A capela dos Santos Reis é un templo relixioso situado no Valado (Bueu), adicado aos Reis Magos. É a única de Europa xunto coa catedral de Colonia (Alemaña), baixo a advocación dos Magos de Oriente. Foi deseñada por Urbano Lugrís. Está coidada por unha asociación que cada 6 de xaneiro organiza unha pequena romaría.
Historia
En 1686 a capela foi creada polos propietarios do pazo de Castrelo. Foi inaugurada en 1686 polo párroco de Bueu, Fernando de la Rúa Freire. A capela caeu en desuso e derrubouse, e as numerosas representacións en pedra espalláronse por distintas casas da Vila. Conservouse unha pequena fornela coa imaxe do rei Baltasar, o que mantivo viva a devoción.
En 1948 o Concello acordou construír unha nova capela, e encargou a Urbano Lugrís o deseño e a Victoriano Barcala a construción. No Museo Massó consérvanse os bocexos orixinais do deseño. Lugrís definiu este santuario como a súa grande obra, e deseñou tamén o retablo do seu interior. O novo templo foi inaugurado o 4 de outubro de 1953. Porén, na década de 1970 comezou a derrubarse o tellado e desapareceron algunhas das figuras ornamentais e mesmo un retablo de tres corpos, tallado polos irmáns Ribas de Santiago con tres cadros e deseño de Lugrís.
Arquitectura
É unha pequena construción de planta rectangular (5 x 6 m aprox.), con cuberta a catro augas. Na fachada ten un arco de medio punto apoiado en basamenta de cadeirado que sobresae da liña de fachada facendo un pórtico. Coroa o arco unha especie de crismón cunha cruz aspada. Está decorado con motivos mariñeiros: un barco de vela, áncora de almirante, peixe, cuncha de vieira, gaivota, rosa dos ventos e balea, moi característicos do estilo de Lugrís. A ámbolos dous lados da porta hai dous contrafortes impostos cunhas fornelas, que no seu día albergaban as imaxes de San Xosé e da Virxe. No ano 2005 colocáronse dúas novas imaxes en substitucións das orixinais perdidas.
Nos laterais tamén existen catro falsos contrafortes, columnas pétreas con cadanseu evanxelista que ornamentan a capela (un deles non orixinal). Os modillóns que simulan o soporte do saínte están decorados con cunchas de vieira. En cada fachada lateral existe unha fiestra en arco de medio punto e decorada, cunha roda de temón a sur e unha áncora a norte. A fachada posterior está rematada por unha espadana en arco.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Ficha en Patrimonio Galego.