Beleza

A cidade de Venecia nunha pintura de Canaletto, considerada, un exemplo de beleza segundo os cánones pictóricos imperantes

A beleza,[1] definida como o conxunto de características dunha persoa, animal, lugar, obxecto ou idea que proporcionan unha experiencia de percepción de pracer ou satisfacción, é unha noción abstracta vinculada a numerosos aspectos da existencia humana. Este concepto é estudado principalmente pola disciplina filosófica da estética, mais esténdese, se ben en distintos graos, noutros terreos tal que a historia, a socioloxía ou a psicoloxía.

A experiencia da "beleza" a miúdo implica unha interpretación dalgunha entidade que está en equilibrio e harmonía coa natureza , o que pode conducir a sentimentos de atracción e benestar emocional. Debido a que esta pode ser unha experiencia subxectiva, a miúdo dise que "a beleza está no ollo do espectador.[2]

Hai probas de que a percepción da beleza determínase evolutivamente, que as cousas, os aspectos da xente e as paisaxes consideradas fermosos atópanse típicamente en situacións que poidan dar unha maior supervivencia dos xenes da percepción humana.[3][4]

Así mesmo, trátase dun concepto variábel segundo a época e a sociedade e mesmo dentro dunha mesma sociedade os cánones de beleza non teñen por que seren forzosamente os mesmos, mudando dun a outro individuo sen maior problema. Especial relevancia cobra o concepto de beleza dentro das artes, onde, ao igual que no resto de disciplinas, tamén foi mudando a súa concepción co correr do tempo.

Etimoloxía

En grego clásico "belo" chamábase κάλλος, kallos e o adxectivo era καλός, kalos. En cambio, na koiné grega era ὡραῖος, hōraios,[5] que desde o punto de vista etimolóxico provén da palabra ὥρα, hora, xa que a beleza estaba relacionada co momento de chegar a madurar o froito, ou da sazón da terra. Considerábase, por este motivo, como unha condición para posuír a beleza que unha persoa non quixese aparentar nada menos que a idade cronolóxica que tivese.[6]

Historia

A beleza foi obxecto de culto desde que xurdiu o Homo sapiens. Naquel tempo xa empezaban a decorar as súas covas, creaban pequenos artefactos que simplemente servíanlles para decorar e non tiñan outro fin útil.

Da antigüidade clásica atópanse datos máis concluíntes sobre a beleza, así como estudos e reflexións sobre a mesma. Naquel tempo a beleza constituía unha calidade que facía que algo nos parecese fermosa. A esta calidade díxoselle harmonía. Tamén apareceron os primeiros canons de beleza que indicaban cales tiñan que ser as proporcións idóneas para que un corpo se vise belo. En xeral, a beleza percibíase desde un punto de vista obxectivo. A beleza é unha das ideas fundamentais de Platón na xerarquía ontolóxica, pois realizou unha abstracción do concepto e considerou a beleza unha idea, de existencia independente á das cousas belas. Segundo a concepción platónica, a beleza no mundo é visible por todos; no entanto, dita beleza é tan só unha manifestación da beleza verdadeira, que reside na alma e á que só poderemos acceder se penetramos no seu coñecemento. Consecuentemente, a beleza terreal é a materialización da beleza como idea, e toda idea pode converterse en beleza terreal por medio da súa representación.[7]

Proporcións ideais do corpo humano esquematizadas no Home de Vitruvio, de Leonardo da Vinci.

O canon sobre as proporcións humanas máis antigo que se coñece atopouse nas pirámides de Menfis cara ao 3000 a.C.. Desde entón houbo varios canons coñecidos: o dos faraóns, o de Policleto de Argos, o de Tolomeo (90 - 160 d. C.), o de Vitruvio (século I a. C.), o de Durero (1471 - 1528), o do home de Vitruvio de Leonardo da Vinci (1452 - 1519), e, máis recentemente o de Adolf Zeising e o de Le Corbusier (1887 - 1965 ).

Esta percepción da beleza seguiuse mantendo na idade media. Como consecuencia do auxe do cristianismo daquela época, a beleza dependía da intervención de Deus. De modo que, se se consideraba bela algo, é porque fora unha creación divina. Seguindo as teses platónicas, había unha equivalencia entre o belo e o ben.

A beleza material era externa, física ou sensible. Esta calidade múrchase co tempo. En cambio, a beleza espiritual non se murcha co tempo, senón que permanecía no interior do individuo. Son calidades como a bondade, o amor, a simpatía etc. Co paso do tempo chegou outra nova etapa na historia da beleza, o Renacemento. Moitos autores están de acordo en que o concepto de beleza volveu ser o da antigüidade clásica, porque se empezaron a tomar valores daquela época que xa se perderon na Idade Media. Un destes valores foi a concepción máis naturalista da beleza, que serviu de inspiración aos artistas da época.

