Domingo Catoira Mosquera, nado en Évian-les-Bains o 9 de setembro de 1972, é un exfutbolista e dirixente deportivo galego. Como futbolista xogaba de defensa e a súa carreira transcorreu principalmente na Segunda División B, categoría na que disputou un total de 330 partidos repartidos entre o Fabril, o Lugo, o Novelda e o Benidorm. Trala súa retirada traballou nos despachos técnicos do propio Benidorm, o Valencia, o Valladolid e o Espanyol.
Traxectoria
Nacido en Francia de pais galegos, regresou a Galicia durante a súa infancia e comezou a xogar ao fútbol no San Cristóbal da Coruña, ocupando dende os 13 anos a posición de defensa central.[1] De aí pasou ao equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, onde tivo como adestrador a Beci, e logo ao filial do club, o Fabril, ao que subiu na tempada 1990/91. Esa mesma campaña participou do primeiro ascenso á Segunda División B da historia do Fabril, despois de superar na promoción a Caudal, Fuenlabrada e Almazán. Na tempada 1991/92 debutou na categoría de bronce do fútbol español, disputando 21 partidos ás ordes de Melo, e acabou descendendo ao remate da competición. Na seguinte campaña revelouse como un dos maiores goleadores do equipo, a pesar de xogar como defensa central.[1]
En 1993 foi fichado polo Betanzos de Xulio Díaz, co que militou durante os seguintes dous anos na Terceira División. A continuación pasou ao Lugo, da Segunda B, no que xogou durante catro anos ás ordes de Edrosa. Indiscutible na defensa lucense, disputou un total de 143 partidos oficiais co club, saíndo como titular en todos eles excepto dous. Instalado na provincia de Alancat a partir de 1999, xogou tres anos no Novelda e cinco no Benidorm, logrando con este último un ascenso á Segunda B. Retirouse en 2007, aos 34 anos, e despois de ter disputado un total de 330 partidos na Segunda B.
Trala súa retirada no Benidorm, formou parte do equipo directivo do propio club alacantino, e entre 2010 e 2014 traballou co seu excompañeiro Braulio Vázquez no Valencia.[2] Ámbolos dous, xunto cun terceiro galego, Cata, formaron a dirección deportiva do Valladolid entre 2014 e 2017.[3] En marzo de 2017 deixou Pucela para regresar ao Valencia,[4] permanecendo na secretaría técnica do club durante tres anos, ata o seu despedimento a comezos de 2020.[5] Uns meses despois incorporouse ao Espanyol, como novo secretario técnico do club.[6] En maio de 2022 pasou a ocupar a dirección deportiva do Espanyol.[7] Foi destituído ao remate da tempada, tralo descenso do club á Segunda División.[8]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Domingo, el defensa goleador del Fabril". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de maio de 1993. p. 53.
- ↑ Luis, De la Cruz (6 de abril de 2020). "Domingo Catoira, favorito para la secretaría técnica del Depor". As (en castelán). Consultado o 3 de abril de 2023.
- ↑ Antelo, Iván (24 de novembro de 2016). "Galicia manda en el Valladolid". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ "Domingo Catoira abandona el club". El Mundo (en castelán). 24 de marzo de 2017. Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ "La primera decisión de César Sánchez, despedir a Domingo Catoira" (en castelán). 21 de xaneiro de 2020. Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ Molero, Iván (17 de xuño de 2020). "Domingo Catoira es el nuevo secretario técnico del Espanyol". As (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2023.
- ↑ "Domingo Catoira, nuevo Director Deportivo" (en castelán). 13 de maio de 2022. Consultado o 6 de abril de 2023.
- ↑ "OFICIAL: Domingo Catoira, cesado como director deportivo del Espanyol" (en castelán). 13 de xuño de 2023. Consultado o 14 de xuño de 2023.