Castelo dos Condes de Benavente

Castelo dos Condes de Benavente
Fachada exterior.
Coordenadas42°03′19″N 6°38′01″O / 42.05527778, -6.63361111
editar datos en Wikidata ]

O Castelo dos Condes de Benavente é unha forteza militar situada no concello de Pobra de Seabra na provincia de Zamora.

Historia

As raíces desta poboación remóntanse, cando menos, á época visigoda, dado que aparece mencionada como unha ceca monetal co nome de Seabra. A súa relevancia defensiva non chegaría ata a Idade Media debida á súa situación xeográfica, o cal a converteu nunha forteza defensiva da fronteira con Portugal.

Tras diversas polémicas e preitos durante o século XV entre a familia Pimentel e a familia dos Losada pola posesión da Pobra de Seabra, o terceiro Conde de Benavente, Alonso Pimentel Enríquez, comezou construír sobre as ruínas dunha vella forteza o castelo da Pobra (entre 1455 e 1499). Parece ser que as obras se paralizaron durante anos polos preitos que existían en relación á propiedade da vila, e que non rematarían ata principios do século XVI. Tralas loitas que tiveron lugar na Seabra causadas pola Guerra de independencia de Portugal durante os anos corenta do século XVII, o castelo rematou en ruínas. As sucesivas guerras con Portugal no século XVIII e con Francia no XIX deixaron o castelo practicamente destruído. De feito, durante a denominada Guerra da Independencia, as forzas armadas españolas formuláronse, mesmo, a demolición do castelo para evitar que fose usado polos franceses.

Cesión ao Concello

Durante o resto do século XIX, o castelo viviu unha época de abandono e, dado o seu nulo uso como forteza militar, o goberno decidiu cederllo ao concello da Pobra de Seabra. Por esta razón, o 28 de xullo de 1895, a raíña rexente María Cristina en nome do seu fillo Afonso XIII, sancionou en San Sebastián a lei na que se materializa a devandita cesión. Tratábase dunha lei curta, de apenas tres artigos, que foi publicada pola Gaceta de Madrid o 30 de xullo dese mesmo ano. No artigo primeiro da Lei disponse que "se cede provisionalmente ao Concello de Pobra de Seabra o antigo castelo que existe naquela vila, ata que se determine se será ou non útil para a defensa da fronteira con Portugal, e en caso negativo, a cesión será definitiva e en pleno dominio". Aínda así, e como prevención, o Ministerio da Guerra conseguiu que no artigo segundo se dispuxese que "cando o Ministerio da Guerra necesite o castelo volverá ao seu dominio". Finalmente, o artigo terceiro da devandita Lei facultaba ao Ministerio para desenvolver regulamentariamente a norma ao sinalar que "o Ministerio da Guerra dará as ordes convenientes para o cumprimento desta lei".

Usos

A partir dese momento e durante case un século, o Concello deu ao castelo os máis variados usos, dende cárcere municipal ata almacén de palla ou galiñeiro. Posteriormente, xa na década dos anos noventa do século XX, o castelo adoptou un uso decididamente cultural ao instalarse nel definitivamente a biblioteca (1991), a sala de exposicións e o salón de actos. No ano 2006, a torre da homenaxe do castelo, popularmente coñecida como o Macho, converteuse no Centro de Interpretación das Fortificacións, grazas a un proxecto da Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León, namentres a Casa do Gobernador se converteu no 2007 no Centro de Recepción de Visitantes.

Entrada ao Castelo dos Condes de Benavente.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!