Os FY-1 eran satélites meteorolóxicos en órbita polar, a uns 900 km de altura e cunha inclinación orbital duns 99º. Lanzáronse catro (FY-1A, FY-1B, FY-1C e FY-1D) entre 1988 e 2002, os dous primeiros (experimentais) mediante foguetes CZ-4 e os dous últimos mediante CZ-4B. O instrumento principal era un radiómetro que observaba en cinco bandas entre as lonxitudes de onda visibles e infravermellas próximas. Os satélites estabilizábanse nos tres eixos e transmitían os seus datos en banda X. As características dos satélites FY-1 variaban lixeiramente entre eles. Tiñan forma de caixa con masas entre 750 e 880 kg. Alimentábanse mediante paneis solares que proporcionaban ata 800 W de potencia que eran almacenados en baterías de níquel-cadmio. O control de actitude era exercido mediante unha combinación de propulsores de nitróxeno e volantes de inercia. O FY-1C foi destruído o 11 de xaneiro de 2007 durante a proba dun mísil antisatélite por parte da China, xerando unha nube de restos que segue en órbita.[1][5]
FY-2
Os FY-2 eran satélites meteorolóxicos en órbita xeostacionaria, a uns 35.700 km de altura. Lanzáronse oito entre entre 1997 e 2018, os dous primeiros mediante foguetes CZ-3 e os restantes mediante CZ-3A. Un primeiro satélite foi perdido durante a explosión do foguete lanzador en 1994 durante probas previas ao lanzamento. Os FY-2 estabilizábanse mediante xiro a unhas 100 r.p.m. e tiñan unha masa duns 600 kg. Tiñan forma cilíndrica, cuns 2,1 m de diámetro e unha altura total de 4,5 m. O instrumento principal era un radiómetro de exploración con sensores para o visible e o infravermello, cunha resolución de 1,25 km e 5,0 km, respectivamente. Os satélites transmitían os seus datos en banda S e en UHF.[2][6]
FY-3
Os FY-3 son os sucesores dos FY-1. Van equipados con sensores multiespectrais, tridimensionais e útiles en calquera clase de tempo meteorolóxico. Acadan unha resolución de 250 m e teñen unha masa de 2200 kg. Lanzáronse catro, todos mediante foguetes CZ-4C, entre 2008 e 2017.[3][7][9]
FY-4
Os FY-4 son os sucesores dos FY-2. A diferenza destes, estabilízanse nos tres eixos e están baseados no bus SAST-5000. Lanzáronse dous satélite deste modelo, en 2016 e 2021, mediante foguetes CZ-3B.[4][8]