Douglas DC-1

Douglas DC-1
Tipoprototipo e banco de probas
FabricanteDouglas Aircraft Company
Primeiro voo1 de xullo de 1933
Introducidodecembro de 1933
Estadodestruído
Unidades construídas1

O Douglas DC-1 foi o primeiro modelo da famosa serie DC (Douglas Commercial) de avións de transporte comerciais estadounidenses. A pesar de que só se fabricou unha unidade do DC-1, o deseño foi a base para o Douglas DC-2 e Douglas DC-3.

Deseño

O desenvolvemento do DC-1 pode remontarse ao accidente en 1931 do voo 599 de TWA, sufrido por un Fokker F.10 trimotor cun fallo estrutural nunha das súas ás, probablemente debido a auga que co tempo foi filtrándose entre as capas do laminado de madeira e acabou por disolver o pegamento que as mantiña xuntas. Tras o accidente, a división de aeronáutica do Departamento de Comercio estadounidense impuxo restricións estritas no uso de ás de madeira en avións de pasaxe. Boeing presentou unha proposta, o Boeing 247, un monoplano bimotor totalmente metálico cunha tren de aterraxe retráctil, pero a súa capacidade de produción estaba reservada para satisfacer as necesidades de United Airlines, parte de United Aircraft and Transport Corporation, que tamén era dona de Boeing. TWA precisaba un avión semellante para responder á competencia do Boeing 247 e solicitou a cinco fabricantes presentar ofertas para a construción dun trimotor de 12 asentos metálico, con capacidade para voar 1.740 km a 242 km/h. A parte máis esixente das especificacións era que o avión debería ser capaz de engalar con seguridade dende calquera dos aeroportos das principais rutas de TWA (e en particular o de Albuquerque, a unha grande altitude e con temperaturas severas en verán) cun dos motores non operativo.[1]

Donald Douglas foi inicialmente reticente a participar da invitación de TWA. Dubidou de se habería un mercado para 100 avións, o número de vendas precisa para cubrir os custos de desenvolvemento. Porén, presentou un deseño dun avión bimotor de á baixa metálico para 12 pasaxeiros, unha tripulación de dous e un asistente de voo. O avión superou as especificacións da TWA incluso con só dous motores, principalmente debido ao uso de hélices de paso controlado.[2] O avión foi illado contra o ruído e a calor, e era totalmente capaz de voar e realizar engalaxes e aterraxes controladas cun só motor.

Historia operacional

Só se chegou a fabricar unha unidade. O avión realizou o seu voo de estrea o 1 de xullo de 1933, pilotado por Carl Cover.[3] O modelo foi bautizado como DC-1, derivado de "Douglas Commercial". Durante medio ano de probas realizou máis de 200 voos e demostrou a súa superioridade con respecto aos avións de pasaxeiros máis usados na época, o Ford Trimotor e Fokker F.10. Voou ao longo dos Estados Unidos, facendo a viaxe nun tempo récord de 13 horas e 5 minutos.

TWA aceptou o avión o 15 de setembro de 1933 cunhas poucas modificacións (principalmente incrementando a capacidade a 14 pasaxeiros e engadindo motores máis potentes) e pediu 20 unidades do modelo de produción, que foi nomeado Douglas DC-2.[4]

O DC-1 foi vendido a Lord Forbes no Reino Unido en maio de 1938, que o operou durante uns poucos meses antes de vendelo en Francia no mes de outubro. Posteriormente foi vendido a Líneas Aéreas Postales Españolas (L.A.P.E.) en novembro e foi tamén usado polas Forzas Aéreas da República Española como avión de transporte.[5] Despois operou para Iberia dende xullo de 1939 co nome de Negron. O avión realizou unha aterraxe de emerxencia en Málaga en decembro de 1940 sufrindo danos máis aló da súa reparción.

Notas

  1. Francillon 1979, p. 166.
  2. Smith (1998), p. 10
  3. Gradidge 2006, p. 9.
  4. Gradidge 2006, p. 299.
  5. "Avións que combateron na Guerra Civil española". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2015. Consultado o 23 de setembro de 2015. 

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!