Ebro (automóbiles)

Ebro

Editar o valor en Wikidata
Fundación1954
Disolución1987
LocalizaciónBarcelona, Cataluña
IndustriaTransporte
ProdutosAutomóbiles, maquinaria agrícola e maquinaria para a construción e obras públicas
editar datos en Wikidata ]

Ebro era unha marca de automóbiles española creada en 1954 pola compañía Motor Ibérica, S.A., tras nacionalizarse as factorías de Ford. A gama de produtos Ebro acadaba un amplo abanico de vehículos de transporte (todo terreos, furgonetas, camións, autobuses, etc.), maquinaria agrícola (tractores, colleitadoras, etc.) e maquinaria para a construción e obras públicas. Os elementos de maquinaria agrícola fabricábanse na planta de Noain, Navarra.

Motor Ibérica tiña a sede central en Barcelona dende 1923 —cando aínda era unha filial de Ford Motor Company—, inicialmente no número 149 da Avenida Icaria do Poblenou e dende 1967 na Zona Franca. Alí é onde segue actualmente, convertida arestora en Nissan Motor Ibérica, a filial do grupo empresarial xaponés Nissan en España.

Un dos seus modelos máis coñecidos é a furgoneta Ebro serie F / Trade (posteriormente vendida como Nissan Trade).

Historia

Antecedentes

A primeira axencia Ford en España abriuse en 1907[1] para a importación e venda dos vehículos da marca. En 1920 Ford fundou en Cádiz (Andalucía) a súa filial Ford Motor Company, S.A.E. cun capital de 500.000 pesetas e empezou a construír coches e camionetas Ford T.[2] Ao ano seguinte, a empresa deixou de funcionar como depósito franco para nacionalizar máis a produción. En 1923, por mor da carencia de idoneidade do lugar elixido para a súa localización, a empresa trasladouse a Cataluña e montou a fábrica na Avenida Icaria do Poblenou, en Barcelona. En 1929 a empresa reorganizouse e cambiou a súa denominación social por Ford Motor Ibérica, SA.[3]

En 1935 a súa produción foi de 7.800 unidades (a metade camións e o resto turismos) e as exportacións en Portugal, Italia e Marrocos consolidáronse. A filial catalá conseguiu aquel ano o segundo lugar en canto a beneficios totais da firma en Europa.[4] Durante a guerra civil española a empresa interrompeu a fabricación de vehículos, agás uns poucos para usos militares, e a fábrica foi bombardeada. Rematado o conflito retomouse a produción de camións con pezas importadas pero, por mor dos impedimentos que puñan as autoridades franquistas,[5] o grosor da actividade pasou a ser a fabricación de recambios para os vehículos de iñantes da guerra e a comercialización de gasóxenos.

Por mor da situación de autarquía económica xurdida na posguerra, a empresa decidiu reorientar o negocio ofrecendo as súas instalacións e experiencia ao novo réxime para potenciar a fabricación de camións e tractores, naquel momento moi necesarios. As conversacións, porén, non frutificaron porque aos franquistas non lles gustaba que un sector estratéxico estivese controlado por unha firma de matriz estranxeira e, por outro lado, querían trasladar a fábrica á meseta castelá.

Nas décadas dos anos 40 e 50 era unha proeza fabricar calquera cousa en España: as importacións estaban moi restrinxidas, a gasolina estaba racionada, a electricidade concedíase só unhas horas ao día, os camións fabricados non se podían vender porque non había pneumáticos, e ademais as divisas eran un ben escaso e vixiado polo sistema político.

Creación de Motor Ibérica

Un Ford Thames Trader, modelo no que se baseaban os primeiros camións Ebro.
Camión Ebro tipo Fordson (1961), exposto no MNACTEC.

Ford Motor Ibérica subsistiu durante uns anos sen fabricar vehículos coa idea de volver adicarse axiña a iso. En 1953, ao entrar en produción as novas empresas SEAT e FASA-Renault, apadriñadas polo réxime franquista, Ford deuse conta de que o seu antigo nicho de mercado en España ficaba ocupado e renunciou finalmente á súa presenza no país. En 1954 vendeu a súa participación na empresa; a compañía resultante, plenamente nacionalizada, denominouse Motor Ibérica, S. A., e rexistrouse a marca Ebro para os tractores e camións. A primeira gama de camións Ebro estaba baseada no Ford Thames Trader, habendo así un paralelismo dos dous ríos nos nomes.[6]

