Donato de Cartago[1], tamén coñecido como Donato Magno, nado arredor do ano 270[1], foi un bispo en Numidia (norte de África), impulsor do donatismo. Crese que morreu cara ao ano 355.
Traxectoria
Pouco se sabe dos seus primeiros anos, por mor da perda da súa correspondencia e dos seus primeiros traballos. A súa primeira aparición nos rexistros eclesiásticos é en outubro de 313, como Demetrio Casae Nigrae. Casae era un asentamento situado na fronteira meridional das chairas de Numidia, ao sur de Teveste, unha área ocupada predominantemente por descendentes do pobo bérber.
O bispo Melquíades considerouno culpable de rebautizar os cregos lapsi das persecucións cristiás, co que se orixinou un cisma coa Igrexa. Estes acontecementos puideron ter lugar cara ao ano 311, antes de que Donato chegase a Cartago. O fondo da controversia foi a onda de persecucións anticristiás que desatou o emperador Diocleciano. Algúns dirixentes da Igrexa, que non desexaban sufrir torturas nin converterse en mártires, estiveron dispostos a adorar os deuses do vello panteón, considerados ídolos polos cristiáns, ou a entregar os Libros sacros e as propiedades eclesiásticas ás autoridades imperiais. Estes chegaron a ser coñecidos como traditores. Un deles, chamado Fiz de Aptungi, participou —entre outros— na consagración episcopal, como bispo de Cartago, de Ceciliano. Os fieis que se negaron a aceptar a súa autoridade elixiron a Maioriano como bispo rival ou antibispo. Este morreu ao pouco tempo, e sucedeuno Donato, disposto a continuar a loita.
Cisma
O cisma entre as dúas ramas cristiás centrouse na situación do clero traditor. Os donatistas sostiñan que aqueles non podían ser readmitidos se non se volvían a bautizar e a ordenar. Así mesmo sostiñan que os rituais eclesiásticos levados a cabo por eles eran inválidos. Por tanto, as persoas que foran bautizadas ou consagradas non debían ser recoñecidas pola Igrexa. Isto era relativamente consistente co pensamento de san Cibrán, que morreu mártir uns cincuenta anos atrás. Con todo, a Igrexa romana cría que os cregos lapsos podían levar a cabo o seu labor se seguían o ritual eclesiástico.
Ante esta situación, o donatismo espallouse durante corenta anos, aínda que non conseguiu o recoñecemento oficial. Este esforzo fracasou porque os donatistas foron incapaces de probar nunha serie de concilios que Ceciliano fora un traditor, ou que o foi o bispo que o ordenou, Fiz de Aptunga, pero triunfou momentaneamente debido á impopularidade de Ceciliano entre a administración romana e a poboación rural. Ademais, os bispos e sacerdotes donatistas estaban máis próximos aos campesiños, tanto aos granxeiros romanos como aos descendentes dos indíxenas bérberes e fenicios anteriores á conquista romana. En efecto, a maioría do seu clero falaba as linguas vernáculas libia ou púnica, tan ben como o latín, mentres que o clero católico, só o latín.
Espallamento do donatismo
En maio de 321 o emperador Constantino I renunciou aos múltiples esforzos despregados con vistas a restablecer a unidade da Igrexa, debido a que iniciaba unha guerra con Licinio, e permitiu o regreso dos donatistas desterrados. Isto permitiu a Donato levar a cabo a organización e consolidación interna da súa Igrexa. Así, erixíronse capelas, igrexas e mesmo grandes basílicas, a pesar de choques esporádicos cos católicos, que ían quedando reducidos a unha minoría. O éxito donatista foi considerable no Norte de África, aínda que non noutras rexións. Só en Roma puideron fundar unha comunidade relativamente pequena. En tempos do emperador Constante, Donato atreveuse a solicitar a unificación dos cristiáns do Norte de África baixo a dirección donatista. Con todo, chocou cos funcionarios imperiais enviados e non houbo ningún acordo.
A partir de 340 cobrou importancia o movemento dos circuncelións, marxinal, pero moi combativo e o réxime donatista serviuse deles, segundo os seus intereses, apoiándoos ou distanciándose, segundo as circunstancias. Cando en 347 o bispo Donato de Bagai lanzou aos circuncelións á resistencia armada contra as tropas romanas en Numidia, a súa decisión tivo consecuencias fatais para a causa, pois a resistencia foi desbaratada e o bispo, executado. Estes e outros acontecementos fixeron virar a política relixiosa do emperador no Norte de África. Un edicto do mesmo ano dispuxo a unión de ambas as Igrexas, baixo a dirección do pastor católico Grato de Cartago. Donato e outros dirixentes foron enviados ao desterro, despois da conferencia de Arles, onde a apelación de Donato foi rexeitada. Isto produciu gran conmoción no pobo, que se someteu ao mandato con escasa resistencia. Donato permaneceu na Galia até a súa morte.
Donatismo despois de Donato
A unión subsistiu catorce anos, até a chegada do emperador Xuliano o Apóstata en 361. Este tempo non foi aproveitado pola Igrexa católica para consolidar o proceso. Xuliano reverteu á situación anterior e permitiu a volta dos donatistas exiliados e a restitución das súas igrexas. Agora, a minoría católica foi represaliada, ante a indiferenza dos funcionarios.
O movemento donatista chegou ao seu apoxeo baixo o bispo Parmeniano, sucesor de Donato, pero a situación deteriorouse a partir de 372, cando a Igrexa donatista apoiou ao usurpador Asino, pois os romanos esmagaron a rebelión e prohibiron o culto donatista.
Tras a morte de Parmeniano, sucedeuno o extremista Primiano, que provocou unha escisión en 393, dexenerando os circuncelións en tropas paramilitares ás ordes do bispo, e abocando á decadencia definitiva da seita.
Galicia
O rigorismo africano tivo bastantes seguidores na Gallaecia. Por iso, san Donato mantense aínda como padroeiro dunha parroquia en Galicia: Vilaseco (O Bolo).[2]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-02.
- ↑ Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo.
Véxase tamén