Pola aldea discorre a Verea Real, protexida polas fortalezas de San Pedro de Grixó, dependentes do Alcázar de Milmanda, cun asentamento en Freáns procedente do cuartel de San Pedro. O paso por Freáns era pola ponte dos Liños. En 1948 abriuse estrada que conecta Mociños con Freáns, e ao ano seguinte a que une Freáns con Agra.
No río Gorgua hai 16 muíños e unha presa de regadío partía desde Silbares ata Morgade. Na aldea hai cinco canastros, de pequeno tamaño con planta rectangular con cuberta a dúas aguas, con pés de pedra, habitáculo de madeira e cuberta de tella ou lousa.
En novembro de 1999 a zona pasou a formar parte do réxime de protección xeral do parque natural da Baixa Limia - Serra do Xurés. Na parte superior da aldea está a Fraga de Castiñeiros, tamén coñecida como Fraga da Costeira ou As Cañotas da Costeira.
Patrimonio
A capela de Santa María Magdalena é de estilo barroco, se ben ten a súa orixe nun templo anterior.[3] O templo orixinal sufriu danos no s. XVII e reformouse no XVIII, mudando o arco románico por un lintel de pedra que á súa vez en 1960 se substituíu por un arco de formigón. No interior do templo hai dúas imaxes da Santa: unha de pedra que non conserva a cabeza, e que segundo a tradición foi encontrada por uns pastores nunha pequena cova no monte, na Canella do Folón. A festividade celébrase o 22 de xullo.
No torreiro da capela hai un cruceiro. Construíuno en 1973 o escultor vigués Raúl Comesaña, pagado pola veciñanza.
En 2011 creouse unha ruta de sendeirismo, a Ruta dos Muíños I, ao longo do río Gorgua. En 2015 creouse a Ruta dos Muíños III, que comeza no Campo do Río e vai cara a Gresufe e San Roque.
Festas
As festas de Santa María Magdalena adoitan comezar o xoves cunha sardiñada con pementos. O venres, tras a cerimonia relixiosa, hai un xantar. O venres e o sábado á noite hai verbenas.
Galería de imaxes
Exterior da capela
Interior dun muíño na Ruta dos Muíños III
Ruta dos Muíños I
Ruta dos Muíños I
Cruceiro de Freáns
Pementos do xoves de sardiñada
Pé do cruceiro de Freáns coa data de construción (1973)