Aínda que a nova Motor Ibérica fora totalmente nacionalizada, seguiu mantendo a vinculación con Ford intermediando a montaxe dos tractores Fordson e os camións Thames Trader, ambos os modelos distribuídos no Reino Unido pola filial británica da empresa estadounidense. Probabelmente por iso, a empresa elixiu como marca dos seus produtos o nome do "Ebro", un dos principais ríos da Península Ibérica (así como o Támese —en inglés Thames— é un dos ríos máis grandes de Gran Bretaña).[7]

Por mor das dificultades que atravesaba a firma naquela época, Motor Ibérica comprou unha mina de ferro para poder investir as divisas que proporcionaba a súa exportación na compra de maquinaria para a fábrica. Unha vez comprou materiais e maquinaria á central de Ford e á filial británica, en 1955 lanzou a súa nova gama de vehículos Ebro, empezando polos primeiros tractores Ebro 38 (fabricados xunto cos camións para abaratar o produto). Inicialmente, tanto os tractores como os camións eran copias case exactas dos orixinais británicos.

A fabricación de tractores experimentou un crecemento espectacular, pasando de 500 unidades en 1955 a 8.000 en 1964. Até 1960, os prezos de venda estaban sometidos á aprobación do Ministerio de Industria franquista.

A comezos da década de 1960 producíanse xa 10.000 camións ao ano.[8] Ebro foi introducindo progresivamente unha nova serie de camións derivados dos Ford D (con cabina inclinábel) e aos poucos cubriu unha ampla gama de configuracións.

A fin da marca

Véxase tamén: Nissan Motor Ibérica.

En 1979 Massey Ferguson vendeu a súa participación na compañía a Nissan Motor Company. Motor Ibérica empezou entón a empregar tecnoloxía Nissan e a fabricar produtos completamente xaponeses, como por exemplo o todo terreo Nissan Patrol e a furgoneta Nissan Vanette.[9] Durante o outono de 1982 a multinacional xaponesa aumentou a súa participación do 36% que tiña ao 53%.[10]

En 1986, por mor da adhesión de España á CEE, Nissan tomou o control total de Motor Ibérica (ficou co 80% das accións[11]) e a empresa mudou de denominación, pasando a chamarse Nissan Motor Ibérica. A división de tractores foi vendida entón ao fabricante xaponés Kubota e, durante un breve período, os tractores xaponeses desta marca foron montados e comercializados en España coa marca Ebro Kubota. En canto ao resto de vehículos, a partir de 1987 a marca Ebro foise facendo cada vez máis irrelevante ata que chegou a ser substituída definitivamente por Nissan.[8] Iñantes disto, porén, houbo iniciativas sorprendentes, como por exemplo a venda de varias partidas de Nissan Patrol baixo a marca Ebro nalgúns países europeos.

O grupo Motor Ibérica

Ademais da matriz de Barcelona, Motor Ibérica, S. A., o grupo Motor Ibérica estaba constituído polas seguintes empresas:[12]

Produción

Camións

Un Ebro B-45 de 1964 (tipo Fordson).

Os primeiros camións Ebro eran adaptacións case idénticas dos Fordson e do Ford Thames Trader británicos. Un dos máis populares entón foi o Ebro B-45. Durante a década de 1960 os Ebro derivados dos Ford, inicialmente para cargas de entre 1/2 e 7 toneladas, foron cubrindo o rango de camións ríxidos de 2 e 3 eixos e o de articulados, con capacidades de carga de 3 a 27 toneladas.

Na década de 1980, Ebro lanzou a serie 'E' de camións oscilantes, con seis modelos de 3.500 a 11.200 kg, e a serie 'P' de pesos de 13.000 a 27.000 kg. As furgonetas Avia máis lixeiras continuaban en produción.

As últimas series de camións lanzadas por Ebro foron estas:

Ebro serie F, cunha capacidade de carga de até 7 toneladas (1976-1986) Ebro serie P, cunha capacidade de carga de 3-27 toneladas (1976-1981) Ebro serie L/M, cunha capacidade de carga de 3,5-27 toneladas (1980-1986).

Tractores

Os primeiros Ford

Tractor Fordson Major, sobre o cal se baseaban os primeiros Ebro.
Un tractor Super Ebro.

Cando Ford vendeu as súas accións e se creou Motor Ibérica en 1954, non abandonou de todo a súa vinculación coa súa antiga filial, posto que lle seguiu dando apoio técnico.[11] O desenvolvemento de enxeñaría de Ford é patente nos primeiros deseños de Motor Ibérica, moi parecidos aos Fordson (New Major, Power Major e Super Major). O primeiro tractor de Motor Ibérica, o Ebro 38 de 1955, levaba un motor de 4 cilindros e 3.600 cc con transmisión de 6 + 2 marchas e 38 CV de potencia. Este foi o único modelo de tractor Ebro até 1961, ano en que apareceu o Super Ebro, orixe do Super 55 de 1964.[11]

Os Massey Ferguson

Froito da nova colaboración técnica con Massey Ferguson, en 1967 sae o Ebro 160.[11] Cara a 1970 os motores cámbianse polos Perkins, e en 1973 cómprase a empresa de maquinaria agrícola Valpadana. En 1980 aparece a serie 6000, con transmisións de 12 + 4, dirección hidrostática, dobre tracción, sistema hidráulico moderno, cabina integral, pedais suspendidos, transmisión sincronizada, grupo súper-lento e outras innovacións.[11]

Ebro Kubota

Ao pasar Nissan a ser o accionista maioritario da empresa, decidiu vender a división agrícola a Kubota Ltd.[13] En 1986 fundouse Ebro Kubota S.A. con tres socios maioritarios: Nissan Motor Ibérica (80%), Kubota (15%) e Marubeni (5%),[13] a última só para a proxección de Ebro Kubota en Europa. A nova fábrica dos tractores Ebro e Kubota construíuse nuns terreos de Motor Ibérica situados en Cuatro Vientos (Madrid), cunha capacidade de produción de até 8.000 unidades anuais.[11][13]

O novo equipo de deseño renovou a serie 6000 e a nova gama resultante denominouse serie 8000; formaban parte dela o Ebro 8070 con 72 CV, o 8100 con 96 CV, o 8110 con 115 CV e o 8135 con 130 CV. A gama devolveu a cor azul ceo orixinal dos primeiros tractores Ebro. Os Ebro 8000 incorporaban motores Nissan fabricados por Nissan Motor Ibérica tamén en Cuatro Vientos. Cara a 1988 apareceu a nova serie H, con pequenos cambios estéticos cara á 8000. Foi a última gama de tractores vendidos coa histórica marca Ebro.

Aos poucos a porcentaxe de participación de Kubota dentro da sociedade Ebro Kubota foi crecendo até chegar ao 60% en 1989.[14] Iniciouse entón o deseño dun novo tractor, o proxecto "Kubota K1", pero en 1994, en plena fase de probas, Kubota decidiu pechar a súa filial española por mor das importantes perdas que viña sufrindo.

Modelos

Notas

  1. 35 años en Valencia (23-10-2011). Levante-emv.com.
  2. "Ebro (1967 - 1987)". Autopasion18.com. 
  3. Historia de la marca española de camiones «Ebro». Economia3.com.
  4. Diario ABC, ed. (15 de xaneiro de 2014). "Ford, una carrera de éxito". Abc.es. 
  5. Cubeles, Albert; Roca, Joan. «Les reticències de l'Estat». A: L'enginy de postguerra. Microcotxes de Barcelona (PDF). Barcelona: Museo de Historia de Barcelona (12 de decembro de 2012), p. 10.
  6. Navarro Fortuño, Javier (abril de 2017). Nuestros automóviles clásicos en imágenes (1950-1990) (Segunda ed.). Temporae. ISBN 978-84-15801-43-6. 
  7. Carrión, Francisco (15 de febreiro de 2014). "Ebro B-45, ¿El camión más coleccionable?". Escuderia.com. 
  8. 8,0 8,1 "De Ford a Nissan (breve historia de Motor Ibérica)". El Pegasista. 12 de xuño de 2011. 
  9. "Ford Motor Ibérica". Losorigenes.net. 2007. Arquivado dende o orixinal o 2016-06-01. 
  10. Kennett, Pat (setembro de 1982). "Intertruck: Spain". Truck (en inglés) (Londres: FF Publishing Ltd): 27. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 "Ebro Kubota. La Historia.". Masquemaquina.com. 17 de maio de 2013. 
  12. El País, ed. (28 de abril de 1978). "Motor Ibérica: 1.100 millones de beneficios en 1977". Elpais.com. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Sanz Bartolomé, Elena. La historia de Ebro, la marca que fabricó el primer tractor español (12 de maio de 2023). Motor.elpais.com.
  14. Los japoneses toman la mayoría en Ebro Kubota (17-11-1989). El País.

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!