Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Estai.
O Estai foi un barcoarrastreirogalego, con base en Vigo, famoso por ser apreixado polo goberno do Canadá no marco da así chamada guerra do fletán. Aínda que segue navegando, xa non o fai baixo o mesmo nome, senón baixo o de Argos Galicia.
Características
O barco chamado Estai fora construído en 1988 nos estaleirosFreire, en Vigo. Tiña 76.4 metros de eslora, 12.7 metros de manga e un calado de 5.4 metros. Podía acadar unha velocidade de 13.8 nós e o seu motor tiña unha potencia de 1618 kw. Ademais, tiña unha capacidade de carga de 1300 toneladas e unha tara de 417 toneladas, o que fai un peso máximo de 1717 toneladas. Recolle as redes pola popa, no que se denomina arrastreiro de popa.
De cor branca, a súa matrícula era 3ª-VI-5-10001[1]. En 1995 mudou o seu nome polo de Puente Real, de novo outra vez Estai, e finalmente, en 1996 pasou a chamarse Argos Galicia, nome co que continúa en servizo en 2010, se ben con bandeira das illas Malvinas e matriculado en Stanley[2].
Para escapar das patrulleiras, o Estai cortou as redes e liscou nunha persecución que durou varias horas e que só rematou cando o buque Cape Roger disparou un canonazo de calibre 50 que cruzou pola ponte do Estai. Ademais, o barco gardacostas Sir Wilfred Gernell disparou canóns de auga sobre outros buques galegos que acudiran ao auxilio do Estai. Finalmente forzas do ministerio e da Policía Montada do Canadá abordaron o Estai, sempre en augas internacionais, apreixaron o buque e detiveron a súa tripulación.[3]
A partir dese momento estourou o conflito diplomático entre a Unión Europea, liderada por España e o Canadá. A Armada Española chegou a enviar a patrulleira P-74 Vigía para protexer os intereses pesqueiros. Os buques canadenses recuperaron a rede do Estai e acusaron a embarcación galega de usar redes dun tamaño ilegal, menor ao permitido para a pesca do fletán negro. A tripulación do Estai, integrada por 26 galegos[4] foi conducida ata o porto de St. Johns's, onde foi recibida con apupos por parte do xentío[5]. O barco foi saqueado no porto canadense e perdeu 200 toneladas de carga[6].
O ministro canadense de pesca, Brian Tobin marchou a Nova York, onde deu unha rolda de prensa nun barco fronte ao edificio das Nacións Unidas, e onde ensinou as redes, ilegalmente pequenas, que supostamente pertencían ao Estai. O goberno español nunca argumentou que as redes non fosen as do Estai, senón que concentrou a súa protesta na ilegalidade do emprego da forza e do secuestro en augas internacionais. Madrid acudiu tamén ao Tribunal Internacional da Haia, pero este tribunal non admitiu o caso a trámite. Seis días despois, o 15 de marzo, Canadá liberou a tripulación cunha fianza de cincuenta millóns de pesetas (300.000 euros). O barco chegou ao porto de Vigo o 23 de marzo, onde tivo un recibimento público[4]. Ese mesmo ano o Estai mudou o seu nome.