Os equipos participantes nesta edición 2011 da Copa América son as 10 seleccións nacionais que compoñen a Conmebol mais 2 seleccións que foron invitadas, a de México e a de Costa Rica.
As eliminatorias comezaron cos cuartos de final, aos que se clasificaron os 2 primeiros equipos de cada grupo, e os 2 equipos que remataron no 3º posto conseguindo mais puntos, ou en caso de empate a puntos, aquel co mellor índice de goles.
Para chegar a esta final, a Selección do Uruguai tivo que clasificarse no grupo C, cousa que fixo gañando 1 encontro fronte a México e empatando os outros 2 fronte a Perú e Chile. Nos cuartos de final eliminou á selección anfitrioa do campionato, Arxentina, e nas semifinais superou a Perú por 2 tantos a 0.
Pola súa banda, a Selección de Paraguai tivo como compañeiros no grupo B a Brasil, Ecuador e Venezuela, acadando como resultado 3 empates. Nos cuartos de final tivo que enfrontarse de novo a Brasil, co cal empatou novamente, aínda que acadou o pase a semifinais dende o punto de penalti. Nas semifinais repetiuse o enfrontamento con Venezuela, coa que Paraguai acadou o 5º empate seguido. O pase á final foi de novo acadado nos penaltis.
Na final o dominio do xogo pertenceu a Uruguai dende os primeiros minutos. No minuto 2 houbo un posible penalti a prol dos charruas por mans dun defensor guaraní dentro da área. No minuto 11 Uruguai abriu o marcador cun gol do dianteiro Luis Suárez. O segundo gol chegou no minuto 41, da man do tamén dianteiro Diego Forlán. Tralo descanso o encontro foi mais dividido, aínda que no minuto 89 Diego Forlán acadou o 3-0 a prol do Uruguai que pechou o marcador.