Fernando Ariel Barboza Rilo, nado en Montevideo o 12 de maio de 1964 e finado na mesma cidade o 1 de setembro de 2014, foi un futbolista uruguaio que xogaba na demarcación de dianteiro.
Traxectoria
Comezou a súa traxectoria no fútbol profesional no Nacional de Montevideo en 1983, despois xogou cedido en equipos uruguaios coma o Rampla Juniors FC e o Central Español FC antes de xogar cedido no Celta de Vigo a fase de ascenso a Primeira da tempada 1986/87.
Ese ano un dos puntais da dianteira celeste, Pichi Lucas, lesionouse o menisco no penúltimo encontro do torneo regular polo que se perdería toda a fase de ascenso, así é como chega Barboza a Vigo para acompañar a Baltazar na dianteira, por un prezo de 3 millóns de pesetas por oito encontros e catro goles, que axudaron a acadar o ascenso na liguilla de promoción.
Ao ano seguinte o Celta tentou por tódolos medios facerse cos servizos do dianteiro charrua pero as altas pretensións do Naciontal de Montevideo fixeron imposíbel a operación, pese a que o xogador demostrou a súa preferencia por Vigo.
Porén ese mesmo ano ficharía por outro equipo da Liga Española, o Elche CF na Segunda División onde xogou dous anos, no primeiro acadando o ascenso a Primeira e outra vez o descenso á seguinte, con non moita sorte, xa que so marcaría un gol por tempada.
A partir dese ano cambiaría de equipo con bastante asiduidade, pasando po Wanderers FC, Novelda CF, Deportivo Quito, Tanque Sisley, CA Progreso, Villa Española, Club Bella Vista, Rocha FC, Colón Fútbol Club, CA Basáñez, Estoril, LDU Quito, Gimnástico e Salus Football Club.
Unha vez retirado do fútbol converteuse no secretario da FAP, Federación Americana de futbolistas Profesionales.