Discurso de Gazimestan

Slobodan Milošević en 2004.
Discurso de Gazimestan
Datos
Data 28 de xuño de 1989
Lugar Gazimestan, Kosovo Polje
42°41′26″N 21°07′24″L / 42.69056, -21.12333
País Iugoslavia Iugoslavia
Motivo 600º aniversario da Batalla de Kosovo Polje
Orador Slobodan Milošević
Asistentes 1 000 000[1]
Idioma serbio

O discurso de Gazimestan ou discurso de Milošević en Kosovo Polje foi o que pronunciou o 28 de xuño de 1989 Slobodan Milošević, daquela presidente da República Socialista de Serbia. Foi a peza central dunha xornada dedicada a conmemorar o 600º aniversario da Batalla de Kosovo Polje (Batalla do Campo dos Merlos), na que o reino medieval serbio fora derrotado polo Imperio Otomán. O discurso foi pronunciado ante un millón de persoas,[1] no lugar onde se librara a batalla, o campo de Gazimestan en Kosovo Polje, no centro de Kosovo. Produciuse nun contexto de intensa tensión étnica entre serbios e albaneses en Kosovo e o aumento das tensións políticas entre Serbia e as repúblicas constituíntes da entón República Socialista Federativa de Iugoslavia.

O discurso converteuse en famoso pola referencia de Milošević á posibilidade de "enfrontamentos armados", no futuro do desenvolvemento nacional de Serbia. Moitos comentaristas describírono como presaxio da disolución de Iugoslavia e o derramamento de sangue das guerras iugoslavas. O discurso fala textualmente de "batallas" no contexto de "recuperación económica, prosperidade política, cultural e social en xeral"[2] e el mesmo dixo máis tarde que fora manipulado. Esta tese compártena distintos analistas, que manteñen que a posterior terxiversación da mensaxe trouxo funestas consecuencias para posteriores sucesos na rexión.[3]

Contexto do discurso

Situación de Kosovo (cor granate) na República Socialista de Serbia (vermello) e na R.S.F. de Iugoslavia (rosa). Kosovo Polje encóntrase no centro do país.
Monumento á Batalla de Kosovo Polje na chaira de Gazimestan —Kosovo Polje— escenario para os actos de conmemoración do 600º aniversario da batalla. En 1389 un exército serbio dirixido polo Príncipe Lazar foi derrotado polos turcos otománs, o que significou a caída de Serbia no seu poder.

Nos anos previos ao discurso de Milošević, Kosovo convertérase nun tema central na política serbia. A provincia recibira amplos dereitos de autonomía na Constitución iugoslava de 1974, en beneficio da poboación albanesa, maioría na provincia. A reafirmación do nacionalismo albanés, a discriminación contra os serbios polas forzas policiais predominantemente albanesas da provincia e o goberno local,[4] e un empeoramento da economía conduciu a un gran número (ao redor de 100.000 entre 1961 e 1987)[5] de serbios e montenegrinos a abandonar a zona a principios da década de 1980.[6]

Xa en abril de 1987, Kosovo Polje convertérase no escenario dun famoso incidente cando Slobodan Milošević —naquel momento presidente da Liga dos Comunistas de Iugoslavia— fora enviado ao concello da cidade para calmar a unha multitude de serbios que protestaban furiosos pola discriminación a que estaban sendo sometidos polos albaneses de Kosovo, que dominaban a administración. Cando os cidadáns serbios se queixaron de que foran golpexados pola policía albanesa, Milošević lles dixo: "Ninguén ten dereito a golpexalos [...] Ninguén volverá a golpexalos nunca". O incidente deulle o apoio da poboación serbia, o que o impulsou á presidencia de Serbia, dous anos despois.

A principios de 1989, Milošević promulgou unha nova constitución que reduciu drasticamente a autonomía das provincias autónomas de Kosovo e Voivodina. Moitos albaneses morreron en marzo dese ano na violenta represión, polas forzas de seguridade serbias, das manifestacións contra a nova constitución.

En xuño, a atmosfera en Kosovo estaba en calma, pero tensa.[7] O discurso era o punto culminante da conmemoración do 600º aniversario da batalla. O acto foi tamén revestido dun importante significado relixioso; nos meses anteriores á celebración, os restos do príncipe Lazar de Serbia, líder dos serbios na batalla, foron levados en procesión por todo o territorio iugoslavo habitado por serbios.[8] Nestas circunstancias, calcúlase que aproximadamente 1 000 000 de serbios acudiron aos actos de Gazimestan,[9] que foron boicoteados polo membro croata da Presidencia federal, Stipe Suvar, así como polo embaixador de Estados Unidos e todos os embaixadores da Comunidade Europea e da OTAN, coa excepción de Turquía (que tiña un interese directo ao considerarse o estado sucesor do Imperio Otomán).[10]

Despois de ser escoltado a través das multitudes que o vitoreaban axitando a súa foto canda á de Lazar,[11] e nun ambiente de exacerbado nacionalismo, Milošević pronunciou o seu discurso sobre un enorme escenario cun pano de fondo que contiña numerosos símbolos do mito de Kosovo.

