A civilización zapoteca[1] foi unha civilización precolombiana que habitou no val de Oaxaca, en Mesoamérica. As evidencias arqueolóxicas demostran que a súa cultura se remonta a hai 2 500 anos. Os zapotecos deixaron numerosas evidencias arqueolóxicas na antiga cidade de Monte Albán na forma de edificios, canchas de pelota, magníficas tumbas e xoias de ouro finamente traballadas. Monte Albán era unha das meirades cidades de Mesoamérica e o centro do estado zapoteco que dominou a meirande parte do territorio que hoxe se coñece como o estado mexicano de Oaxaca.
Orixe
O nome zapoteca provén do náhuatl "Tzapotécatl", que significa pobo do Zapote; con todo, cada rexión tiña a súa propia autodenominación. Por exemplo, os zapotecos da rexión Itsmo, unha das catro rexións recoñecidas, autodenominábanse "ben´zaa" ou "binizá" que significa en lingua zapoteca "xente das nubes".[2][3] Entre os mitos que existen, dise que son descendentes das rochas e as areas. Pouco se sabe sobre a orixe dos zapotecos. A diferenza da maioría dos indíxenas de Mesoamérica, non tiñan ningunha tradición ou lenda sobre a súa migración, senón que eles crían que naceron directamente das nubes, tal e como se fosen fillos lexítimos dos deuses. De aí o nome que eles mesmos se atribuían: be´neza (xente ceo). Actualmente autodenomínanse binnizá.
Evidencia
As evidencias arqueolóxicas indican que a súa cultura data desde hai 3 500 anos. Aproximadamente entre os séculos XV e XIV a.C. tivo lugar o primeiro desenvolvemento urbano importante da cultura, con centro en San José Mogote. Desenvolvéronse nos anos 500 a.C.-950 d.C., durante o horizonte preclásico os zapotecos establecéronse nos vales centrais do actual estado de Oaxaca. Así, mentres Teotihuacán florecía no centro de México e as cidades maias no sueste, Monte Albán, centro cerimonial construído no alto dun cerro, era a cidade máis importante da rexión oaxaqueña.
Os primeiros zapotecos eran sedentarios, vivían en asentamentos agrícolas, adoraban un panteón de deuses encabezados polo deus da choiva, Cocijo -representado por un símbolo da fertilidade que combinaba os símbolos da terra-xaguar e do ceo-serpe, símbolos comúns nas culturas mesoamericanas. Unha xerarquía de sacerdotes regulaba os ritos relixiosos, que ás veces incluíron sacrificios humanos. Os zapotecos adoraban os seus antepasados e, crendo nun mundo paradisíaco, desenvolveron o culto aos mortos. Eles tiñan un gran centro relixioso en Mitla e unha magnífica cidade no Monte Albán, onde prosperou unha civilización altamente desenvolvida, posiblemente hai máis de 2 000 anos. Na arte, a arquitectura, a escritura (xeroglíficos), as matemáticas, e a astroloxía (calendarios), os zapotecos parecen ter afinidades culturais cos olmecas, os antigos maias, e máis adiante cos toltecas.
Desenvolvemento cultural
Deixaron evidencias arqueolóxicas na antiga cidade de Monte Albán; en forma de edificios, estadios para o xogo de pelota, tumbas magníficas e valiosas mercadorías, incluíndo a ourivaría. Monte Albán era a cidade principal do hemisferio occidental e o centro dun estado zapoteca que dominou unha gran parte do que agora coñecemos como o estado actual de Oaxaca.
Os zapotecos desenvolveron unha agricultura moi variada. Cultivaron varias especies de chile, feixóns, cabaza, cacao e o máis importante de todos: o millo que a principios do período clásico daba sustento a numerosas aldeas. Para ter boas colleitas rendían culto ao sol, a choiva, a terra e o millo.
As mulleres e homes do pobo, que vivían nas aldeas, estaban obrigados a entregar como tributo: millo, pavos, mel e feixóns. Ademais de agricultores os zapotecos destacaron como tecedores e oleiros. Son famosas as urnas funerarias zapotecas, cuncas de barro que se colocaban nas tumbas. Os zapotecos alcanzaron un elevado nivel cultural e foron, xunto cos maias, o único pobo da época que desenvolveu un sistema completo de escritura. Por medio de xeroglíficos e outros símbolos gravados en pedra ou pintados nos edificios e tumbas, combinan a representación de ideas e sons.
As grandes cidades que construíron os pobos agrícolas de Mesoamérica creceron e estiveron habitadas durante varios séculos. Con todo, entre os anos 700 e 800 d.C., case todas elas foron abandonadas. Primeiro en Teotihuacán, despois na zona maia e logo en Monte Albán. A pesar diso, floreceron novos centros cerimoniais como Cacaxtla e El Tajín. Durante este período tamén subsistiron señoríos avanzados no Altiplano, como os de Cholula e Xochicalco; e nos estados de Guerrero, Michoacán, Colima, Xalisco, Nayarit, Sinaloa, Guanajuato, Aguascalientes e Querétaro, desenvolvéronse as culturas de Occidente. A maior parte do tempo, dedicábanse á agricultura.
