No século XVII Irlanda atopábase baixo dominio británico e sometida, polo tanto, á lei do reino, máis foi establecido un sistema paralelo de leis mesmo antes da independencia. Contra o ano 1775 moitos crían nunha revisión completa do sistema xurídico irlandés, e para apoiar esta decisión elixiuse a localización de Four Courts para converterse no asentamento do poder xudicial.
O primeiro arquitecto en comezar os traballos en 1776 foi Thomas Cooley, quen traballou principalmente na construción do tribunal oeste. Á morte de Cooley, en 1784, James Gandon retomou o tribunal oeste, engadiu tres cortes máis, un vestíbulo e a cúpula.
En 1922, 120 anos despois da súa construción, durante a guerra civil irlandesa, Michael Collins (xefe das forzas pro-tratado) desaloxou aos rebeldes brutalmente. Con esta acción o edificio foi practicamente destruído a causa dun bombardeo ordenado polo Goberno Británico contra os rebeldes contrarios ao Tratado Angloirlandés. Nese bombardeo, a Oficina do Rexistro Civil situada nun edificio contiguo ardeu con toda a súa documentación histórica e legal que se remontaba ao século XII.
Contra o 1932 restauráronse os edificios principais seguindo os planos orixinais de Gandon.
Descrición
Sobre o pórtico de seis columnas corintias, érguese unha cúpula con lanterna, cuberta de cobre, coroada polas figuras de Moisés, a Xustiza, a Piedade, a Sabedoría e a Autoridade. o corpo central está flanqueado por dúas ás nas que se encontran os catro tribunais orixinais: Common Pleas, Chancery, Exchequer e King's Bench.