O edificio da antiga Casa da Moeda é a sede do Museo Helénico de Melbourne.
Historia
O establecemento dunha ceca sucursal da Royal Mint en Melbourne foi un asunto tratado en varias ocasións durante a segunda metade do século XIX. Neste sentido, as dúas cámaras lexislativas da colonia de Victoria enviaron senllas solicitudes ao Parlamento da metrópole, unha datada en decembro de 1859 e a outra en maio de 1864. En setembro de 1867, a Asemblea Lexislativa de Victoria aprobou unha lei pola que se dispuña un financiamento permanente para a Casa da Moeda proposta.[1]
A solicitude foi atendida e a Casa da Moeda de Melbourne comezou as súas operacións o 12 de xuño de 1872. Foi a segunda sucursal da Royal Mint fóra de Inglaterra, logo do establecemento da Casa da Moeda de Sydney en 1855.[2][3] Do mesmo xeito que nesta última, non tiña a potestade de fabricar os cuños, senón que estes eran enviados desde a metrópole, dotados coa marca de ceca M (Melbourne). [1]
A principal misión inicial desta ceca era a purificación do mineral de ouro e a cuñaxe de soberanos e medios soberanos dese metal, aínda que tamén elaboraba medallas, como as concedidas a sociedades agrícolas ou as relacionadas coas grandes exposicións.[2][3]
O seu financiamento corría exclusivamente a cargo do Goberno de Victoria, inicialmente como colonia e posteriormente como estado da Commonwealth de Australia. En 1916 foi a primeira ceca do país en producir moedas de prata para a Australia independente e en 1919 iniciou a cuñaxe de moedas de cobre. Tamén foi a primeira ceca do país en cuñar moeda decimal do sistema do dólar australiano, en 1964.[2][3]
Coa apertura da Real Casa da Moeda de Australia en Camberra en 1965, o Tesouro deixou de encargar a cuñaxe da moeda australiana en Melbourne, e tampouco se daba a suficiente demanda de purificación e ensaio de mineral de ouro, o que levou a que o 1 de xullo de 1970 se lle retirase a condición de ceca sucursal da Royal Mint.[2] Os arquivos do período completo da súa actividade consérvanse na Oficina de Rexistros Públicos de Victoria.[3]
A sede da Casa da Moeda de Melbourne era un edificio na esquina das rúas William e Latrobe, construído entre 1869 e 1872 polos contratistas William Murray & Company e Martin and Peacock, a partir dos planos do arquitecto do Servizo de Obras Públicas John James Clark. Trátase dun dos edificios públicos máis salientables dos construídos no século XIX no territorio de Victoria. O seu estilo arquitectónico é o renacentista auténtico e inspírase no palacio Vidoni-Caffarelli, de Roma, atribuído a Rafael e construído en 1515.[3][8]
Ademais do edificio que hoxe se conserva, de dous andares, que estaba dedicado á administración, había outro edificio de produción de tres plantas en forma de ferradura, dividido en departamentos operativos como a sala de cuñaxe, o forno principal, a sala de máquinas, as caldeiras, a ferraría, o departamento de ensaio e a refinaría. Este edificio de produción foi demolido en 1972 e os seus equipamentos vendéronse, logo do cesamento da actividade como fábrica de moeda. O complexo completábase con dúas portarías e os muros perimetrais.[8]
Despois de cancelarse a súa función como fábrica de moeda, en 1971 o edificio administrativo pasou a albergar o Rexistro de Matrimonios Civís e en 1988 a Real Sociedade Histórica de Victoria. A principios da década de 2000, a empresa de medios dixitais TEAC tiña a súa sede nese edificio, e foi responsable de gran parte da súa restauración. En 2007, no edificio instalouse o Museo Helénico de Melbourne, fundado polo empresario e filántropo Spiros Stamoulis, especializado na cultura grega, tanto clásica como contemporánea.[8][9]
Alston Pearl, S. (1941). "Melbourne's Royal Mint". En Walkabout. Vol. 7. Nº 5. 1 de marzo. Páxinas 9-12.
Batchelor, P. (1977). "Melbourne Branch of the Royal Mint (William-Street)". En Australian Numismatist. Vol. 31. Nº2. Maio-xuño. Numismatic Association of Victoria. Páxinas 3-4.
Kenyon, A.S. (1935). "The Royal Mint and Its Australian Branches". En Victorian Historical Magazine Vol. XV. Nº 3. Maio. Páxinas 61-82.