudou linguas na universidade, traballando como intérprete profesional. Entre 1985 e 1991 dirixiu o balé sobre xeo no Friedrichstadtpalast en Berlín Oriental, patinando ocasionalmente.