Chen Chu (en chinés: 陳菊) nada o 10 de xuño de 1950, é unha política taiwanesa, presidenta do Yuan de Control e da Comisión Nacional dos Dereitos Humanos[1].
Traxectoria
Logo de graduarse na Escola de Xornalismo Shih Hsin en 1969 foi, ao longo da década de 1970, a secretaria de Kuo Yu-hsin, un dos máis recoñecidos membros do movemento opositor tolerado Tangwai. En 1979 axudou a fundar a revista opositora Formosa e exerceu brevemente como a directora da oficina da revista en Kaohsiung. Chen foi unha dos oito destacados disidentes, coñecidos como os "oito de Kaohsiung" que foron detidos o 13 de decembro de 1979 e condenados en 1980 a doce anos de prisión polo coñecido como "incidente de Kaohsiung" e pasaron na cadea case seis anos durante o período da lei marcial en Taiwán. En 1986 saíu do cárcere e uniuse ao Partido Democrático Progresista (PDP).
Entre 1994 e 1998 dirixiu o departamento de servizos sociais de Taipei durante o mandato do alcalde Chen Shui-bian e ocupou o mesmo posto en Kaohsiung de 1998 ao ano 2000. No ano 2000 realizou un mestrado de relacións públicas na Universidade Nacional Sun Yat-sen. Ao acceder á presidencia do país Chen Shui-Bian en maio de 2000, Chen Chu encabezou o ministerio de traballo en sucesivos gabinetes ata 2005.
O 9 de decembro de 2006 gañou a elección á alcaldía de Kaohsiung a primeira alcaldesa electa na cidade, e fíxoo por pouco de máis de 1100 votos sobre o candidato do Kuomintang Huang Jun-ying que recorreu a súa vitoria diante a xustiza e aínda que unha primeira sentenza en xuño de 2007 anulou as eleccións, unha instancia xudicial superior confirmou a súa vitoria en novembro de 2007[2]. En 2009 Chen viaxou á República Popular da China para promover os Xogos Mundiais que se ía celebrar nese ano na súa cidade e reuniuse cos alcaldes de Beijing e Shanghai e o presidente do Comité Olímpico da China. Os xogos, que se celebraron entre o 16 e o 26 de xullo, supuxeron un importante beneficio económico para a cidade[3]. Por mor da unión da cidade de Kaohsiung e o condado homónimo en 2010 logrou a reelección do novo municipio especial de Kaohsiung co 53% votos e o 68% dos votos logrou en 2014.
Entre 1 de marzo e o 30 de maio de 2012 foi presidente interina do PDP tras a marcha da súa líder Tsai Ing-wen logo de perder as eleccións presidenciais dese ano.
O 23 de abril de 2018 a presidenta taiwanesa, Tsai Ing-wen designouna secretaria xeral da oficina presidencial[4] posto que mantivo ata o 20 de maio de 2020
O 22 de xuño o presidente taiwanés anunciou que a elixira para dirixir o Yuan de Control[5]malia ser Chen partidaria da supresión desa institución [6][7][8] entre críticas da oposición[9][10][11][12][13], o Yuan Lexislativo confirmou a candidatura por 65 a 3 votos[14]despois de varios días de enfrontamentos na cámara[15][16]os lexisladores do Kuomintang e do Partido Popular Taiwanés boicotearon a votación e os do Partido do Novo Poder votaron en contra[17][18][19]. Segundo as regras internas o seu partido suspendeuna de militancia durante o período como presidenta do Yuan de Control e Chun anunciou que desexaría ser a derradeira presidenta da institución[20].