O Circuito Ricardo Tormo, oficialmente Circuito da Comunidade Valenciana Ricardo Tormo, é un circuíto de carreiras localizado en Cheste na provincia de Valencia na Comunidade Valenciana, España. Construíuse no ano 1999 e espérase que, polo menos, siga acollendo o Gran Premio da Comunidade Valenciana, un evento puntuable para o Campionato do Mundo de Motos, ata 2021.[1] Ten unha capacidade para 165.000 espectadores, con 125.000 asentos e leva o nome do campión valenciano de motociclismo Ricardo Tormo, dobre campión do mundo de 50cc.
No seu deseño, seguiuse o canon do circuíto Americano, os coñecidos óvalos, a diferenza do circuíto tradicional europeo coas súas molestias causadas polas solucións arquitectónicas que impiden a visibilidade completa do trazado. Atópase nunha parcela dun millón e medio de metros cadrados situada na zona chamada Cambrillas, dentro do concello de Cheste. A só vinte quilómetros da cidade de Valencia e a escasos quince do aeroporto de Manises. Ademais, dado o seu clima temperado durante o inverno europeo, moitos equipos europeos de automobilismo e motociclismo usan o circuíto durante a pretemporada para probar. Tamén realiza probas de dúatlon e ciclismo.[2]
O circuíto de Cheste (como se coñece popularmente) consta de catro pistas diferentes, a máis usada é a pista GP, que está clasificada como categoría 2 pola FIA, o que significa que pode albergar todo tipo de eventos automobilísticos e de motor, a excepción do Gran Premio puntuable para o Campionato Mundial de Fórmula 1. Ao principio 2006 anunciouse que se realizarían reformas no circuíto para albergar grandes premios da Fórmula 1. [3] En abril, Bernie Ecclestone puxo a proba as capacidades da pista realizando unha rolda da GP2 Series . Poucos meses despois anunciouse que os grandes premios terían lugar finalmente nun trazado urbano, o Circuíto urbano de Valencia.