Encarna Lago González, nada en Barcelona o 22 de xullo de 1962, é unha xestora cultural e comisaria de exposicións galega, reside en Pedrafita do Cebreiro.[1]
En 2024 era xerente da Rede Museística Provincial de Lugo. Seguidora da corrente Nova Museoloxía, baseada en valores sociais e comunitarios nos seus proxectos destaca o traballo colaborativo e inclusivo.[2][3]
Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2024.[4]
Traxectoria
Técnica Superior de Cooperación Internacional polo Instituto Europeo de Empresa - UNESCO (2009-2010). Traballa no Museo Provincial de Lugo desde 1991. Neste centro foi responsable do Departamento de Didáctica (1996-1999), Coordinadora de Asuntos Xerais (1999-2000) e Xerente do Museo Provincial e do Museo-Fortaleza San Paio de Narla (2000-2006).[5] Con motivo da constitución da Rede Museística Provincial en xuño de 2006 foi nomeada xerente da mesma, cargo que desempeñaba en 2024.
Ten colaborado en RdM. Revista de Museología: Publicación científica al servicio de la comunidad museológica, ICOM CE Digital: Revista del Comité Español de ICOM, Maremagnum: publicación galega sobre os trastornos do espectro autista, CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, Her&Mus: heritage & museography.
É tamén docente do curso Experto Universitario en xestión cultural Universidade de Santiago[6] e forma parte do Comité Consultivo Facultade de Humanidades de Lugo USC.[7]
Obras realizadas e publicacións
Foi relatora en diversos foros nacionais e internacionais sobre didáctica e xestión de museos, capacidades diferentes, diálogo intercultural, responsabilidade social, xénero e igualdade, redes e conexións de museos e o enfoque do software libre aplicado á museoloxía.[8]
Foi comisaria de numerosas exposicións, organizadas e producidas polo Museo Provincial de Lugo entre outras:
- “Ars Moenia. Obra actual de artistas lucenses non MPL”, exposición itinerante presentada en Madrid, Lugo, León e nas cidades romanesas de Constanta e Kluj Napoca
- “Sendeiros do pasado”, mostra de carácter etnográfico que se trasladou ao Museo Estatal de Varsovia (Polonia) en 2001
- “Amor nas minchas” de Mónica Alonso no Museo de Arte Moderna e Contemporánea de Valdivia (Chile, 2004)
- “Am 34x24 vol.1”, exposición de Antonio Murado celebrada en Lugo e no Parlamento Europeo de Bruxelas en 2006.[9]
Co-coordinadora Residencias artísticas Estudo Aberto 2011-2016, Coordinadora Fotografía a Cegas (2009-2016).
É tamén coordinadora de máis de setenta publicacións (guías, catálogos de coleccións e exposicións temporais...) editadas polos museos dependentes da Deputación Provincial de Lugo e coordinou congresos sobre arte e educación.[10] En todas elas participou tamén como autora de textos introdutorios e artigos. É responsable da coordinación de distintos proxectos e montaxes museográficas: Museo San Paio de Narla (2005) Museo Pazo de Tor (2006-2016), Museo Provincial do Mar (2008).[11]
Colaboradora habitual de distintas publicacións como “Boletín do Museo Provincial de Lugo” "Manual de accesibilidade e inclusión en museos e lugares do patrimonio cultural e natural. Edicións Trea, Xixón, Revista ICOM DIXITAL,"Lucensia" “Boletín Famislu”... nos que publicou artigos sobre diversos temas, entre outros “AM 34x24, vol. I. Pintura alegórica e autobiográfica de Antonio Murado. Papeis no ar despois dá explosión”.
