A casa da Braña é unha casa grande situada no lugar da Braña, na parroquia de Carballedo, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
Características
Construíuna cara a 1730 Gregorio Senra, párroco de Carballedo e arcipreste de Cotobade, como residencia propia e soar dunha capelanía. En 1856 vendeullo ao veterinario de San Xusto, Francisco Javier Garrido Cerviño, posiblemente no marco da desamortización de Mendizábal[1]. En 1885 mercouno o maxistrado José María Vidal González, pasou ao seu descendente o avogado José García Vidal e logo á súa filla, que en 1954 casou co médico ourensán Antonio Fernández Barja.[2]
A construción ten planta rectangular con baixo e piso. En cada fachada hai unha longa solaina con balaustrada de pedra e piares que sosteñen o teito, ás que se accede por medio de patíns. Baixo a solaina fórmase un soportal alintelado sostido por piares. Na esquina sueste hai un reloxo de sol.
A casa sitúase nunha terra lindante co río Almofrei e co rego de Chan das Latas. A propiedade rústica ten un hórreo e unha corte, así como diversas froiteiras (maceiras, abeleiras) e outras árbores. Tamén conta cun cruceiro e unha piscina. O recinto está pechado por balaustrada de pedra nalgúns tramos.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Outros artigos