Trátase dun peixe de gran tamaño: describíronse exemplares de até 5 e 6 m de lonxitude, con pesos de até 1 000 kg, e que podían alcanzar os 100 anos de idade.[9] Porén, hoxe en día os individuos de máis de 2 a 3 m raramente son capturados.[9]
Pasa a maior parte da súa vida no mar, habitualmente en augas costeiras pouco profundas, onde se alimenta de peixes e outros animais bentónicos, como crustáceos, moluscos e vermes, que desenterra co seu fociño.[9]
A cabeza está protexida por ósos dérmicos. O tronco non presenta escamas, pero está cuberto de pequenos dentículos e por cinco filas lonxitudinais de placas óseas (de 10 a 15 placas dorsais, de 29 a 38 placas laterais e de 10 a 12 placas ventrais). A boca é pequena e sen dentes (nos adultos), pero pode ser proxectada cara a diante e estenderse a xeito de trompa, e baixo ela hai 4 barbelas dispostas nunha fila horizontal, perpendicular ao eixe do corpo.
A coloración do dorso é apardazada escura ou gris verdosa, prateada ou rosada nos flancos e abrancazada na rexión ventral.
Distribución
Antano a área de distribución do esturión estendíase polos mares costeiros e os ríos de toda Europa, desde Islandia e Escandinavia até o mar Negro, sendo a finais do século XIX unha especie moi común e de grande importancia económica en toda a Europa occidental. Pero actualmente, debido á sobrepesca, á contaminación dos ríos, á regulación (e redución) dos seus caudais pola construción de presas e a extracción de áridos nas zonas de desova, este peixe é moi raro e protexido, onde o último lugar de desova é o esteiro da Xironda.[9]
En Galicia foi antigamente moi abundante, especialmente no río Miño, até o punto de que se chegou a usar a súa carne como fertilizante para os cultivos, e as súas ovas, que hoxe constitúen o apreciado caviar, como comida para os porcos.[5] Hoxe é unha especie extinguida. En Portugal era así mesmo moi abundante e famoso (chegou a ser retratado nas moedascuñadas en Mértola no século Ia. C.); o Guadiana foi o último río onde viviu o sollo rei, sendo os derradeiros exemplares capturados a finais dos anos da década de 1970.
As únicas poboacións relativamente abundantes de esturión en estado salvaxe están restrinxidas ás concas dos ríos Garona e Dordoña e ao estuario da Xironda,[10] estimándose que en toda Francia non hai máis que uns poucos miles de individuos.
Hábitat e ecoloxía
Especie anádroma, pasa a maior parte da súa vida no mar (de 7 a 14 anos), pero reprodúcese nas augas doces dos ríos, onde pasa as primeiras etapas do seu desenvolvemento (durante 1 ou 2 anos).[5][6]
Os machos alcanzan a madurez sexual á idade de 7 a 9 anos, cando miden entre 110 e 150 cm e pesan de 7 a 20 kg. As femias, entre os 8 e os 14 anos, cando alcanzan de 120 a 180 cm e un peso de 10 a 30 kg.[9]
Na primavera, entre abril e xuño, remontan os ríos onde desovan. Algúns esturións migran río arriba centos de quilómetros, mentas que outros permanecen cerca do mar. Desovan a profundidades de 2 a 10 m, sobre fondos rochosos onde a corrente é forte. As femias producen de 800 000 a 2 400 000 ovos pegañentos, de cor gris escura e de 2 a 3 mm de diámetro, que se adhiren ás pedras. Despois da reprodución, os individuos adultos, que non se alimentan durante esta época, regresan ao mar.[9]
Os ovos eclosionan despois de 3 a 14 días, segundo a temperatura da auga, xurdindo larvas de 9 a 11 mm de lonxitude. Tras un período de 1 a 3 anos, os xuvenís migran cara ao mar, onde permanecerán de 7 a 17 anos.[9]
Sinonimia
Da especie Acipenser sturio Linnaeus, 1758 recoñécense os seguintes sinónimos:[12]
Accipenser attilus Rafinesque, 1820
Acipenser attilus Gray, 1851
Acipenser ducissae Duméril, 1870
Acipenser europaeus Brusina, 1902
Acipenser fitzingeri Duméril, 1870
Acipenser fitzingerii Duméril, 1870
Acipenser hospitus Krøyer, 1852
Acipenser latirostris Parnell, 1838
Acipenser lichtensteinii Bloch & Schneider, 1801
Acipenser nehelae Duméril, 1870
Acipenser podapos Duméril, 1870
Acipenser sturioides Malm, 1861
Acipenser thompsonii Ball, 1856
Acipenser valenciennii Duméril, 1870
Acipenser yarrellii Duméril, 1867
Arcipenser sturio Linnaeus, 1758
Sturio accipenser Strøm, 1784
Sturio vulgaris Brusina, 1902
Estado e ameazas
Estado
O estado de conservación da especie foi declarado como moi crítico, pola IUCN.[10]
Ameazas
Sobre a especie: a principal ameaza son as capturas accidentais da especie.
Sobre o hábitat: as principais causas do declive das poboacións da especie foron a regulación dos leitos dos ríos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de desova. Por exemplo, a construción da presa de Alcalá del Río augas arriba de Sevilla en 1930 impediu o paso dos esturións a gran parte das súas zonas habituais de desova.
Protección
Lexislacións
Directivas Europeas
Figura nos Anexos II e IV da Directiva de Hábitats (43/92 C.E.E) do 21 de maio de 1992.
Lexislación española
Figura como de "especial interese" no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas. Real Decreto 439/1990.
Lexislación autonómica española
Catalogada como "D" no Anexo II das especies protexidas de fauna salvaxe autóctona, lei 3/88 de protección de animais de Cataluña.
Convenios internacionais
Convenio de Berna
Figura no Anexo II do Convenio de Berna 82/72.
CITES
Figura no Regulamento CITES (3626/82/CE) e a súa ampliación, Regulamento (3646/83/CE), como especie "I".
Libros vermellos
Citada como "en perigo" no Libro Vermello dos Vertebrados Españois.
↑ 10,010,1Gesner, J., Williot, P., Rochard, E., Freyhof, J. & Kottelat, M. (2009): Acipenser sturio na Lista Vermella da IUCN.
↑A este respecto é interesante a opinión de Antón Santamarina que, na "nota etimolóxica" ao nome de sollo rei en Ríos Panisse, Op. cit. considera que
«Este debe ser o nome patrimonial galego do esturión, estando de acordo con Corominas, que supón que deriva dun latínsuculus, "porquiño", pola forma do fociño deste peixe; e porque ademais está comprobado —cousa que Corominas pon en dúbida— que o peixe, durante a súa permanencia no río, se alimenta de insectos, moluscos e vermes, que apaña enterrando a súa trompa na lama, do mesmo xeito que os porcos enterran o seu fociño
nos lamazais. O determinante rei parece deberse a que o primeiro exemplar capturado deste peixe se destinaba para a mesa real»
Bauchot, M. K. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6.
Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.