A familia do factor liberador de corticotropina ou familia CRF é unha familia de neuropéptidos relacionados de vertebrados. Esta familia inclúe a hormona liberadora de corticotropina (CRH, tamén coñecida como factor liberador de corticotropina ou CRF), a urotensina-I, a urocortina e a sauvaxina. A familia pode ser subagrupada en dúas liñaxes separadas parálogas, situando a urotensina-I, a urocortina e a sauvaxina nun grupo e a CRH noutro grupo. A urocortina e a sauvaxina parecen representar ortólogos da urotensina-I de peixes atopados en mamíferos e anfibios, respectivamente. Os péptidos teñen varios efectos fisiolóxicos sobre o estrés e a ansiedade, a vasorregulación, termorregulación, crecemento e metabolismo, metamorfose e reprodución en varias especies, e son todos liberados como prohormonas.[1]
A hormona liberadora de corticotropina (CRH)[2] é unha hormona liberadora que se atopa principalmente no núcleo paraventricular do hipotálamo de mamíferos, que regula a liberación de corticotropina (ACTH) na glándula pituitaria. O núcleo paraventricular transporta CRH á pituitaria anterior, estimulando a liberación da hormona adrenocorticotropa (ACTH) por medio do receptores de CRH tipo 1, activando dese modo o eixe hipotálamo-hipofisario-adrenal e causadno a liberación de glicocorticoides.
A CRH está relacionada evolutivamente con outros varios péptidos. A urocortina actúa in vitro estimulando a secreción de hormona adrenocorticotropa. A urotensina atópase no sistema caudal neurosecretor de peixes teleósteos e pode ter un papel na osmorregulación e como factor liberador de corticotropina. A urotensina-I libérase da urófise de peixes e produce a liberación de ACTH e, en consecuencia, de cortisol in vivo. A porción non hormonal da prohormona pénsase que é a proteína de unión á urotensina (urofisina).[3] A sauvaxina, illada da pel de ras, ten un potente efecto hipotensivo e antidiurético.[4][5]
Subfamilias
ProTeínas humanas desta familia
CRH; UCN;
Notas
- ↑ Balment RJ, Lovejoy DA (1999). "Evolution and physiology of the corticotropin-releasing factor (CRF) family of neuropeptides in vertebrates". Gen. Comp. Endocrinol. 115 (1): 1–22. PMID 10375459. doi:10.1006/gcen.1999.7298.
- ↑ Lederis KP, Okawara Y, Richter D, Morley SD (1990). "Evolutionary aspects of corticotropin releasing hormones". Prog. Clin. Biol. Res. 342: 467–472. PMID 2200028.
- ↑ InterPro Corticotropin-releasing factor
- ↑ Vale, Wylie; Rivier, Catherine; Brown, Marvin R.; Spies, Joachim; Koob, George; Swanson, Larry; Bilezikjian, Louise; Bloom, Floyd; Rivier, Jean (1983). "Chemical and Biological Characterization of Corticotropin Releasing Factor". Proceedings of the 1982 Laurentian Hormone Conference. Recent Progress in Hormone Research 39. pp. 245–270. ISBN 978-0-12-571139-5. PMID 6314446. doi:10.1016/B978-0-12-571139-5.50010-0.
- ↑ Erspamer, V.; Erspamer, G. Falconieri; Improta, G.; Negri, L.; de Castiglione, R. (xullo de 1980). "Sauvagine, a new polypeptide from Phyllomedusa sauvagei skin: Occurrence in various phyllomedusa species and pharmacological actions on rat blood pressure and diuresis". Naunyn-Schmiedeberg's Archives of Pharmacology 312 (3): 265–270. PMID 7402368. doi:10.1007/BF00499156.
Este artigo incorpora textos en dominio público procedentes de Pfam e InterPro IPR000187