Contido

En Gazimestan, Milošević utilizou o discurso nacionalista e vitimista para lexitimar o seu réxime, utilizando os vellos símbolos nunha mestura de historia recente con épica medieval.[12] Presentou a victimización serbia como resultado dun mal liderado político e falou de como "o liderado de Serbia permanecera dividido, proclive a transixir en detrimento do seu propio pobo". Afirmou:

"O feito de que nesta rexión se encontre unha gran nación non é un pecado nin unha vergonza para Serbia, é unha vantaxe que non se utilizou contra outros, pero debo dicir que aquí, neste gran e lendario campo de Kosovo, os serbios tampouco utilizaron a vantaxe da súa grandeza para o seu propio beneficio."

Tamén sinalou que esta pasividade ía cambiar:

"Por culpa dos seus dirixentes e políticos e a súa mentalidad vasala, [os serbios] sentíanse culpábeis ante si mesmos e ante os demais. Esta situación prolongouse durante anos, durante décadas, e aquí estamos agora no campo de Kosovo para dicir que este xa non é o caso (...) A Serbia de hoxe está unida e igualada a outras repúblicas, e disposta a facer todo o posíbel para mellorar a súa situación financeira e social e a de todos os seus ciudadáns. Se hai unidade, cooperación e seriedade, terá éxito en facelo."

Na sección central da súa intervención, alabou as virtudes da tolerancia étnica e o socialismo, as proclamas que a multitude recibiu con maior silencio. Despois de emitir un chamamento "á unidade, a solidariedade e a cooperación entre as persoas", Milošević deu paso á pasaxe máis polémica do discurso, afirmando:

"Seis séculos máis tarde, estamos comprometidos en novas batallas, que non son armadas, aínda que tal situación non pode excluirse polo de agora. En calquera caso, as batallas non poden gañarse sen a resolución, a coraxe e o sacrificio, sen as calidades nobres que estaban presentes nos campos de Kosovo naqueles días do pasado. A nosa batalla principal agora é procurar o benestar económico e o progreso político e cultural, e a prosperidade social xeral, para encontrar un rápido e exitoso futuro á civilización que vivirá no século XXI."

Na parte final do discurso referiuse á relación entre Serbia e Europa. Interpretou a Serbia medieval non só como defensora do seu propio territorio, senón de toda Europa na loita contra os turcos:

"Hai seis séculos, Serbia defendeuse heroicamente a si mesma no campo de Kosovo, pero tamén naquela ocasión defendía a Europa. Serbia era entón o bastión que defendeu a cultura europea, a relixión e a sociedade europea en xeral. Por tanto, hoxe parece inxusto, pouco histórico e absurdo entender Serbia como algo distinto a Europa."

E concluíu o discurso coas proclamas:

"Que a memoria do heroísmo de Kosovo sobreviva sempre!

Longa vida a Serbia!

Longa vida a Iugoslavia!

Longa vida e irmandade entre pobos!"

Repercusión

Interpretacións

Segundo algúns medios, como The Washington Post, xa desde o día do discurso, "os serbios non deixaron de recordarse a si mesmos e ao mundo que están loitando pola defensa mesma de Europa contra o fundamentalismo islámico".[13] As reclamacións de Milošević de que os serbios "loitaron pola súa liberdade e cando podían tamén pola liberdade dos demais" foron vistas por algúns como un compromiso cun novo trazado pola forza das fronteiras interiores de Iugoslavia, para crear unha Gran Serbia.

O diario de Belgrado Politika ofreceu o discurso de Milošević na súa totalidade nunha edición especial dedicada integramente á cuestión de Kosovo. Afirmouse nun editorial que "Estamos vivindo unha vez máis nos tempos de Kosovo, e Kosovo e os seus arredores determinarán o destino de Iugoslavia e do socialismo. Queren quitarnos Kosovo de Serbia e de Iugoslavia, pero non o conseguirán".[14]

O momento do discurso tamén coincidiu coa efervescencia nacionalista noutras repúblicas iugoslavas. O nerviosismo do momento reflectiuse no informe que a televisión eslovena (Radiotelevizija Slovenija) fixo do discurso, no que sinalou:

"...e todo o significado da batalla de Kosovo pode influír na conciencia nacional e íntima dos serbios; os festexos en Gazimestan volveron a confirmar que será difícil facer fronte á conduta de Serbia e os seus desexos, xa que semella que os serbios obtiveron unha importante vitoria hoxe en Kosovo, e fixeron saber que non sería a última. O sentimento de pertenencia, de unidade, de poder e de obediencia case cega dunha multitude dun millón de persoas e o resto de serbios ou montenegrinos que non asistiron á reunión, son os elementos na conformación dunha política forte e tenaz".[15]

