Francisco Bouzas Sánchez,[1] coñecido como Mandoncacho, nado no Grove o 9 de agosto de 1910 e finado no Brasil, foi un mestre e político galego.
Traxectoria
Fillo do empresario Juan Bouzas Martínez. Foi nomeado mestre interino de San Xoán do Monte (Lavadores) en decembro de 1932.[2] Cursillista da convocatoria de 1933 en Pontevedra, aprobou o curso. Foi nomeado mestre interino do Pósito de Coiro (Cangas) en novembro de 1934,[3] e en xaneiro do ano seguinte pasou ao Pósito do Grove.[4] Foi homenaxeado cun banqueta polos seus compañeiros mestres do Grove o 3 de agosto de 1935.[5] Dirixente do Sindicato de Oficios Varios do Grove, en outubro de 1935 foi sancionado con multa polo gobernador civil xunto cos veciños do Grove Ramón Mandiás Merino, Anselmo Bernárdez Fernández, Manuel Lueiro Rey, Ramón Álvarez Portela e José Torres Rodríguez por "dar berros subversivos e facer campaña aconsellando métodos de violencia".[6] Mestre en Frades dende outubro de 1935,[7] foi directivo de Izquierda Republicana de Mondariz.[8]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e agochouse. Foi suspendido de emprego e soldo polo comandante militar de Tui en agosto.[9] Foi reclamado polo xuíz militar de Vigo mediante requisitoria xunto con Manuel Martínez Alonso, Celso Collazo Álvarez, José Troncoso Faro e Luís Soto Fernández o 8 de outubro de 1936.[10] Requisitoria que volveu repetir o 19 de novembro xunto con Luís Soto e F. José Carballo.[11] Finalmente detido, foi xulgado en Vigo por auxilio á rebelión e condenado a 12 anos. A sentenza foi conmutada posteriormente a 3 anos. Como resultado do proceso de depuración do maxisterio foi separado do servizo e baixa na escala en xaneiro de 1942. Sancionado pola Físcalía de Taxas de Zamora por tráfico ilegal de fariña cunha multa de 10.000 pesetas e incautación de 9.000 quilos de fariña en outubro de 1949,[12] foi procesado por estafa en 1950 polo Xulgado de Instrución de Alcañices.[13] Emigrou ao Brasil nos anos cincoenta.
Vida persoal
Casou coa mestra María del Pilar Vázquez Martínez, que finou en Santiago de Compostela o 10 de maio de 1949.[14] Volveu casar con Divina Troncoso Otero.
Notas
- ↑ Nalgungas fontes o seu apelido aparece como Bouza.
- ↑ El Pueblo gallego, 9-12-1932, p. 10.
- ↑ El Noticiero Gallego, 25-11-1934, p. 2.
- ↑ El Pueblo Gallego, 11-1-1935, p. 13.
- ↑ El Pueblo Gallego, 8-8-1935, p. 14.
- ↑ El Pueblo Gallego 19-10-1935, p. 13.
- ↑ El Noticiero Gallego, 4-10-1935, p. 5.
- ↑ Militantes históricos IR
- ↑ El Ideal Gallego, 13-8-1936, p. 2.
- ↑ El Pueblo Gallego, 9-10-1936, p. 3.
- ↑ El Pueblo Gallego, 21-11-1936, p. 2.
- ↑ Imperio, 9-10-1949, p. 2.
- ↑ BOE, 14-7-1954, p. 2283.
- ↑ El Correo Gallego, 11-5-1949, p. 3.
Véxase tamén
Bibliografía