Brazil é un filme británico-estadounidense dirixido por Terry Gilliam que se estreou no ano 1985. Está protagonizado por Jonathan Pryce e Robert De Niro, e obtivo dous nomeamentos ós Premios Óscar, á mellor dirección artística e ó mellor guión orixinal.
Sinopse
Sam Lowry (Jonathan Pryce) é un tecnócrata eficiente pero soñador cun posto de terceira categoría dentro da xigantesca máquina burocrática que move (ou paraliza) a unha antiutopía opresiva, inhumana, afundida pola ineficiencia e ameazada polo terrorismo.
Un erro no apelido debido a unha mosca caída na testa dun teletipo, provoca a detención errónea dun inocente, de consecuencias fatais para este. Como oficialmente non existen erros no sistema burocrático, ninguén quere facerse cargo do papelorio agás o benintencionado Lowry. Durante a súa visita á familia do falecido ten un encontro casual coa súa veciña, á que recoñece como a muller dos seus soños. Pero ela foxe.
O descubrimento fai que, para poder obter información sobre ela, Sam sométese ós desexos da súa nai, unha narcisista recalcitrante e moi ben relacionada obsesionada con darlle unha carreira ó fillo. Así, Lowry comeza a súa escalada ás altas esferas a pesar da súa natureza escrupulosa e pouco ambiciosa.
Tanto a súa implicación no erro burocrático do principio, como a súa obsesión pola muller e os seus contactos cun fontaneiro clandestino complican a vida a Lowry ata o punto de que pasa a ser considerado unha ameaza para o sistema. Mentres, a pesar de moitas dificultades, é quen de acadar o amor da súa rapaza soñada.
Finalmente o Sistema, implacable, faise cargo de Sam Lowry e destrúeo mediante a tortura. Pero Lowry obtén refuxio na tolemia.
Personaxes
Influencias
O director, Terry Gilliam referiuse a esta película como a segunda dunha triloxía formada por Os bandidos do tempo (1981) e As aventuras do Barón Munchausen (1989). As tres películas teñen como tema común a loita pola imaxinación e a liberdade de pensamento nun mundo que se opón ás devanditas ideas.
Esta película contén numerosos temas complexos e sutís aderezados cunha mestura de humor cruel e ideas que dificultan un seguimento lineal da trama pero que contribúen a crear un filme rico que pode ser visto en varias ocasións. A película posúe unha importante riqueza visual presentando unha visión infrecuente do futuro e con imaxes oníricas que admiten diferentes interpretacións.
Tamén contén numerosas referencias á serie de televisión británica dos anos sesenta The Prisoner e á novela de George Orwell 1984.
Na súa estrea a película tivo importantes dificultades en recadación. Con todo, permanece como unha película de culto entre os fans de Gilliam. A edición en VHS da cinta é unha versión máis curta de 131 minutos. A edición en DVD é a mesma que a película orixinal.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas