O Estadio Municipal de Pasarón é o campo de fútbol principal da cidade de Pontevedra, onde o Pontevedra CF xoga como local. Ten unha medida de 105 x 66 metros e unha capacidade de 12 000 localidades, todas elas sentadas. Está situado na rúa Luis Otero, no barrio do Burgo.
Historia
O primeiro encontro que se xogou neste espazo tivo lugar o 16 de febreiro de 1919, entre o Pontevedra Athletic Club e o Real Coruña[1]. Foi sede do Pontevedra CF desde a súa fundación en 1941, e acolleu tamén campionatos de atletismo (con pista de cinsa, serviu de feudo á Sociedad Gimnástica[2]) e de balonmán a 11[3].
Tralo ascenso do equipo granate a segunda división na tempada 1959-60, o concello, presidido polo alcalde José Filgueira Valverde, mercoulle os terreos á familia de Valentín Paz Andrade por 1.900.000 pesetas, nun pagamento a prazos durante cinco anos[4]. O novo estadio deseñárono os arquitectos municipais Emilio Quiroga Losada e Alfonso Barreiro Buján, en colaboración co enxeñeiro José María García-Morán Lima. Inaugurouse en 1965.
Malia as reformas do ano 1982, co gallo da Copa do Mundo, o estadio atopábase demasiado deteriorado. Así, tralo ascenso do Pontevedra CF á segunda división en 2004, acometeuse unha reforma integral. Derruiuse e construíuse o novo estadio por sectores (fondo norte, fondo sur, tribuna e preferencia).
Tralas reformas, finalizadas en 2010, a capacidade reduciuse de 16.500 persoas a 12.500, xa que antes os fondos estaban deseñados para estar de pé. A reforma do estadio, financiada polo concello, a deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, viu como o orzamento inicial ascendía mesmo até o dobre, así como atrasos no tempo previsto de execución.
Dispón de servizo de gardería e salas VIP e de prensa. Foi sede do Corpo Municipal de Bombeiros entre 1968 e 1987, e tamén do Club Ciclista de Pontevedra nos anos 80. Entre maio de 1987 e xullo de 1998 acolleu temporalmente parte do arquivo municipal mentres se acondicionaba outro espazo. En 1994 pasou a acoller a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
↑López Torre, R. (2015). "La compra del campo de Pasarón". Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968). Concello de Pontevedra, Faro de Vigo. pp. 266–272.