Do it yourself (literalmente en galego: faino por ti mesmo), habitualmente abreviado coma DIY, é unha expresión en lingua inglesa referida á práctica de fabricar, modificar ou reparar algo por conta propia, no lugar de procurar axuda ou pagar polo traballo de especialistas ou profesionais.
A investigación académica describe o "DIY" como un comportamento no que se toman materiais e compoñentes para producir, transformar ou reconstruír posesións materiais, tamén aquelas obtidas da propia contorna natural. O "DIY" xorde a partir de:
Motivacións económicas (beneficio económico, carencia dun produto ou da calidade deste, necesidade de personalización)
Cuestións de identidade (aprendizaxe dun oficio, fortalecemento das capacidades propias, procura dunha comunidade ou de algo único)
A finais da década dos 70, o principio do DIY tornouse profundamente asociado ao anarquismo e en xeral a movementos anticonsumistas. Como concepto ou principio ético, o DIY cuestiona o suposto monopolio das técnicas por especialistas e estimula a capacidade das persoas para aprenderen a realizar cousas alén do que tradicionalmente se crían quen de facer.[Cómpre referencia]