Efecto dominó

Vídeo que ilustra un "efecto dominó" literal.
Árbore de causalidade

O efecto dominó suxire a idea de que un efecto é a causa doutro efecto, xerando unha serie de eventos similares de duración media, longa ou infinita.

O termo efecto dominó é unha alusión a un xogo ou pasatempo que consiste en colocar varias fichas de dominó en posición vertical seguidas de xeito que se a primeira se derrumba cun simple toque, unha derruba á outra até estaren todas derrubadas.

É habitual empregar os termos en ciencia, cando os procesos desencadean outros procesos de forma recursiva, e tamén en xornalismo, para informar eventos que desencadean unha serie doutros eventos.

Termos relacionados

  • Efecto catarata é a adaptación do termo en portugués (efeito cascata), castelán (efecto cascada) ou inglés (cascade effect) que se refire, especialmente na terminoloxía médica, a un proceso que ocorre de forma escalonada desde un evento inicial a un desenlace aparentemente inevitábel. As cataratas de intervencións clínicas poden ser diagnósticas ou terapéuticas.[1][2] En galego, porén, esta acepción non está recollida no DRAG en ningunha acepción dos sinónimos ou termos confrontados (fervenza, freixa, cadoiro...). Tampouco aparece no dicionario galego de termos médicos, salvo no referido ás manchas na córnea ou a perda de transparencia do cristalino.
  • Círculo vicioso é a repetición sistemática dunha serie de acontecementos que dan lugar a outra secuencia similar, xerando un efecto dominó en bucle.
  • Falacia do efecto dominó é unha sucesión de premisas e conclusións que conducen ao absurdo.[3] Tamén chamada falacia de bóla de neve, de derrape, ou de ladeira escorregadiza entre outros nomes. Exemplo: "Se legalizamos o aborto dos bebés anencefálicos, en breve legalizaremos todo tipo de interrupcións de embarazo, o número de abortos comeza a aumentar, co cal xa non haberá nin fillos, nin máis humanos, e cando os humanos deixan de existir, a vida na terra deixa de existir."
  • Reacción en cadea é unha secuencia de reaccións nas que un produto ou subproduto reactivo produce reaccións adicionais.
  • Efecto bolboreta é unha frase referida á teoría do caos en canto a que unhas pequenas variacións nas condicións iniciais nun sistema complexo poden producir variacións moi grandes no comportamento a longo prazo do sistema.
  • Teoría do dominó é a expresión que usa a imaxe dunha peza derrubando a seguinte, utilizada na guerra fría polos Estados Unidos para apoiar os países contra as insurreccións comunistas, baseándose na idea de que se un país caía, os seus veciños tamén.

Notas

  1. "Cascade Effects of Medical Technology". Annual Review of Public Health. Arquivado dende o orixinal o 19-01-2022. Consultado o 19-1-2022. 
  2. "The Cascade Effect in the Clinical Care of Patients". NEJM.org. Consultado o 19-1-2021. 
  3. "Falacias argumentativas" (en castelán). 

Véxase tamén

Outros artigos

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!