División Administrativa da República Popular da China
Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Debido á magnitude da súa superficie e da súa poboación, e á presenza de numerosas minorías étnicas, a organización territorial ou división político-administrativa da China comprende varios niveis desde tempos antigos.
A vixente Constitución da República Popular da China prevé, de jure, tres niveis de goberno, aínda que actualmente, na práctica (de facto), hai cinco niveis: a provincia, a prefectura, o xián (ou condado), o municipio e a cidade.
Desde o século XVII, na China, os límites provinciais mantivéronse en gran medida invariábeis. Os principais cambios desde entón foron a reorganización das provincias no noroeste despois da creación da República Popular da China e a formación de rexións autónomas, que tiveron como idea inspiradora as políticas étnicas implantadas na antiga Unión Soviética.
As provincias cumpren unha función cultural importante na China, dado que a xente tende a identificarse coa súa provincia natal.
Niveis de organización territorial
A Constitución da República Popular da China prevé oficialmente que o país se organiza en tres niveis:
Nivel provincial: o país divídese en 23 provincias, 5 rexións autónomas, 4 municipios baixo xurisdición central, ou municipalidades,[1] e 2 rexións administrativas especiais.
Nivel distrital: as provincias e rexións autónomas divídense en prefecturas autónomas, prefecturas, distritos, distritos autónomos e cidades.
Nivel cantonal: os distritos e distritos autónomos repártense en cantóns, cantóns de minorías étnicas e poboados.
Porén, na aplicación real, inclíronse dous niveis máis: a prefectura, nas provincias, e o polo, nos municipios. (Hai un sexto nivel, a oficina pública de distrito, por debaixo dos condados, pero está sendo abolida).
Cadro das divisións administrativas
A República Popular da China divídese administrativamente da seguinte maneira: