Fundados en 1924, os Boston Bruins son unha das franquías máis antigas da NHL que seguen activas,[nota 1] formando parte entre 1942 e 1967 do denominado Original Six xunto cos estadounidenses Chicago Blackhawks, New York Rangers e Detroit Red Wings, e os canadensesMontreal Canadiens e Toronto Maple Leafs. Foron o primeiro equipo da NHL en instalarse nunha cidade dos Estados Unidos, e tan só os Canadiens e os Maple Leafs (daquela chamados St. Patricks), son anteriores aos Bruins. Dende a súa primeira tempada (1924-25), os Bruins teñen disputado dezaoito veces a final da Copa Stanley, conseguindo o campionato en seis ocasións os anos 1929, 1939, 1941, 1970, 1972 e 2011. Os seus rivais históricos son os Montreal Canadiens, quen os derrotaron en todas as ocasións nas que os dous equipos se encontraron na final.
A orixe dos Boston Bruins remóntase a marzo de 1924[1] cando Charles Adams, propietario dunha cadea de tendas en Boston,[2] comezou os contactos coa National Hockey League, ata entón limitada ao Canadá, para lograr unha franquía, o que se acordou no verán[3] por 15.000 dólares polos dereitos da NHL na cidade estadounidense.[4] Deste xeito, os Boston Bruins comezaron a competir na oitava tempada da NHL, a 1924-25, sendo unha das dúas novidades da liga xunto cos Montreal Maroons.[5]
Para afrontar a primeira tempada da nova franquía, Adams contratou a Art Ross, que viña de adestrar aos Hamilton Tigers.[6] O primeiro partido do equipo disputouse na tarde do 1 de decembro de 1924 contra os Maroons, sendo tamén o primeiro partido da historia da NHL fóra do Canadá, no que os Bruins gañaron por 2 goles a 1,[7] conseguindo o primeiro gol da franquía Smokey Harris.[8] Finalmente o equipo finalizaría a tempada na derradeira praza con só seis vitorias.[9] Porén a situación cambiaría na tempada 1926-27, cando Adams contratou sete xogadores da extinta WCHL, entre eles Eddie Shore e Harry Oliver, o que lles permitiu chegar á final da Copa Stanley contra o mellor equipo da tempada regular, os Ottawa Senators, que finalmente lograron facerse coa copa.[10]
A tempada 1928-29 supuxo o traslado do equipo ao Boston Garden, e estivo marcada pola chegada de Cy Denneny, considerado na época o mellor goleador da historia da NHL,[nota 2] procedente dos Ottawa Senators,[11] que exerceu como xogador e como adestrador, e a fichaxe de Cecil «Tiny» Thompson (Minneapolis Millers). Xunto a eles chegarían para reforzar ao equipo Mickey MacKay (Pittsburgh Pirates), Myles Lane (New York Rangers), e Bill Carson (Toronto Maple Leafs). Con estes reforzos, os Bruins conseguiron clasificarse para as semifinais da Copa Stanley, onde se enfrontaron aos Montreal Canadiens, aos que derrotaron en tres partidos para clasificarse para a final da Copa Stanley fronte aos Rangers na que foi a primeira final da NHL sen representantes do Canadá. Na final os Bruins impuxéronse en dous partidos aos neoiorquinos, gañando o segundo partido no Madison Square Garden, onde Bill Carson meteu o gol que daría a vitoria e a primeira Copa Stanley aos de Boston.[12] Na seguinte tempada os Bruins chegarían novamente á final, mais caeron en dous partidos fronte aos Canadiens.[13] Esta derrota iniciou un período de oito tempadas nas que os de Boston non foron quen de pasar a primeira eliminatoria dos play-offs, e mesmo non se clasificaron para as series finais nas tempadas 1931-32 e 1933-34, finalizando esas dúas tempadas na derradeira posición da súa división.[14]
A dinámica negativa dos Bruins nas series finais mudou radicalmente na tempada 1938-39, cando logo de finalizar unha liga regular sen divisións, os Bruins se enfrontaron ao segundo clasificado (New York Rangers) nunhas semifinais ao mellor de sete encontros, gañando finalmente os de Boston por 4 partidos a 3.[15] Os Bruins encontrábanse ante a súa cuarta final da Copa Stanley, na que se tiñan que enfrontar aos terceiros clasificados da liga regular, os Maple Leafs; logo de gañar un partido cada un en Boston, os Bruins gañaron os dous partidos disputados en Toronto, situando o 3-1 na eliminatoria, que viaxaba agora a Boston, finalmente os Bruins gañaron o quinto partido e fixéronse coa súa segunda Copa Stanley, a única gañada polo equipo baixo a dirección de Art Ross nas 16 tempadas que o canadense adestrou aos Bruins.[16][nota 3]
Na tempada 1939-40, malia finalizar na primeira posición da liga, os Bruins caeron na primeira rolda das series eliminatorias fronte aos Rangers, que finalmente gañarían a súa terceira Copa Stanley.[17] A tempada seguinte supuxo a consecución do terceiro campionato ligueiro para os Bruins; malia teren comezado mal a tempada, o equipo conseguiu encadear 21 vitorias dende o 21 de decembro de 1940, con 10 empates e unha soa derrota, para finalizar a liga regular na primeira posición. Nas semifinais enfrontáronse aos segundos clasificados, os Toronto Maple Leafs, aos que derrotaron por 4 partidos a 3 logo de remontar unha eliminatoria que se puxera de cara para os canadenses logo do quinto partido (3-2). Na final de 1941 a franquía de Boston enfrontábase aos Red Wings de Detroit, que finalizaran na terceira posición da liga regular a 14 puntos dos Bruins, que se farían co título de liga sen perder ningún partido, levando así a terceira Copa Stanley a Boston.[18]
Os anos do Original Six
Despois de gañar a terceira Copa Stanley para os Bruins, Cooney Weiland deixou o equipo e Ross tivo que volver ao banco dos Bruins unha vez máis. As consecuencias económicas da Gran Depresión e da segunda guerra mundial fixeron que tres dos dez equipos que integraban a liga (Ottawa Senators, Pittsburgh Pirates e Vancouver Maroons) desapareceran durante os anos 1930, e na 1942-43 os New York Americans finalizaron as súas actividades, o que fixo que a NHL iniciara un período de vinte e cinco anos coñecido como a "era dos seis equipos orixinais da NHL" ou dos "Original Six", unha liga de seis: Canadiens, Maple Leafs, Red Wings, Rangers, Black Hawks e os Bruins.[19]
A tempada 1944-45 foi a derradeira de Ross como adestrador dos Bruins, logo dun total de 219 partidos á cabeza da franquía repartidos en catro períodos, cedendo a súa praza a Dit Clapper quen ocupou o dobre posto de adestrador-xogador. Co remate da guerra volveron antigos xogadores na tempada 1945-46, o que non impediu que os de Boston perderan na final fronte aos Canadiens, resultados que non mellorarían nos seguintes anos, colleitando os Bruins tres derrotas na primeira rolda dos play-offs nas seguintes tres tempadas.
En 1948 dous xogadores dos Bruins protagonizaron un escándalo. A NHL logrou probas por medio de escoitas da policía de que Billy Taylor, adquirido polos Bruins en 1947 procedente dos Red Wings, e Gallinger tiñan relacións cun corredor de apostas e que os dous apostaran polos Bruins.[20] Como resultado, o presidente da NHL Clarence Campbell suspendeunos de por vida.[21]
Dende a marcha de Clapper fóronse sucedendo varios adestradores no banco dos Bruins, mais ningún conseguiu levar á franquía á consecución dun novo título de liga. Na tempada 1949-50 entrou Buck Boucher como novo adestrador, mais non foi quen de clasificar o equipo para as series. Lynn Patrick substituíuno nas tempadas seguintes, logrando meter os Bruins de novo nunha final, na tempada 1952-53, que gañaron os Canadiens.
En 1954, despois de 30 anos á cabeza dos Bruins, Art Ross cedeu o seu posto de director xeral a Lynn Patrick, quen nomeou como adestrador a Milt Schmidt. Baixo a súa dirección, os Bruins chegaron a dúas finais consecutivas, na tempada 1956-57 e 1957-58, as dúas perdidas fronte a Montreal. Logo desta última final, os Bruins conseguiron clasificarse para os play-offs grazas ao seu segundo posto na liga regular, mais caeron na primeira rolda fronte aos Maple Leafs por 3 partidos a 4, que perderían a final fronte aos Canadiens por 4-1.[22]
A partir de 1959 os Bruins entraron nunha dinámica perdedora. Na tempada 1960-61 os Bruins remataron os derradeiros, con só 14 vitorias en 70 partidos. Na tempada seguinte entrou Phil Watson para dirixir o banco, que só permaneceu pouco máis dunha tempada, volvendo Schmidt ao posto. Na tempada 1966-67, o equipo de Schmidt realizou unha mala tempada e no medio da mesma substituíuno Harry Sinden, non obstante os Bruins volveron quedar os últimos da liga por sexta volta nas últimas sete tempadas, e por oitava volta consecutiva non se clasificaron para as eliminatorias[23]
A expansión de 1967 poría fin á era do Original Six, unha etapa na que a franquía de Boston non foi quen de conseguir ningún título, en parte motivado pola política da liga para que os equipos adquiriran novas promesas, xa que segundo as normas da NHL, un equipo tiña dereitos exclusivos á hora de fichar a un xogador promesa se este se encontraba dentro dunha área de 50 millas de distancia desde a sede da franquía (se o xogador estaba fora desta área podía negociar con calquera equipo),[24] o que beneficiou aos equipos do Canadá, xa que a maior parte dos xogadores eran desa nacionalidade, e aos Detroit Red Wings, que podían dispoñer de dereitos exclusivos sobre xogadores do sur de Ontario; esta medida tamén limitou os traspasos entre as franquías.[25]
A era Orr-Esposito
Bobby Orr en 2010.
Phil Esposito en 1969.
En 1967 a NHL pasou de seis a doce franquías, os novos equipos foron Minnesota North Stars, Los Angeles Kings, Oakland Seals, Philadelphia Flyers, Pittsburgh Penguins e St. Louis Blues. Estes novos equipos tiveron o dereito de elixir vinte xogadores entre os seis equipos orixinais, que tiñan pola súa banda o dereito a "protexer" os seus mellores doce xogadores.[26] Os Kings e os Penguins escolleron dous xogadores dos Bruins, os North Stars e os Seals tres, os Blues catro e os Flyers oito.[27] As seis novas franquías axuntáronse na división oeste mentres os seis equipos orixinais formaron a división leste.[26]
O 15 de maio de 1967 o novo director xeral dos Bruins, Milt Schmidt, obtivo a Phil Esposito, Ken Hodge e Fred Stanfield dos Black Hawks en troco de Pit Martin, Jack Norris e Gilles Marotte.[28] A chegada destes novos xogadores marcou a volta dos Bruins ás series eliminatorias tras oito anos de fracaso. Na tempada 1967-68 remataron en terceiro lugar da súa división tras os Canadiens e os Rangers,[29][30] e na tempada seguinte, por detrás de Montreal.[31] Nesas dúas tempadas foron os Canadiens os encargados de eliminalos da Copa Stanley; en 1968 Montreal gañou 4-0 na primeira rolda das series e en 1969 os Bruins, tras derrotar aos Maple Leafs, quedaron eliminados en seis partidos, tres perdidos na prolongación.[32]
A tempada 1969-70 supuxo a consecución dunha nova Copa Stanley para a franquía de Boston. Nesta tempada, o equipo dirixido por Harry Sinden realizou un inicio de liga regular case perfecto, mais a remontada final dos Blackhawks (gañaron os seus últimos 26 partidos) relegaron aos Bruins ao segundo posto da liga cos mesmos puntos que os de Chicago pero con 5 vitorias menos.[30][33] Nos play-offs enfrontáronse na primeira rolda aos Rangers, derrotando aos neoiorquinos por 4 partidos a 2, dándolles o paso ás semifinais contra os Blackhawks, aos que derrotarían por un contundente 4-0. Deste xeito os Bruins chegaban á súa 11ª final da Copa Stanley, na que se enfrontarían ao campión da división oeste, os St. Louis Blues, mais con 13 puntos menos que os Bruins na liga regular. Finalmente os Bruins imporíanse tamén por 4-0 aos Blues e alzarían a súa cuarta Copa Stanley.[30][34]Bobby Orr foi nomeado mellor xogador da tempada na NHL, mentres que Phil Esposito encabezou as estatísticas en goles, asistencias e puntos.[34] Na tempada seguinte, malia conseguir a primeira posición na liga regular con 57 vitorias en 78 partidos, os Bruins caeron na primeira rolda dos play-offs fronte aos Montreal Canadiens en sete partidos.[35][36]
Na tempada 1971-72 chegou a quinta Copa Stanley para o equipo de Boston. Logo de conseguir o campionato da liga regular con 119 puntos (54 vitorias, 13 derrotas e 11 empates), os Bruins enfrontáronse aos Maple Leafs (cuartos na división leste da liga regular, con 29 puntos menos que os Bruins), impoñéndose aos canadenses por 4-1. Nas semifinais tíñanse que enfrontar aos St. Louis Blues (que viñan de derrotar aos Minnesota North Stars en sete partidos), impoñéndose por un contundente 4-0. Na final da liga enfrontáronse os Bruins e os Rangers, impoñéndose os de Boston en seis partidos.[37][38] Novamente Orr e Esposito lideraron a liga en puntos (116 e 133 respectivamente).[30][39]
Entre 1973 e 1975 Orr e Esposito repartíronse os galardóns individuais da liga, e mesmo na tempada 1973-74 catro xogadores de Boston remataron dentro dos primeiros puntuadores da liga, con Ken Hodge e Wayne Cashman situados no terceiro e cuarto lugar.[40][41] Malia estes bos resultados individuais, a franquía non conseguiu ningún título máis na década de 1970.
Na tempada 1975-76 os Bruins traspasaron a Esposito e Carol Vadnais aos Rangers a cambio dos defensores Brad Park, Joe Zanussi, así como tamén o central Jean Ratelle,[42] mentres que Orr perdeu case a totalidade da tempada por mor de dúas operacións nos xeonllos, e rematada a tempada marchou aos Blackhawks.[43] Malia a marcha das súas dúas estrelas, os Bruins conseguiron chegar á final da Copa Stanley ao ano seguinte, caendo fronte aos Canadiens por 4-0.[44] A mesma historia repetiríase ao ano seguinte, cando os Bruins gañaron novamente a súa división e chegaron á final da liga fronte aos canadenses, caendo en seis partidos no que sería a sétima derrota dos de Boston nunha final fronte aos de Montreal noutras tantas ocasións.[45] Logo da fusión da NHL coa WHA e do draft que lle seguiu ao final da tempada, a primeira elección dos Bruins foi a do defensor Raymond Bourque, procedente dunha liga xuvenil de Québec, e que se ía converter no sucesor de Bobby Orr no posto.
Anos 1980 e 1990
Entre 1980 e 1987, os Bruins clasificáronse en cada tempada para os play-offs, mais tan só chegaron nunha ocasión á final da Copa Stanley. Despois de chegar á final da conferencia en 1983, foron eliminados catro anos seguidos polos Canadiens logo do primeiro partido de series; en quince encontros disputados entre as dúas formacións, os Bruins só gañaron dous. En 1988 despois de derrotar aos Sabres, enfrontáronse de novo aos Canadiens, perderon o primeiro partido por 5-2 mais gañaron os catro seguintes, logrando eliminar os de Montreal por primeira volta desde 1943. Gañaron logo contra os New Jersey Devils e caeron na final fronte aos Edmonton Oilers de Wayne Gretzky, que gañaron a súa cuarta copa en cinco anos. Despois dunha nova eliminación polos Canadiens en 1989 enfrontáronse de novo aos Oilers na final en 1990, gañando o equipo de Edmonton a súa quinta Stanley en sete anos. Nas tempadas 1990-91 e 1991-92, os Bruins eliminaron os Canadiens na final da división pero nas dúas perderon diante os Penguins na final da conferencia,[46][47] o que lles impediu acceder a unha nova final da Copa Stanley.