Decadencia
Monte Albán dominou os vales até fins do Período Clásico mesoamericano e, do mesmo xeito que outras cidades mesoamericanas, entre os anos 700 e 1200 d.C. terminou o seu esplendor; a pesar diso, a cultura zapoteca continuou nos vales de Oaxaca, Tabasco e Veracruz.
Vindo do norte, os mixtecas substituíron os zapotecos en Monte Albán e posteriormente en Mitla; os zapotecos capturaron Tehuantepec dos zoques e os huaves do golfo de Tehuantepec. A mediados do século XV, os zapotecos e mixtecas loitaron para evitar que os mexicas gañasen o control das rutas comerciais cara a Chiapas, Veracruz e Guatemala. Baixo o mando de Cosijoeza, os zapotecos soportaron un longo sitio na montaña rochosa de Guiengola, mantendo a vista sobre Tehuantepec. Finalmente, para conservar a súa autonomía política, estableceron unha alianza cos mexicas, que se vería rota coa chegada dos españois e a posterior caída de Tenochtitlan.
Relixión
Como todas as civilizacións mesoamericanas, os zapotecos eran politeístas. O seu deus principal chamábase Xipe Totec e era coñecido por tres nomes:
Totec: é o deus maior, o que os rexía.
Chiltepin: é o deus creador, aquel que fixo todo como é agora.
Tlatlauhaqui: deus do sol.
Outros dos deuses principais eran:
Pitao Cocijo: deus do trono e da choiva.
Pitao Cozobi: millo tenro.
Coqui Xee: o non creado.
Quetzalcóatl: deus dos ventos.
Xonaxi Quecuya: deus dos terremotos.
Coqui Bezelao: deus dos mortos.
Pitao Cozana: deus dos antepasados.
Tamén tiñan certas supersticións, como o "tonal". Esta consistía en que cada vez que unha nai esperaba unha cría, o día do nacemento púñanse cinzas na choza onde vivía o recentemente nado e ao seguinte día a pegada do animal que se formase sería o "tótem" do neno: aquel animal que o representa e lle dá a súa personalidade.
Outra crenza chamada "nahualismo" consistía en que os magos escuros aproveitaban o seu "tótem" e convertíanse en animais para faceren maldades na noite.
Dentro do pensamento abstracto e ontolóxico do pobo zapoteca atopamos no vocábulo "guenda" a noción total e absoluta, a máis profunda e universal, a máis abstracta e xeral que atopamos dentro do pensamento da cultura zapoteca.
Calendarios
Iza: tiña 365 días agrupados en 17 meses. Utilizado para as colleitas, estaba organizado en 18 meses de 20 días cada un, contaba ao final cun período de cinco días.
O rexistro e medición do tempo e a observación dos ciclos astronómicos foron realizados polos zapotecos desde épocas temperás.
Cultura
Monte Albán é un conxunto arquitectónico sagrado que une os costumes relixiosos dos pobos mesoamericanos. Foi construído con varias plataformas graduadas como pirámides de diferentes alturas. Dentro da mesma levaban a cabo xogos de pelota. A diferenza doutros complexos é a inclusión de edificios dedicados, probablemente, ao culto funerario. Tamén figuran relevos labrados en laxas de pedra representando individuos con deformidades no corpo, coñecidos como os danzantes.
Os códices mixteco-zapotecos permiten coñecer a vida e costumes da rexión. Estes documentos foron escritos en xeroglíficos e sobre pel de veado e foron pintados con gran colorido. Ademais existen inscricións epigráficas datadas entre o 400 a.C. e o 900 d.C.
En Mitla, outro lugar con testemuños deste pobo, subsisten pinturas murais plasmadas sobre fondo vermello que representan a aguia, os deuses nocturnos e a Cocijo. En Hierve el Agua, os zapotecos crearon un sistema de regadío artificial único en Mesoamérica.
Os zapotecos desenvolveron un calendario e un sistema logofonético de escritura que utilizaba un carácter individual para representar cada sílaba da linguaxe. Este sistema de escritura é considerado como a base doutros sistemas de escritura mesoamericanos desenvolvidos polos olmecas, os maias, os mixtecas e os aztecas. Na capital azteca de Tenochtitlán, habitaban artesáns zapotecos e mixtecos cuxo desempeño era confeccionar xoiaría para os tlatoque ou emperadores aztecas, entre eles, o famoso Moctezuma.
As relacións co imperio azteca no centro de México déronse desde moito tempo atrás, como é testemuñado polas ruínas arqueolóxicas da comunidade zapoteca dentro de Teotihuacan e por unha casa en Monte Albán. Outras ruínas precolombianas importantes inclúen Lambityeco, Dainzu, Mitla, Yagul, San José Mogote, e Zaachila. Os tehuanos (persoas de Tehuantepec), aliáronse cos españois para loitaren contra os juchitecos, por iso é polo que naceu un certo distanciamento entre as dúas cidades que aínda hoxe perdura.