O Centro Superior de Estudos sobre Oriente Próximo e Exipto da Universidade Autónoma de Madrid publicou en 2005 un texto da súa autoría sobre a colección de lucernas Varela Dafonte e a exposición “Ilumina”. É tamén coautora co arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza da monografía “Arqueoloxía romana no MPL”.[12]
Ademais, é autora de varios cadernos didácticos relacionados con temas de accesibilidade ao patrimonio, xénero, igualdade, as redes sociais xeradoras de cambio, dialógo intercultural, diálogo interrelixioso e actividades dos Museos da Deputación entre elas: “Eu son unha peza de Museo” (Caderno do alumno e Caderno do profesor) e “Pintura española dos séculos XIX e XX” (Caderno do alumno e Caderno do profesor).
Participou como integrante do xurado en numerosos premios de arte, entre outros: Bolsa de Creación Artística no estranxeiro do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (2005), Estudo Aberto (2010-2015), Enredarche 2011, Entolearte, Diálogos na Rede, Olladas de Muller, Festival de Cine Internacional O Ollo Coxo (2015).[13][14][15][16][17] Tamén foi xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2012-2015.[18]
Premios e recoñecementos
- O seu modelo de xestión baseado na democratización cultural “Museos para todxs entre todxs" recibiu entre outros o Premio da Critica Galicia 2004.
- Premio á mellor experiencia didáctica dun Museo Fundación Rosalía 2008.
- Premio Once Solidariedade 2011.
- Premio Boa e Xenerosa Árdelle ou Eixo Os Aventados 2015.[19]
- Na súa etapa de xerente do Museo Provincial de Lugo, esta institución foi galardoada cun dos Premios da Crítica de Galicia na modalidade de Ciencias e Artes da Representación, segundo recolle a acta do xurado "en recoñecemento á difusión da arte en Galicia, a través da transformación experimentada polo museo nos últimos anos, que permitiu unha dinamización e repercusión social e cultural, impulsada polo seu equipo de traballo que encabeza a xerente Encarnación Lago González".[20]
- Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2024.
Notas
- ↑ Lugo, El Progreso de (2024-12-24). "Encarna Lago recibirá a Medalla de Bellas Artes: "É un privilexio"". El Progreso de Lugo. Consultado o 2025-01-02.
- ↑ "Un museo para todos e entre todos". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "Formación en Xestión Cultural | Equipo Docente". Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "El Gobierno distingue a 38 personalidades y entidades de la cultura con la Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes 2024". www.cultura.gob.es (en castelán). Consultado o 2025-01-02.
- ↑ Lugo, El Progreso de. "Noticias de Lugo, última hora de la provincia de Lugo hoy". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2025-01-02.
- ↑ "Formación en Xestión Cultural | Equipo Docente". Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "El ojo cojo. Jurado 2015" (en castelán). Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "Formación en Xestión Cultural | Equipo Docente". Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "Fiesta de artistas lucenses en honor de Encarna Lago González en Lugo". Consultado o 13 de xullo de 2016.
- ↑ "IV Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación | IV Congreso Géneros, Museos, Arte y Educación" (en castelán). Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ Diario, Nós (2022-04-29). "Encarna Lago: "Traballamos o espírito crítico: o noso modelo é o dun museo que cuestiona"". Nós Diario. Consultado o 2025-01-02.
- ↑ "Así fue la XXIII tertulia artística con Encarna Lago". 4 de abril de 2016. Consultado o 13 de xullo de 2016.
- ↑ "Becas Gas Natural Fenosa de Creación Artística en el Extranjero". Consultado o 2 de marzo de 2017.
- ↑ "Estudio Abierto" (PDF). Consultado o 2 de marzo de 2017.
- ↑ Taboada, Pedro. "Bibliografía de Pintores Gallegos, Paula Cabaleiro". Consultado o 2 de marzo de 2017.
- ↑ "Olladas de muller sobre a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo" (en castelán). Consultado o 2 de marzo de 2017.
- ↑ "El ojo cojo. Jurado 2015" (en castelán). Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea" (en castelán). Consultado o 2 de marzo de 2017.
- ↑ "Formación en Xestión Cultural | Equipo Docente". Consultado o 1 de marzo de 2017.
- ↑ "Artigos | Premios da Crítica Galicia | Web oficial da Fundación Premios da Crítica Galicia". Consultado o 13 de xullo de 2016.