En 1991 a NHL, que mantiña un número de equipos estables desde 1979, autorizou a chegada de novas franquías cunha expansión progresiva, pasando de vinte e un equipos a finais da tempada 1990-91, a vinte e dous en 1993, vinte e seis en 1994, vinte e sete en 1998, vinte e oito en 1999 e trinta en 2000. O aumento do número de equipos incrementou a dificultade para se clasificar para as series eliminatorias. Os Bruins non chegaron a final da Copa Stanley ningunha vez neses anos.[23]
Dende a súa chegada aos Bruins, Ray Bourque converteuse nun xogador imprescindible na franquía, conseguindo numerosos galardóns persoais, en 1985 foi designado capitán do equipo xunto con Rick Middleton, e en 1988 converteuse no único capitán do equipo. Finalmente Bourque desligaríase da franquía de Boston no ano 2000 ao asinar cos Colorado Avalanche, equipo co que gañaría a súa única Copa Stanley en 2001 no seu último partido.[48][49] Coas cores dos Bruins, Bourque xogou 1506 partidos e conseguiu 1518 puntos, sendo aínda na actualidade o líder do equipo de Boston en partidos xogados, asistencias e puntos.[50]
Novo milenio
Despois da chegada do novo século, os resultados dos Bruins foron moi irregulares, cuartos da súa división en 2001, vencedores ao ano seguinte, terceiros en 2003 e de novo vencedores en 2004, os derradeiros en 2006 e 2007, terceiros en 2008, vencedores en 2009 e terceiros en 2010. Tras a destitución de Pat Burns en 2000 o equipo viu seis adestradores diferentes, aínda que de novo volveu á estabilidade coa chegada de Claude Julien en 2006, e foi con el que no ano 2009 superaron por primeira volta en dez anos a primeira rolda nas series, contra un rival histórico, os Canadiens.
Sexta Copa Stanley
A tempada 2010-11 dos Bruins comezou en Europa, onde se enfrontaron dúas veces en Praga (República Checa) aos Phoenix Coyotes. Os de Boston conseguiron o título da súa división, situándose terceiros da Conferencia Leste ao final da liga regular por detrás dos Washington Capitals e os Philadelphia Flyers, primeiros e segundos respectivamente. A terceira posición da conferencia fixo que se cruzaran na primeira rolda dos play-offs co seu rival histórico, os Canadiens. Malia perder os dous primeiros partidos disputados no TD Garden de Boston, os Bruins gañaron os tres seguintes partidos (o quinto da serie logo de dúas prórrogas), mais Montreal empatou a serie no último partido que se disputaría no Canadá e todo se decidiría no definitivo sétimo encontro, no que os Bruins se impuxeron por 4 goles a 3 na súa casa, conseguindo o pase ás semifinais de conferencia.[51]
O seguinte paso na carreira polo título dos Bruins eran os segundos clasificados da conferencia, os Flyers. Malia á igualdade dos dous equipos na clasificación da liga regular, os de Boston impuxéronse por un contundente 4-0 na eliminatoria, impoñéndose en varios partidos por marcadores avultados, como o 7-3 do primeiro partido, ou o 5-1 dos dous últimos enfrontamentos.[52] A final da conferencia enfrontaríaos aos Tampa Bay Lightning, quintos clasificados na liga regular, nunha eliminatoria na que, ao igual que contra os Canadiens, os Bruins comezaron perdendo na casa. Logo dunha serie que se decidiu no sétimo encontro, os Bruins alzáronse co Prince of Wales Trophy como campións da Conferencia Leste.[53]
A final da Copa Stanley enfrontaría aos Bruins co mellor equipo da liga regular, os Vancouver Canucks. Os Canucks comezaron gañando os dous primeiros partidos da serie en Vancouver, mais os Bruins igualaron a eliminatoria gañando os seguintes dous partidos disputados na súa casa de xeito contundente (8-1 e 4-0). Nos seis primeiros partidos as vitorias decantáronse sempre a favor do equipo local, polo que todo quedaba por decidirse no sétimo encontro, en Vancouver, no que os Bruins se imporían por 4 goles a 0 no Rogers Arena, levando deste xeito a Copa Stanley a Boston por sexta vez na historia da franquía.[54] Boa parte do éxito dos Bruins chegou grazas ao seu porteiro, Tim Thomas, nomeado mellor porteiro das series eliminatorias.[55]
Dende 2011
Na tempada 2011-12 os Bruins conseguiron a primeira posición da Northeast Division, e a segunda da Conferencia Leste na liga regular con 49 vitorias en 82 partidos,[56] polo que se enfrontaron nos cuartos de final de conferencia aos Washington Capitals, sétimos clasificados no leste. Malia gañar o primeiro e o terceiro partidos, dúas vitorias consecutivas dos Capitals no cuarto e quinto partido, puxeron a eliminatoria do lado do equipo de Washington. Os Bruins igualaron a eliminatoria no sexto partido grazas a un gol na prórroga de Tyler Seguin, mais no derradeiro partido da serie os Capitals impuxéronse por 2 goles a 1 na prórroga, poñendo punto e final á defensa do título dos Bruins.[57]
Ao ano seguinte, nunha tempada marcada polo peche patronal que reduciu a tempada a 48 partidos, os Bruins conseguiron a segunda praza da súa división con 28 vitorias.[58] Nos cuartos de final de conferencia enfrontáronse aos Maple Leafs, derrotándoos en sete partidos, o último deles gañado na prórroga. Na seguinte rolda os Bruins debían desfacerse dos Rangers, conseguíndoo en cinco partidos. Na final de conferencia esperaban os Pittsburgh Penguins, aos que eliminaron por un contundente 4-0, incluíndo un 3-0 no primeiro partido e un 6-1 no segundo. Os Bruins chegaban deste xeito á final da Copa Stanley, onde se enfrontaron aos Blackhawk, que remataran campións da liga regular con 36 vitorias; os Bruins perderon na prórroga o primeiro encontro, mais impuxéronse nos dous seguintes. Porén, tres vitorias consecutivas dos Blackhawks levaron o título a Chicago.[59]
Na tempada 2013-14 os Bruins conseguiron un novo título da liga regular ao encabezar a clasificación final con 117 puntos e 54 vitorias en 82 encontros.[60] Na primeira rolda dos play-offs enfrontáronse aos Red Wings de Detroit, aos que derrotaron en cinco partidos malia perder o primeiro, clasificándose deste xeito para as semifinais de conferencia, onde se debían enfrontar aos Montreal Canadiens. Malia gañar o cuarto e o quinto partido e situar a eliminatoria nun 3 a 2 favorable para os de Boston, os Canadiens gañaron os dous seguintes encontros, deixando aos Bruins fóra da pelexa polo título.
