Dire Straits é o primeiro álbum de estudio da banda de rock británica Dire Straits, lanzado o 9 de xuño de 1978 por Vertigo Records internacionalmente, por Warner Bros. Records nos Estados Unidos e por Mercury Records no Canadá. O álbum contén o éxito "Sultans of Swing", o cal acadou o número 4 na listaxe Billboard Hot 100 e o número 8 na UK Singles Chart. O álbum alcanzou o máis alto nas listaxes de Alemaña, Australia e Francia, número 2 nos Estados Unidos e número 5 no Reino Unido. Dire Straits foi máis tarde certificado como duplo álbum de platino tanto nos Estados Unidos como no Reino Unido.
Gravación
Dire Straits foi gravado nos Basing Street Studios en Londres do 13 de febreiro ao 5 de marzo de 1978. Knopfler usou unhas poucas guitarras para a gravación, incluíndo un par de Fender Stratocaster, unha de 1961 con número de serie 68354 e outra de 1962 con número de serie 80470. Tocou a súa guitarra National Style O de 14 trastos de 1938 (número de serie B1844) en "Water of Love" e "Wild West End". Tamén empregou unha Telecaster Thinline negra (número de serie 226254) en "Setting Me Up". David tocou unha Fender Stratocaster negra e unha guitarra acústica Harmony Sovereign. O álbum foi producido por Muff Winwood e mesturado por Rhett Davies, asistido por Greg Cobb.
Lanzamento
O álbum foi lanzado nos Estados Unidos o 20 de outubro de 1978. O primeiro sinxelo publicado foi "Sultans of Swing", o cal chegou por vez primeira aos cinco primeiros postos das listaxes estadounidenses a comezos da primavera de 1979, converténdose nun éxito cinco meses despois de se publicar o álbum alí, e logo chegou ao número oito no UK Singles Chart. "Water of Love" tamén foi lanzada como sinxelo nalgúns países, chegando ao posto 54 en Australia e ao 28 nos Países Baixos.
"Sultans of Swing" foi lanzada de novo como sinxelo no Reino Unido en novembro de 1988 para promocionar o álbum compilatorio Money for Nothing, publicado en outubro dese mesmo ano.
O disco foi remasterizado e reeditado co resto do catálogo de Dire Straits en 1996 para a meirande parte do mundo, excluíndo os Estados Unidos, chegando alí o 19 de setembro do 2000.
Arte
A portada do álbum está deseñada por Hothouse, quen lle encargou a pintura da portada a Chuck Loyola. O logo tipo Fender de Dire Straits que aparece na contraportada foi deseñado por Geoff Halpern.
Xira
Dire Straits promocionou o lanzamento do seu primeiro sinxelo e álbum coa Dire Straits Tour, que comezou o 6 de xuño de 1978 no Lafayette Club en Wolverhampton e finalizou o 18 de novembro de 1978 no College of Education en Hitchin, abarcando 55 actuacións. A xira europea incluíu concertos no Reino Unido, Francia, Bélxica, Alemaña e os Países Baixos. Estes concertos contaron co maior número de asistentes ata ese momento. A primeira parte da xira promocionou o seu primeiro sinxelo "Sultans of Swing" e levounos por todo Reino Unido en xuño e xullo de 1978, tocando en Inglaterra, Escocia e Gales. A banda tocaba normalmente en pequenos auditorios cunha capacidade máxima de 1.000 persoas. A segunda parte da xira promocionou o álbum como tal. Esta parte levou a banda a varios países europeos, concedendo entrevistas e actuando en programas de televisión.
Recepción da crítica
Nunha recensión retrospectiva para AllMusic, Stephen Thomas Erlewine deulle ao álbum catro de cinco estrelas, definíndoo como «notabelmente conseguido para un primeiro disco». Erlewine loou de Knopfler as súas «liñas de guitarra sobrias e de bo gusto e o seu canto ronco», alén da súa «inclinación cara a imaxes dylanescas, o cal aumenta a atmosfera anubrada e sinxela do álbum».
Na súa recensión para a revista Rolling Stone, Ken Tucker escribiu que a banda «toca unha mistura apretada e sobria de rock, folk e country cun espírito sereno e aguda ironía. É case coma se fosen conscientes de que o seu forte non ten nada que ver co que está a pasar na industria, mais non lles pode importar menos». Tucker destacou "Sultans of Swing" polo seu «gancho inevitable» e «o gruñido tipo Bob Dylan na súa voz». Tamén eloxiou "Setting Me Up" como unha «canción divina, divertida e amarga».
Listaxe de cancións
Todas as cancións están escritas por Mark Knopfler.
N.º |
Título |
Duración |
1. |
"Down to the Waterline" |
3:55 |
2. |
"Water of Love" |
5:23 |
3. |
"Setting Me Up" |
3:18 |
4. |
"Six Blade Knife" |
4:10 |
5. |
"Southbound Again" |
2:58 |
6. |
"Sultans of Swing" |
5:47 |
7. |
"In the Gallery" |
6:16 |
8. |
"Wild West End" |
4:42 |
9. |
"Lions" |
5:05 |
41:34 |
Persoal
Dire Straits
Produción