O formato do papel tivo variacións ao longo da historia recente, pero na actualidade adóitanse utilizar dous sistemas, o estándar internacional (ISO 216) e o formato norteamericano.
O formato estándar internacional é o máis utilizado en todo o mundo. Foi estandarizado pola Organización Internacional para a Estandarización en 1975, baseándose nos formatos definidos no ano 1922 na norma DIN 476 do Deutsches Institut für Normung, máis coñecido como DIN desenvolvido polo enxeñeiro Walter Porstmann. Tras Alemaña o formato foi primeiro adoptado por Bélxica en 1924, outros países europeos recoñecérono nos anos seguintes como o formato estándar, a Unión Soviética fíxoo en 1931. Tras a segunda guerra mundial adoptárono a maioría dos países, España fíxoo en 1947 e Portugal en 1954. No ano 2009 é o formato estándar de todos os países, agás os Estados Unidos e o Canadá, onde é o estándar o sistema norteamericano, que se basea en sistemas tradicionais utilizado neses países. En Chile é estándar o formato norteamericano para o tamaño carta é un formato propio, denominado oficio, para os documentos oficiais. En Filipinas tamén está en uso o sistema norteamericano para o formato carta e un formato propio para os documentos legais. Noutros países como México ou Colombia o formato estándar é o ISO 216 pero o formato norteamericano é case o único que se emprega na práctica.