As dúas seguintes tempadas o equipo non conseguiu a clasificación para os play-offs, finalizando na quinta posición da Atlantic Division con 96 puntos en 2015 e na cuarta posición da súa división con 93 puntos en 2016.[61][62] En febreiro de 2017, a menos de dous meses para que finalizara a liga regular, o equipo decidiu cesar a Claude Julien como adestrador, sendo substituído por Bruce Cassidy, que introduciu pequenas mudanzas no equipo para salientar a velocidade e as habilidades dos xogadores.[63] O equipo finalmente conseguiu a clasificación para as series como terceiro clasificado na Atlantic Division con 95 puntos,[64] con todo, o equipo caeu na primeira rolda fronte aos Ottawa Senators en seis partidos, dos cales catro decidíronse na prórroga.[65]
As máis antigas rivalidades da NHL datan da época do Original Six. Unha rivalidade tradicional estableceuse nesta época entre os Bruins e os Montreal Canadiens. Ningún outro equipo da NHL se enfrontou a outro opoñente coma os Bruins e os Canadiens: ao finalizar a tempada 2016-17 os dous equipos enfrontáranse 738 veces na liga regular, con 267 vitorias para os de Boston por 360 para os de Montreal e 103 empates; e 170 veces nos play-offs cun rexistro de 71 a 106 para os canadenses.[66]
Como noutras rivalidades, os momentos máis intensos son nas roldas eliminatorias dos play-offs. Así, entre 1946 e 1987, os Bruins e os Canadiens enfrontáronse dezaoito veces con outras tantas vitorias para o equipo canadense. Os Canadiens conseguiron un total de vinte e catro Copas Stanley na súa historia, entre elas sete gañadas fronte aos Bruins.[66] Na semifinal de 1952, Maurice Richard dos Canadiens sufriu unha lesión na cara logo de ter recibido un golpe co xeonllo no primeiro período do sétimo partido. Volveu ao partido antes da súa finalización e marcoulle dous goles a "Sugar" Jim Henry para clasificar ao seu equipo para a seguinte rolda dos play-offs.[67] Unha célebre fotografía do final do partido mostra a parte superior do ollo vendado de Richard co sangue corréndolle pola cara dándolle a man a Henry cun ollo morado.[68][69]
Outro momento intenso da rivalidade produciuse durante a tempada 1954-55. O 13 de marzo no pavillón de Boston, Maurice Richard chegou ás mans con Hal Laycoe. Un xuíz de liña tentou tres veces conter a Richard, mais só logrou inmobilizar ao xogador quebequés mentres que Laycoe tivo a oportunidade de darlle unha malleira. Nervioso, Richard xirouse e golpeou ao xuíz que o mantiña nunha posición perigosa. Richard recibiu unha sanción no partido, así como unha suspensión ata o final da tempada e para todos os partidos dos play-offs; Laycoe pola súa banda non recibiu ningunha sanción. A isto seguíronlle unha serie de disturbios provocados polos seareiros de Montreal, coñecidos co nome de «disturbios Maurice Richard» ou «disturbios do Forum».[70][71].
Na tempada 1970-71, os Bruins finalizaron na primeira posición a liga regular con máis de 10 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado do leste (New York Rangers) e o líder do oeste (Chicago Blackhawks), e máis de 20 sobre os outros 5 clasificados para os play-offs.[30] Boston defendía o título da Copa Stanley e partía como favorito nas series eliminatorias para revalidar o título. Na primeira rolda enfrontáronse Boston e Montreal, e durante o segundo encontro os Bruins gañaban aos Canadiens pos 5 goles a 1, mais os canadenses remontaron o partido e gañaron por 5 a 7. Finalmente os Canadiens gañaron a serie, chegando á final, onde gañarían a Chicago para alzarse coa súa 17ª Copa Stanley.[72]
En 1988, despois de 18 derrotas consecutivas nas series eliminatorias contra os Canadiens, os Bruins, a pesar de que perderon o primeiro partido, eliminaron os seus rivais por primeira vez en 45 anos. Despois desta vitoria, os duelos entre os dous equipos nas series están equilibrados, contando os Bruins con sete vitorias fronte a cinco dos Canadiens.
Enfrontamentos nas series eliminatorias entre Bruins e Canadiens
Ao crear a franquía, Adams tomou como cores do seu novo equipo as cores das súas tendas: marrón e dourado. A proposta dun secretario, o novo equipo foi bautizado co nome de «Bruins», en referencia ao oso pardo. O primeiro logo do equipo tomou o nome do equipo cun deseño estilizado dun oso en amarelo sobre fondo negro. O nome de Boston está escrito en forma de arco, mentres que Bruins está escrito baixo o debuxo. Este logo non foi empregado na primeira tempada do equipo.[73] Na segunda tempada, o logo case non variou, só polo abandono do negro para substituír o fondo do nome da cidade por un fondo marrón, e volvendo a escritura máis dourada. Ademais o oso e o nome, antes en amarelo, pasaron a ser marróns.[74] En 1926, a dirección da franquía cambiou o logo e redeseñou o oso para darlle un aire máis realista. Aínda que a disposición das palabras Boston e Bruins continúa a ser a mesma, o arco da palabra Boston cambiou lixeiramente e a palabra Bruins pasou a estar escrita en dourado sobre un fondo marrón.[75]
O primeiro logo do equipo con unicamente un «B» maiúsculo apareceu na tempada 1933-34. O B está simplemente escrito en marrón cun bordo dourado.[76] A partir da tempada seguinte, o marrón foi substituído polo negro, e o dourado foi substituído por un ton máis amarelo. Este logo foi empregado ata o final da tempada 1947-48.[77] Na tempada 1948-49, a franquía de Boston celebrou o seu 25º aniversario e para a ocasión xurdiu un novo logo. Así, o B maiúsculo é empregado sempre, mais cunha aparencia de estar escrito a man. A un dos lados do B está escrito o «24» de 1924 (a primeira tempada), e ao outro lado o «49» da tempada en curso. Ademais deste cambio, a tipografía do B cambiou, así como o fondo da imaxe: unha roda con oito raios negros.[78] Este logo foi reempregado posteriormente nas camisetas do Clásico de Inverno de 2010 empregadas para a ocasión polos Bruins.[79] Os raios que aparecen no logo lembran un dos alcumes da cidade; de feito, Boston é ás veces alcumada «The Hub of the Universe», literalmente en galego «o Centro do Universo» e a roda é un recordatorio deste alcume.[80] Dende ese momento, o logo non cambiou apenas a súa aparencia, conservando o B maiúsculo coa roda, unicamente as cores varían lixeiramente. O logo mantívose sen trocos entre 1949 e 1995, co retorno dun B máis clásico e os raios da roda debuxados en amarelo.[81] En 1995, engádense os contornos con diferentes elementos para precisar o deseño, empregándose este logo ata 2007.[82] Na tempada 2007-08, o único cambio que se produciu no logotipo foi engadirlle un bordo ao B para diferencialo dos raios.[83]
Dende 1955, a franquía de Boston empregou tamén logos secundarios para certas ocasións particulares e para vestir os ombreiros da camiseta. Pode ser o logotipo principal con novas cores, ou mesmo unha cabeza de oso. Dende a tempada 2007-08, a franquía abandonou a cabeza do oso para empregar unha versión moderna do primeiro logo da franquía: un oso camiñando sobre a palabra «Bruins» e por riba en forma de arco «Boston». Este logo existe tamén en versión inversa dos textos, Bruins no arco e Boston baixo o oso. Por último, como moitas franquías da NHL, os Bruins empregan de cando en vez parches para conmemorar datas sinaladas.[84]
Mascota
Como a maioría dos equipos profesionais americanos, os Bruins posúen a súa propia mascota dende 1999. A mascota foi presentada ao público por primeira vez en outubro do ano 2000, mentres que o seu nome, «Blades the Bruin», foi escollido mediante un concurso[85]
Máis de 1.000 rapaces participaron no concurso e propuxéronse uns 600 nomes para a mascota.[86] Entre todos os nomes seleccionáronse dez finalistas, e unha delegación de persoas da franquía decidiu escoller Blades (coitelas en galego), en referencia ás coitelas dos patíns de xeo. Os outros nomes posibles eran: Bruno, Buster, Stanley Cub, Spokey, Bruiser, Checkers, Power Paws, Buddy e Hub Cub.[85] Moitos dos nenos propuxeron o nome de Blades para a mascota e finalmente, Jillian Dempsey, de 9 anos de idade foi elixido como gañador do concurso.[87]
A mascota ten aparencia dun oso pardo xigante e, como outras mascotas da NHL, encárgase dunha gran parte da animación, así como o prexogo e as pausas entre os tempos. A historia de Blades di que, ao contrario dos seus conxéneres, durante o inverno, Blades non hiberna e prefire ver un partido de hóckey sobre xeo nun lago conxelado. Atraído polo deporte o pola amabilidade de «Chief» (alcume de Johnny Bucyk), monta no maleteiro do coche do xogador, quen lle descobre o TD Garden, onde vive.[88]
En xaneiro e febreiro Blades the Bruin percorre a área do Gran Boston para recadar fondos para a Bruins Foundation.[88] Para un bo número de anuncios de televisión e en Internet do equipo, aparece un oso antropomorfo diferente coñecido simplemente como The Bear, que aparece en vídeos e publicidade oficial dos Bruins.[89]
Medios de comunicación
As primeiras retransmisións de partidos dos Bruins datan de 1925, durante o primeiro ano de existencia da franquía. Frank Ryan comentou unicamente os partidos como local na radio WBZ.[90] En 1952, o propietario dos Bruins, Walter Brown, pediu á WHDH que retransmitira tamén os partidos como visitante do equipo e que o comentarista recibira a axuda dun analista.[91] Fred Cusick, que sucedeu a Ryan, foi entón asistido por Jack Crawford, quen se converteu deste xeito no primeiro ex xogador de hóckey sobre xeo en ocupar un posto de comentarista.[92] As primeiras retransmisións por televisión dos Bruins datan de 1963, con Cusick comentando os partidos da noite do sábado que eran emitidos ao día seguinte.[93].
