En Barcelona gardábase un grato recordo da Exposición Universal de 1888, que supuxo un grande avance para a cidade no terreo económico e tecnolóxico, así como a remodelación do Parque da Ciutadella. Por iso proxectouse esta nova exposición para dar a coñecer os novos adiantos tecnolóxicos e proxectar a imaxe da industria catalá no exterior. De novo, a exposición orixinou unha remodelación dunha parte da cidade, neste caso a montaña de Montjuïc, así como as súas zonas lindeiras, especialmente a Plaça d'Espanya.
A Exposición supuxo un gran desenvolvemento urbanístico para Barcelona, así como un banco de probas para os novos estilos arquitectónicos xestados a principios do século XX: a nivel local, representou a consolidación do novecentismo, estilo de corte clásico que substituíu o modernismo preponderante en Cataluña durante a transición de século; ademais, supuxo a introdución en España das correntes de vangarda internacionais, especialmente o racionalismo, a través do Pavillón de Alemaña de Ludwig Mies van der Rohe.[2] A Exposición deixou numerosos edificios e instalacións algúns dos cales convertéronse en emblemas da cidade, como o Palacio Nacional, a Fonte Máxica, o Teatre Grec, o Poble Espanyol e o Estadio Olímpico.