Felipe Augusto de Saint-Marcq (ou Saint-March), nado en Taintegnies (Bélxica), en 1762 e finado en Madrid en 1831, foi un militar belga ao servizo de España durante a Guerra da Independencia.
Traxectoria
Entrou no servizo de España aos 14 anos, no rexemento da Garda valoa do rei, no que era capitán de compañía cando estalou a Guerra da Independencia. Cando os franceses se apoderaron de Madrid, Saint-Marcq conseguiu fuxir. Trasladouse a Valencia, onde obrigou ao xeneral francés Moncey a levantar o asedio da cidade. Como premio por esta acción foi ascendido a Mariscal de campo.
Cando se produciu o primeiro sitio de Zaragoza conseguiu reunir uns seis mil homes cos que contribuíu a que os franceses de Lefebvre levantaran o campo. Quedou en Zaragoza ás ordes de Palafox, participando activamente na defensa da cidade durante o segundo sitio, sendo premiado cos galóns de Tenente xeneral. Cando a praza capitulou foi feito prisioneiro e conducido a Nancy, onde permaneceu até 1814.
Cando Fernando VII regresou, Saint-Marcq, xa liberado, puido retornar a España. Foi, sucesivamente, capitán xeneral de Galicia, de Valencia e de Aragón, até 1830. Morreu en Madrid, vítima dunha epidemia de cólera, en 1831.