O crecemento xeneralizado dos dispositivos móbiles e as redes sociais fixeron que os Boston Bruins ampliaran a súa información a outras plataformas.[94] Algunhas novas do equipo son subidas á rede por medio das redes sociais, tanto en Facebook como en Twitter. As retransmisións de partes dos partidos e outros programas especiais son subidos tamén á canle oficial de YouTube do equipo, "BostonBruinsTV". Ademais, o equipo conta cunha aplicación para dispositivos móbiles como BlackBerry, iPhone e Android nas que os seareiros poden ver os horarios ou mesmo mercar entradas para os partidos.[95][96]
Os Bruins na cultura popular
Cando a estación de televisión de Boston WSBK-TV comezou a emitir os partidos dos Bruins en 1967, os produtores das retransmisións dos partidos procuraban unha peza de música axeitada para introducir o partido. Quizais inspirados pola representación anual por parte do Boston Ballet do ballet de TchaikovskiShchelkunchik (O Quebranoces), a canle adoptou unha versión de rock instrumental da abertura do ballet do grupo The Ventures coñecida como "Nutty", que pasou a ser a peza introdutoria dos partidos dos Bruins na televisión.[97][98] O tema "Nutty" foi asociado aos Bruins dende aquela e aínda soa ás veces no TD Garden durante os partidos do equipo.
No pavillón, "Paree", un hit dos anos 1920 escrito por Leo Robin e Jose Padilla, ten sido tocado instrumentalmente ao órgano durante décadas, xeralmente cando os xogadores entran na pista xusto antes de comezar cada parte e, durante moitos anos, logo dun gol dos Bruins. Foi introducida por John Kiley, o organista dos Bruins dende os anos 1950 aos anos 1980, e aínda se segue a tocar durante os partidos do equipo.[99]
O tema "Kernkraft 400 (Sport Chant Stadium Remix)" de Zombie Nation soou durante moitas tempadas despois dos goles dos Bruins na casa, xusto despois de escoitarse dúas sereas dun Kahlenberg KM-135.[100]
Actualmente, o tema "Cochise" de Audioslave soa cada vez que os Bruins saltan ao xeo. "The Game" de Motörhead soa antes do faceoff inicial, e despois dunha vitoria do equipo no TD Garden soan os acordes de "Dirty Water", de The Standells.
A banda punk de QuincyDropkick Murphys escribiu o seu tema "Time to Go" (gravado no seu álbum de 2003 Blackout) adicado aos Bruins. O grupo tocou en numerosas ocasións a canción ao final dos partidos dos Bruins no TD Garden cos xogadores do equipo da época Brian Rolston e Nick Boynton.[101] Dropkick Murphys tamén tocou a súa propia versión de "Nutty".[102] Outra canción de Dropkick Murphys que adoita soar no TD Garden é "I'm Shipping Up to Boston".
Eddie LeBec, personaxe da serie de televisión Cheers, é porteiro dos Bruins.
Pavillón
Dende 1995, os Boston Bruins xogan os seus partidos como local no TD Garden, se ben anteriormente xogou algunhas tempadas no Boston Arena, e a maior parte da súa historia no Boston Garden (entre 1928 e 1995). Dende a primeira tempada da franquía, o equipo de Boston empregou os tres pavillóns para os seus partidos como local nos seguintes períodos:
O Boston Arena, inaugurado o 16 de abril de 1910,[103] foi o primeiro estadio empregado polos Bruins, sendo tamén a primeira pista cuberta de hóckey sobre xeo da cidade de Boston.[104] Cando os Bruins debutaron na NHL na tempada 1924-25, xogaron nesta pista, na que se implantou a única pista de xeo da cidade; alí a franquía de Boston xogou ata o final da tempada 1927-1928.
Logo da construción do Boston Garden e o traslado dos Bruins ao novo estadio, o Boston Arena non acolleu máis partidos dos Bruins e tivo que esperar ata 1945 para que outro equipo deportivo importante se instalara alí. O novo equipo de baloncesto da NBA, os Boston Celtics, fixeron do Boston Arena a súa casa ese ano. Dende aquela, os Hartford Whalers xogaron no estadio unha tempada, e posteriormente o estadio acolleu a equipos da Northeastern University. Renomeado Matthews Arena en 1982,[105] o pavillón é actualmente o máis antigo aínda en uso nos Estados Unidos.[106]
Boston Garden
Tex Rickard foi un promotor de boxeo, e tamén foi coñecido por ser o fundador dos New York Americans e os New York Rangers, e que construíu a nova versión do Madison Square Garden.[107] Rickard decidiu construír un novo pavillón deportivo en Boston e quixo que a xente se sentara máis preto do centro da sala para que todo o mundo puidera gozar mellor do espectáculo. Tamén decidiu que o pavillón se chamara Boston Madison Square Garden. Ao cabo do tempo, o termo Madison Square foi abandonado e quedou só Boston Garden.[108]
O Boston Garden foi aberto o 17 de novembro de 1928, cunha capacidade para 14.448 espectadores para partidos de hóckey sobre xeo,[109] o novo pavillón acolleu os partidos dos Bruins entre 1928 e 1995. O primeiro partido dos Bruins no Boston Garden tivo lugar o 20 de novembro de 1928 contra os Montreal Canadiens, que gañaron o partido por 1-0 ante unha multitude estimada de 17.000 espectadores.[110]
Datos de asistencia ao Boston Garden nas últimas seis tempadas dos Bruins no pavillón:[111]
Datos de asistencia ao Boston Garden
Tempada
Asistencia media
1990
14.314
1991
14.340
1992
14.273
1993
14.233
1994
14.073
1995
14.301
TD Garden
En maio 1993 comezou a construción dun novo estadio para substituír o vello Boston Garden. Ao igual que o seu predecesor, o novo estadio construíuse enriba da North Station, unha das principais estacións de ferrocarril de Boston. Inicialmente denominado FleetCenter, o estadio cambiou de nome mesmo antes da súa inauguración: a fusión dos bancos Shawnut e Fleet, que custou 160 millóns de dólares, deixou o seu nome en FleetCenter cando se inaugurou o 30 de setembro de 1995. FleetBoston mercou os dereitos para nomear o novo estadio durante 15 anos por 30 millóns de dólares.[112] Logo de ter levado varios nomes distintos, o nome do estadio foi vendido a unha filial americana do Toronto-Dominion Bank, TD Banknorth. O estadio é chamado dende aquela TD Banknorth Garden, coa palabra Garden para lembrar o nome do antigo pavillón. Despois de catro anos, o propietario do estadio, Delaware North Companies, e a dirección do banco do Canadá anunciaron que o estadio cambiaría novamente de nome, pasando á forma abreviada actual de TD Garden en xullo de 2009.[113]
En 1995, o estadio pasa a ser empregado polos Bruins e polos Boston Celtics, equipo de baloncesto da National Basketball Association (NBA).[114] Para os partidos de hóckey sobre xeo, o TD Garden pode acoller a 17.565 espectadores para os partidos dos Bruins, aínda que dende esta primeira tempada outros equipos deportivos da cidade xogan ás veces no recinto.[115]
Datos de asistencia no TD Garden dende a súa tempada inaugural:[116]
Datos de asistencia ao TD Garden
Tempada
Asistencia media
1996
17.361
1997
15.551
1998
15.098
1999
16.300
2000
16.323
2001
15.433
2002
15.404
2003
15.029
2004
15.133
2005
peche patronal
2006
16.211
Datos de asistencia ao TD Garden
Tempada
Asistencia media
2007
15.384
2008
16.886
2009
17.039
2010
17.388
2011
17.565
2012
17.564
2013
17.565
2014
17.565
2015
17.565
2016
18.776
2017
17.565
Equipos afiliados
As franquías da NHL teñen un cadro de xogadores limitado por convenio, polo que contan cun ou máis equipos «afiliados» que cada ano compiten en ligas menos importantes. Isto permítelles recrutar xogadores novos na repesca anual, posibilitándolles continuar o seu desenvolvemento sen comezar demasiado cedo. Ademais, estes equipos afiliados (tamén chamados clubs escola ou farm teams en inglés) constitúen unha reserva de talentos para as franquías da NHL, que os atraen a mercede das lesións e/ou a pobre formación do equipo. A excepción dos equipos propietarios do seu propio club escola, as afiliacións finalizan cun acordo contractual e non se conxelan no tempo. Dende os seus inicios, os Bruins tiveron as seguintes afiliacións:[117]
Ademais destes equipos, as franquías da NHL posúen unha ou dúas afiliacións denominadas «secundarias» con equipos que compiten en ligas menores. Estes equipos son empregados xeralmente como depósito de xogadores para os equipos anteriores en caso de ausencias por lesión de xogadores ou partidos cun equipo da NHL. Ao longo da súa historia, os Bruins tiveron as seguintes afiliacións secundarias:[117]
A sociedade Boston Professional Hockey Association, Inc., fundada en 1975 e propietaria dos Bruins, obtivo en 2010 uns beneficios anuais estimados entre os 20 e os 50 millóns de dólares, e dá emprego a entre 100 e 249 traballadores.[119].