Moitos comentaristas interpretaron o discurso en retrospectiva como unha declaración codificada por Milošević de que estaba disposto a utilizar a forza para defender os intereses de Serbia;[16] Tim Judah especula que Milošević quizais se refiere á "loita armada" como un intento de "intimidar aos demais dirixentes iugoslavos, que por protocolo se viron obrigados a asistir ao evento".[17]

Xuízo

Durante o xuízo a que Milošević foi sometido na Haia polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia pola súa responsabilidade nas guerras iugoslavas, considerouse como o seu instigador a través do discurso de Gazimestan.[18] Milošević rexeitou este punto de vista, e replicou:

"Nin unha soa das miñas palabras se refiriu a unha actitude belicista, en absoluto. Todo o contrario, trátase dun discurso de paz, alentando á xente a vivir xuntos en harmonía, todas as nacionalidades, os turcos, goranis e ashkalíes que viven en Kosovo, así como en toda a ex Iugoslavia."

En canto á súa alusión ás "batallas", aclarou:

"É un termo habitual que todo o mundo usa hoxe en día, porque a paz aínda non é un estado permanente no mundo actual, no mundo moderno. E se non fora así, por que os estados teñen exércitos?"

Notas

  1. 1,0 1,1 Diario El País (España). "Los serbios conmemoran su derrota ante los turcos" (en español). Consultado o 31 de decembro de 2011. 
  2. Quote from the English translation by the National Technical Information Service of the US Department of Commerce. Reprinted in The Kosovo Conflict and International Law: An Analytical Documentation 1974-1999, ed. Heike Krieger, p. 10-11. Cambridge University Press, 2001. ISBN 0-521-80071-4.
  3. Historical and Investigative Research. "How Politicians, the Media, and Scholars Lied about Milosevic's 1989 Kosovo Speech" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2011. Consultado o 18 de decembro de 2011. 
  4. David Bruce MacDonald, Balkan Holocausts?: Serbian and Croatian victim-centred propaganda and the war in Yugoslavia, páx. 65. Manchester University Press, 2002. ISBN 0-7190-6467-8
  5. Projekat Rastko Gračanica. "The Migration of Serbs and Montenegrins from Kosovo and Metohija" (en inglés). Consultado o 18 de decembro de 2011. 
  6. Open Society Archives. "Rise of Tension in Kosovo Due to Migration" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 18 de decembro de 2009. 
  7. Paulin Kola, In Search of Greater Albania, páxs. 181-182. C. Hurst & Co, 2003. ISBN 1-85065-664-9
  8. Milan Milošević, "The Media Wars: 1987-1997", páxs. 110-111 in Burn This House: The Making and Unmaking of Yugoslavia, ed. Jasminka Udovički, James Ridgeway. Duke University Press, 2000. ISBN 0-8223-2590-X
  9. Angoso, páx. 40
  10. Nota ao pé da páx. 101, The War in Croatia and Bosnia-Herzegovina, 1991-1995, ed. Branka Magaš, Ivo Žanić.
  11. Michael Sells, "Kosovo Mythology and the Bosnian Genocide", páx. 181 in In God's Name: Genocide and Religion in the Twentieth Century, ed. Omer Bartov, Phyllis Mack. Berghahn Books, 2001. ISBN 1-57181-214-8
  12. Angoso, páx. 44.
  13. Emmert, Thomas A. "Why Serbia Will Fight for 'Holy' Kosovo; And the Peril for Western Armies Approaching the Balkan Tripwire". Washington Post, June 13, 1993.
  14. Olga Zirojević, "Kosovo in the Collective Memory", páx. 207-208, in The Road to War in Serbia: trauma and catharsis, ed. Nebojša Popov. Central European University Press, 2000. ISBN 963-9116-56-4
  15. Noticiero de Radiotelevizija Slovenija, 17:00 GMT, 28 de xuño de 1989
  16. Ivo Goldstein, Croatia: A History, páx. 203., C. Hurst & Co. Publishers, 1999. ISBN 1-85065-525-1
  17. Judah, Tim. "The Serbs: the sweet and rotten smell of history". Daedalus, June 22, 1997. No. 3, Vol. 126; páx. 23.
  18. ICTY. "The Prosecutor versus Milutinovic et al" (en inglés). Consultado o 18 de decembro de 2009. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Angoso García, Ricardo (2009): Kosovo. Las semillas del odio. Villaviciosa de Odón (Madrid): Plaza y Valdés. ISBN 978-84-96780-79-8 [1]

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!