Erundina Álvarez Pérez, nada en Santos (Brasil) o 16 de agosto de 1899 e finada en Ourense o 30 de setembro de 1936, foi unha camareira e membro da resistencia antifascista galega, a única muller executada polos rebeldes fascistas en Ourense.
Traxectoria
Os seus pais Benito Álvarez Baños e Rosa Pérez Rodríguez era orixinarios de Ferreiros (Entrimo) e emigraron ao Brasil. Retornaron a Entrimo a principios dos anos dez. Tivo tres fillas de solteira: María, nada en 1920, Justa, en 1924 e Encarnación, en 1926. En 1926 trasladouse a vivir a Ourense, pero retornou en 1930 a Ferreiros. Casou en maio de 1935 con Constante Álvarez González. Despois de casada trasladouse novamente a Ourense, instalándose na rúa Liberdade da zona antiga da cidade, e traballou de camareira.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 agochou no seu domicilio a Francisco Cofán Eiriz un comerciante esquerdista de Barbadás, que participou no único conato de resistencia ao golpe en Ourense. Trasladou o fuxido a Ferreiros, onde foi denunciada. A Garda Civil encontrouno, e por escondelo e axudalo Erundina foi arrestada. Presa en Bande, foi trasladada ao cuartel de San Francisco e fusilada no Campo de Aragón o 30 de setembro de 1936.
Véxase tamén
Bibliografía
- Gómez, Xosé Lois (2019). "Undina, a muller que fusilaron no Campo de Aragón". Lethes. Cadernos culturais do Limia (Centro Cultural Popular do Limia) (14): 129–139.
Ligazóns externas