En 2006, a revista Forbes estimou o valor dos Bruins en 225 millóns de dólares, situándose deste xeito na 6ª posición dos equipos da NHL.[120] O seu valor en 2008 ascendeu a 263 millóns de dólares,[121] en 271 millóns de dólares en 2009,[122] e a 302 millóns en 2010.[123]. Os Bruins son unha das poucas franquías nas que o seu valor estimado por Forbes aumentou en 2011.[124] A finais de 2016, os Bruins aparecían como a quinta franquía máis valiosa da liga cun valor de 750 millóns de dólares segundo a revista Forbes, só superada polos Rangers, Canadiens, Leafs e Blackhawks, todos eles pertencentes ao grupo denominado Original Six.[125]
Propiedade
O fundador do equipo Charles Adams foi o seu propietario ata 1936, cando as súas accións foron transferidas ao seu fillo Weston Adams, ao director xeral e propietario minoritario Art Ross, e ao propietario minoritario Ralph Burkard.[126] Weston Adams posuíu a maioría das accións ata 1951, cando a Boston Garden-Arena Corporation comprou unha parte maioritaria do equipo.[127] Baixo a dirección da Garden-Arena Corporation's, o fundador dos Celtics Walter A. Brown dirixiu o equipo dende 1951 ata a súa morte en 1964. Logo da morte de Brown, Weston Adams regresou ao posto de presidente. En 1969 foi sucedido polo seu fillo, Weston Adams, Jr.[128]
O 7 de decembro de 1973, Storer Broadcasting, propietario de WSBK-TV, e a Garden-Arena Corporation acordaron unha fusión que deu como resultado a adquisición por parte de Storer do 100% das participacións dos Bruins. Adams permaneceu como presidente do equipo.[129]
En agosto de 1975 , Storer Broadcasting vendeu o equipo a un grupo de propietarios encabezados por Jeremy Jacobs. Jacobs tivo que prometer manter a Bobby Orr como condición da compra.[130] Os Bruins e Orr chegaron a un acordo verbal con Jacobs durante o verán de 1975, que incluíu un acordo controvertido polo que Orr pasaría a ter o 18,5% das participacións dos Bruins cando os seus días como xogador finalizaran. O acordo debía ser revisado en canto a se era legal por motivos fiscais e se a liga o aceptaría. No entanto o axente de Orr, o posteriormente famoso Alan Eagleson, rexeitou o acordo.[131]
Jacobs representou ao club na Xunta de Gobernadores da NHL, sendo membro do seu Comité Executivo, e presidido o Comité Financeiro. Na reunión da Xunta de Gobernadores de xuño de 2007, Jacobs foi elixido presidente da Xunta, substituíndo a Harley Hotchkiss dos Calgary Flames, que estivera 12 anos no cargo. Jacobs foi frecuentemente sinalado polo Sports Business Journal como unha das persoas máis influentes no mundo do deporte na súa enquisa anual,[132] así como por Hockey News.[133] A empresa de Jacobs posúe o TD Garden e está asociado con John Henry, propietario dos Boston Red Sox, no New England Sports Network (NESN).
Despois de que Jacobs tomara o control como propietario en 1975, os Bruins teñen sido un equipo competitivo (xogaron os play-offs 29 tempadas consecutivas entre a 1967-68 e a 1995-96, sendo Jacobs o propietario en 20 delas), mais so conseguiu gañar a Copa Stanley nunha ocasión, en 2011, mentres que cos anteriores propietarios, os Bruins conseguiran gañar a Copa Stanley en cinco ocasións. Baixo o mandato de Jacobs, os Bruins chegaron á final da Copa Stanley seis veces (dúas fronte aos seus máximos rivais, os Montreal Canadiens, en 1977 e 1978; dúas fronte aos Edmonton Oilers en 1988 e 1990; finalmente gañaron en 2011 fronte aos Vancouver Canucks, e perderon en 2013 fronte aos Chicago Blackhawks). A xestión do equipo realizada por Jacobs no pasado valéronlle un posto na enquisa "The Worst Owners in Sports" de ESPN.com,[134] e o sétimo posto na súa lista "Greediest Owners In sports" en 2005.[135]Sports Illustrated suxeriu que o defensa estrela durante moito tempo Ray Bourque, quen "frecuentemente provocou as iras do NHLPA pola súa vontade de asinar outra vez con Boston cunhas mínimas negociacións durante anos" en lugar de establecer a "marca de auga para os salarios dos defensores", solicitou e conseguiu un traspaso no ano 2000 cando a "liña dura e as formas derrochadoras" significaban que debía ir a outro equipo para gañar a Copa Stanley que se lle resistía (Bourque mantivo o récord de partidos xogados antes de gañar a Copa Stanley).
[136] Antes do novo convenio colectivo asinado en 2005, os seareiros sentían que a xestión do equipo non estaba destinada a gañar a Copa Stanley.[137]
Dende 2005, a imaxe pública de Jacobs mellorou co seu investimento no equipo e a reconstrución da estrutura administrativa para facer un equipo máis competitivo. Os Bruins clasificáronse no segundo posto da NHL na tempada 2008–09, sendo cabeza de serie na Conferencia Leste. Cun completo cambio na xestión que incluíu ao xa antigo xerente xeral Peter Chiarelli – que perdeu o seu posto nos Bruins o 15 de abril de 2015, coa contratación o 20 de maio de Don Sweeney – durante moito tempo xerente xeral asistente do equipo. Sweeney e o presidente do equipo Cam Neely, continuaron traballando co adestrador xefe que máis tempo estivo vinculado ao equipo, Claude Julien, ata o seu despido o 7 de febreiro de 2017,[138] sendo substituído por Bruce Cassidy como adestrador xefe interino, e que finalmente se convertería no adestrador xefe dos Bruins o 26 de abril de 2017.[139] Neely continuou como presidente do equipo logo de seis tempadas dende a última vitoria na Stanley Cup dos Bruins en 2011.
Esta sección presenta o cadro de xogadores dos Boston Bruins. Este efectivo pode variar ao longo da tempada en función das lesións e os reforzos procedentes dos equipos afiliados a Boston: os Providence Bruins da American Hockey League e os Atlanta Gladiators da ECHL.
Dende a súa primeira tempada na NHL, o equipo dos Bruins tivo dezaoito capitáns. O primeiro capitán da historia da franquía foi nomeado na tempada 1927-28, a cuarta tempada dos Bruins, e foi Lionel Hitchman.[143] O actual capitán do equipo é o defensa eslovacoZdeno Chára, que foi nomeado o 3 de outubro de 2006 aos 29 anos de idade, cando chegara ao club uns meses antes.[144] Chára é o terceiro xogador eslovaco en ser nomeado capitán dun equipo da NHL despois de Peter Šťastný, capitán dos Québec Nordiques entre 1975 e 1980; e Stan Mikita, que foi capitán dos Chicago Black Hawks entre 1975 e 1977.[144] Chára foi nomeado logo da baixa durante a tempada 2005-06 de Joe Thornton, que abandonou o equipo en novembro de 2005.[145] Os diferentes xogadores que teñen sido capitáns do equipo ao longo da súa historia son:[143]
Cada ano dende 1963, os xogadores das ligas menores teñen a posibilidade de asinar contratos coas franquías da NHL. A continuación móstranse as eleccións na primeira rolda do draft da NHL dos Boston Bruins:[146]
Máis de 900 xogadores distintos teñen vestido as cores dos Boston Bruins.[147] Algúns pasaron pouco tempo no equipo, mentres que outros permaneceron varias tempadas na franquía de Boston. Deste xeito, Raymond Bourque é o xogador que máis partidos disputou cos Bruins: cun total de 21 tempadas no equipo, xogou 1.518 partidos para conseguir o maior número de pases decisivos con 1.111.[50] Bourque é tamén o xogador con máis puntos da historia da franquía con 1.506.[50] Xogou a súa primeira tempada nos Bruins na tempada 1979-80,[148] dúas tempadas despois de que Johnny Bucyk terminara a súa carreira.[149] Bucyk xogou tamén 21 tempadas nos Bruins e é o máximo goleador da historia do club con 545 goles na súa carreira. Bucyk posúe tamén o récord de partidos xogados de xeito consecutivo con 418 partidos xogados entre xaneiro de 1969 e marzo de 1975.[50] Con 2.095 minutos de penalización, Terry O'Reilly é o xogador máis sancionado da historia de club.[50]
Con 139 puntos con 102 pases e 37 goles en 1970-1971, Bobby Orr posúe o mellor récord total de puntos nunha tempada dun defensor na NHL. No transcurso desta tempada establecéronse numerosos récords individuais da franquía: maior número de asistencias de Orr, maior número de goles de Phil Esposito con 76, así como o maior número de puntos conseguido por Esposito con 152.[50] Na tempada 1987-88, Jay Miller pasou 302 minutos no banco de penalizacións, o total de minutos de sanción máis alto para un xogador dos Bruins nunha tempada.[50]
1 Hitchman foi o primeiro xogador do que os Bruins retiraron o seu número, e o segundo no deporte profesional.[150]
2 O número 99 de Wayne Gretzky foi retirado de todos os equipos pola NHL; nunca xogou nos Bruins.
Adestradores
Esta sección presenta os nomes dos adestradores dos Bruins dende o seu debut.[151]Claude Julien foi nomeado o 28º adestrador da historia do club[152] o 21 de xuño de 2007;[153] sendo en realidade o 34º adestrador dos Bruins, tres deles tendo ocupado o posto en varias ocasións: Art Ross 4 veces, Milt Schmidt 2 veces, e Harry Sinden 3 veces.
As cinco Copas Stanley gañadas polos Bruins foron conseguidas con cinco adestradores diferentes: Cy Denneny, segundo adestrador do equipo, conseguiuna en 1929; Art Ross, durante o seu terceiro período á cabeza do equipo, conseguiuna en 1939; o seu sucesor, Cooney Weiland, gañou a copa dous anos despois, en 1941; Harry Sinden en 1970 e Tom Johnson en 1972 son os dous últimos adestradores en levar o título a Boston no século XX, tendo que esperar o equipo ata o ano 2011 para levar un novo título ás súas vitrinas, xa co técnico canadense Claude Julien. Art Ross é o adestrador que máis tempo estivo á fronte dos Bruins e conseguiu o maior número de vitorias con 393 partidos gañados sobre un total de 898 partidos ao longo das catro etapas diferentes que pasou á fronte do equipo de Boston, mais é Milt Schmidt, con 495 partidos consecutivos, case sete tempadas, quen máis tempo se mantivo no banco do equipo de xeito ininterrompido.
Dende 1924, oito persoas sucedéronse no posto de presidente dos Bruins. Weston Adams é o único que ten ocupado o cargo en dúas ocasión, de 1936 a 1951 e de novo de 1964 a 1969 logo da morte do seu predecesor, Walter Brown. Entre a saída de Harry Sinden en 2006 e o nomeamento de Cam Neely en 2010, os Bruins non contaron con ningún presidente:[154]
Dende a súa creación, e se exceptuamos a Jeff Gorton que asumiu o posto de xeito interino en 2006 cando Mike O'Connell regresou, os Bruins tiveron sete directores xerais. Peter Chiarelli, nomeado en 2006, é o único xunto con Art Ross que non ten adestrado nin xogado na franquía.[155]
Dous adestradores dos Bruins foron introducidos como xogadores, mais nunca xogaron no equipo de Boston. Trátase de Art Ross, primeiro adestrador do equipo, que entrou no Hall of Fame en 1945, e de Lynn Patrick, adestrador do equipo entre 1950 e 1954, que foi incluído en 1980.
Outras personalidades no Hall of Fame
Personalidades que non necesariamente teñen practicado o hóckey sobre xeo tamén teñen sido honradas no Hall of Fame polo impacto que tiveron no deporte fora do xeo. Estas persoas inclúen a presidentes, propietarios de franquías, adestradores ou membros dos medios de comunicación. Cinco personalidades dos Bruins foron incluídas nesta categoría:
Outras personalidades incluídas no Hockey Hall of Fame
Premio final da National Hockey League, e coroa ao mellor equipo das series eliminatorias. Os Boston Bruins gañaron o trofeo en seis ocasións ao longo da súa historia, tendo chegado en 18 ocasións á final da Copa Stanley:
A primeira vez que se entregou este trofeo ao mellor equipo da liga regular foi na tempada 1985-86.[171] Dende aquela os Bruins gañaron dúas veces o Presidents' Trophy:
O Prince of Wales Trophy é o trofeo da NHL que máis veces mudou o seu significado.[174]. Os Bruins gañaron en numerosas ocasións este trofeo cos seguintes significados:
O trofeo Art Ross é outorgado ao xogador que máis puntos conseguiu na liga regular. Tres xogadores dos Bruins teñen recibido este trofeo:[175]
Phil Esposito en 1968-69, 1970-71, 1971-72, 1972-73 e 1973-74. O seu mellor rexistro persoal foron os 152 puntos da tempada 1970-1971[176]
Bobby Orr en 1969-70 e 1974-75, co seu maior rexistro de 135 puntos. Neste período, os xogadores dos Bruins recibiron o trofeo durante sete tempadas consecutivas, sendo o xogador dos Bruins o único defensor da historia da NHL en conseguir gañar o trofeo.[177]
O trofeo Hart (en inglés Hart Memorial Trophy) é entregado ao mellor xogador da liga regular por votación da Asociación Profesional da Prensa Escrita. Esta distinción é entregada dende 1923 e seis xogadores dos Bruins conseguírona dende aquela:[184]
Ao final da tempada, o mellor defensor da NHL recibe o trofeo James Norris.[175] Bobby Orr é o defensor que máis veces recibiu o galardón cun total de once conquistas na súa carreira.[186] Os defensores dos Bruins que teñen conseguido o trofeo son:
Bobby Orr en 1967-68, 1968-69, 1969-70, 1970-71, 1971-72, 1972-73, 1973-74 e 1974-75
Ray Bourque en 1986-87, 1987-88, 1989-90, 1990-91 e 1993-94
O trofeo King Clancy premia cada ano ao xogador que demostrou o mellor exemplo de liderado dentro e fóra da pista e teña contribuído á sociedade.[171] Dous xogadores dos Bruins teñen conseguido este galardón:[187]
O trofeo Lady Byng é outorgado ao xogador que se considera que ten o mellor espírito deportivo, mantendo un rendemento excepcional no xeo; a Asociación de Xornalistas de hóckey profesional outorga os votos para atribuír o trofeo tendo en conta tanto o rendemento no xeo como o número de minutos de penalización acumulados.[180] Os xogadores dos Bruins que teñen recibido o trofeo Lady Byng son:[188]
O trofeo Ted Lindsay, coñecido ata 2010 polo nome de trofeo Lester B. Pearson, é entregado cada ano ao mellor xogador da NHL segundo os votos dos seus compañeiros.[171] Dous xogadores dos Bruins teñen conseguido o trofeo:[189]
Phil Esposito en 1970-71 e 1972-73
Bobby Orr en 1974-75
Lester Patrick Trophy
O Lester Patrick Trophy é entregado anualmente dende 1966 pola NHL e USA Hockey ás personalidades que máis contribuíron ao hóckey sobre xeo nos Estados Unidos. Doce personalidades ligadas aos Bruins teñen conseguido o galardón na historia da franquía:[190]
O Mark Messier Leadership Award é entregado dende 2007 ao finalizar a tempada ao xogador que ten amosado un maior liderado no seu deporte e teña contribuído á sociedade. Tan só un xogador dos Bruins gañou o galardón dende a súa creación:[191]
O premio da Fundación NHL é entregado ao xogador que aplica compromiso, perseveranza e liderado para enriquecer as vidas das persoas na súa comunidade. Un xogador dos Bruins gañou este galardón:[192]
O trofeo Vézina é un trofeo concedido aos porteiros da NHL. De 1927 a 1982, o trofeo premiaba ao mellor porteiro da liga regular. Tiny Thompson, que foi o primeiro xogador dos Bruins en gañar o trofeo, ostenta tamén o récord para un xogador da franquía de Boston con catro trofeos Vézina gañados:[193]
Tiny Thompson en 1929-30, 1932-33, 1935-36 e 1937-38
O trofeo William M. Jennings é outorgado anualmente dende a 1981-82 ao porteiro menos goleado da liga regular. Dúas parellas de porteiros dos Bruins gañaron este galardón:[194]
Como outros moitos equipos da NHL, os Boston Bruins outorgan cada ano a finais da liga regular trofeos aos xogadores máis destacados do equipo.[195]
O primeiro trofeo entregado polos Bruins a un xogador na súa historia foi o Elizabeth C. Dufresne Trophy, outorgado ao xogador considerado o mellor xogador nos partidos na casa segundo os votos dos xornalistas. Este trofeo foi entregado por primeira vez ao final da tempada 1935-36, sendo outorgado a Tiny Thompson. Por outra banda, Raymond Bourque é o xogador que máis veces recibiu o galardón cun total de sete veces.[196]
Na tempada 1936-37, outro xogador foi galardoado cun novo trofeo concedido polos Bruins: o xogador que mostrou unha maior determinación sobre o xeo.[197] Posteriormente o trofeo foi nomeado Eddie Shore Award.
Na tempada 1968-69, a franquía de Boston presentou un novo trofeo, o Seventh Player Award. Este trofeo é outorgado polos votos dos seareiros do equipo e premia ao mellor xogador para o público. O trofeo é concedido frecuentemente a un xogador background, pouco recoñecido polos outros trofeos.[196]
Dende a tempada 1973-74, os Bruins designan tamén aos tres mellores xogadores na casa, segundo os votos da radio local, e chamado Bruins Three Stars Award.[196]
O John P. Bucyk Award é entregado ao final da tempada dende a tempada 1999-00 ao xogador cun maior servizo á comunidade.[198] Unha delegación de antigos xogadores do equipo, así como de membros do servizo de relacións da franquía escollen ao receptor do trofeo.
O equipo implícase tamén co programa de educación do Estado cada ano, facendo entrega do John Carlton Award aos dous estudantes feminino e masculino que combinan mellor os resultados académicos e deportivos de todo o Gran Boston.[195]
Notas
↑Os Bruins son a terceira franquía máis antiga da liga por detrás dos Montreal Canadiens (1909) e os Toronto Maple Leafs (1917), e a máis antiga das franquías dos Estados Unidos que participan actualmente na liga.
↑A súa marca 248 goles durante a súa carreira na NHL superouna Howie Morenz que puxo fin á súa carreira na tempada 1936-1937 cun total de 271 realizacións
↑A de 1939 foi ademais a única Copa Stanley que gañou Art Ross na súa carreira como adestrador, gañando anteriormente dúas como xogador.
↑A capacidade dos pavillóns que se indica corresponde ao número de espectadores en competicións de hóckey sobre xeo.
↑ 5,05,15,2Os Cubs, os Tiger Cubs e os Bruins Cubs son o mesmo equipo que cambiou de nome entre 1926 e 1936.
↑As posicións aparecen coas súas abreviaturas en inglés: *G: Goalie (porteiro) *C: Center (central) *W: Winger (Aleiro -dereito sinalado con "R" e esquerdo sinalado con "L"-) *D: Defenceman (defensa).
↑As abreviaturas "S" e "G" fan referencia á man que o xogador emprega para golpear o puck (en galego, disco) co stick (S) (en galego, pau de hockey) ou a que empregan os porteiros para collelo coa garda (G).
↑O termo inglés «Midget » designa aos xogadores de 15 a 17 anos.
↑ 9,09,1As derrotas na prolongación apareceron a partir da tempada 1999-00, os partidos empatados desapareceron a principios da tempada 2005-06.
↑A porcentaxe de vitorias calcúlase tendo en conta o número de puntos gañados por partido: 2 puntos pola vitoria, 1 punto polos empates ou derrotas na prolongación, e 0 puntos pola derrota no tempo regulamentario.
↑O termo «rookie» designa aos xogadores que debutan como profesionais esa tempada.
↑Porter, David L. (1995) Biographical Dictionary of American Sports: 1992-1995 supplement for baseball, football, basketball, and other sports. Greenwood, páx. 589
↑Diamond, Dan (2002). Total Spoerts Publishing, ed. Total Hockey: The Official Encyclopedia of the National Hockey League(en inglés) (segunda ed.). Nova York. ISBN1-894963-16-4.
↑"One on One with Milt Schmidt". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2014. Consultado o 01 de maio de 2014. |editor= www.legendsofhockey.net|dataacceso=10 de xuño de 2014}}
↑"2013 NHL Playoff Summary". Hockey-Reference. Sports Reference LLC. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. Consultado o 10 de xuño de 2014.
↑www.tdgarden.com (ed.). "TD Garden - General information"(en inglés). Archived from the original on 10 de febreiro de 2011. Consultado o 31 de maio de 2014.
↑hockeyarenas.net (ed.). "Boston Bruins". Consultado o 26 de maio de 2014.
↑(en inglés) www.forbes.com (ed.). "#6 Boston Bruins - Forbes.com"(en inglés). Archived from the original on 03 de xuño de 2011. Consultado o 3 de maio de 2014.
↑Hockey Hall of Fame, ed. (5 de xaneiro de 2007). "ONE ON ONE WITH ACE BAILEY"(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2014. Consultado o 1 de maio de 2014.
↑www.hockey-reference.com (ed.). "Boston Bruins seasons"(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2014. Consultado o 4 de maio de 2014.