Na modernidade desaparece esta visión obxectiva da beleza e empézase subxectivizar. No século XVIII xa se percibe a beleza de algo non por como é o obxecto por si mesmo, senón polo que este esperta na persoa. Esta concepción tíñana moi clara os empiristas e ilustrados da época.

Con Alexander Gottlieb Baumgarten xorde a teoría específica da estética que analiza conceptos co gusto persoal, ou facultade que permite xulgar algo como belo. O gusto relaciónase coa intuición e non só coa razón (Benedetto Croce), aínda que parte de xuízos argumentados que buscan a máxima xeneralización posible.

Orixe da beleza

Yangshuo, República Popular da China.

Podería remontarse á propia existencia do home como unha das súas cualidades mentais. A beleza atópase en traballos de filósofos gregos, como Pitágoras, a partir do período presocrático. A escola pitagórica observou unha forte conexión entre as matemáticas e a beleza. En particular, decatáronse que os obxectos que posuían simetría son máis vistosos. A arquitectura grega clásica está baseada nesta imaxe de simetría e proporción. A investigación moderna tamén suxire que as persoas cuns trazos faciais máis simétricos e que teñen as proporcións máis equilibradas, son máis atractivas.

A beleza, xeralmente, estivo asociada co ben. Do mesmo xeito, o atributo contrario á beleza é a fealdade e a miúdo se asocia coa maldade. As meigas, por exemplo, acotío son representadas con trazos físicos desagradables e personalidades maliciosas. Este contraste personificouse en historias clásicas como A bela dormente. Do mesmo xeito, Johann Wolfgang von Goethe, na súa obra Les afinitats electives (1809), manifesta que a beleza é "un convidado que sempre é benvido". Goethe declarou que a "beleza humana" actúa con moita máis forza sobre os sentidos interiores que sobre os externos, de forma que o que a contempla está exento do mal e séntese en harmonía con ela e co mundo.

A simetría é importante porque dá a impresión que a persoa puido medrar con saúde, sen defectos visibles. Na percepción da xente bela danse certas concordancias: ollos grandes e pel clara, por exemplo, son considerados fermosos tanto en homes como en mulleres de moitas culturas. Algúns investigadores suxeriron que trazos neonatais son intrinsecamente atractivos. A xuventude en xeral asóciase coa beleza.

Hai pistas que fan intuír un rostro belo no desenvolvemento infantil, e que as normas de atractivo son semellantes en culturas diferentes. A media, a simetría, e o dimorfismo sexual poden ter unha base evolutiva para determinar a beleza. As metanálises da investigación empírica indican que os trazos son atractivos tanto en caras masculinas como femininas e a través dunha variedade de culturas. O atractivo facial pode ser unha adaptación para a escolla de compañeiro porque a simetría e a ausencia de defectos sinalan os aspectos importantes de calidade de compañeiro, como a saúde. É posible que estas preferencias sexan simplemente instintos.

Os artistas gregos e romanos tamén tiñan o stándar de beleza masculina na civilización occidental. O romano ideal definiuse como alto, muscular, de pernas longas, coa testa con cabelo groso, unha alta e ampla fronte, un sinal de intelixencia, ollos amplos, un fociño forte e perfil perfecto, boca pequena, e un bico pronunciado. Esta combinación de factores produciría unha mirada de bela masculinidade. Coas excepcións do peso e os estilos da moda, as normas de beleza son bastante constantes no tempo.

Clases de beleza

Dentro da primeira clasificación podemos atopar dúas clases de beleza, a que provocan os obxectos naturais, ou beleza natural e a que nos suscitan as creacións artificiais, ou beleza artística.

Ó longo da historia, a relación entre ámbolos tipos de beleza foi irregular, xa que a beleza artística pasou de ter unha relación de dependencia coa beleza natural, a independizarse dela, a medida que avanzaba o curso da historia.

Kant distingue dous tipos de beleza:

  • Beleza libre: é a que se percibe sen que se saiba nada do obxecto a contemplar. É unha beleza pura, non sen ten ningún tipo de idea que nos faga cuestionar a súa beleza.
  • Beleza adherente: é a que depende do concepto que se teña sobre o obxecto que se analiza.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para beleza.
  2. Gary Martin (2007). The Phrase Finder, ed. "Beauty is in the eye of the beholder". Arquivado dende o orixinal o 30/11/2007. Consultado o 16/11/2014. 
  3. The Oxford Handbook for Aesthetics
  4. "Denis Dutton: A Darwinian theory of beauty | Video on TED.com". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2014. Consultado o 15 de novembro de 2014. 
  5. Matthew 23:27, Acts 3:10, Flavius Josephus, 12.65
  6. Euripides, Alcestis 515.
  7. O Banquete, de Platón,

Véxase tamén

Bibliografía

  • Langlois, J.H.; Roggman, L. (1990). Attractive faces are only average (PDF). Psychological Science (en inglés). pp. 115–121. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de outubro de 2013. Consultado o 16 de outubro de 2015. 
  • Symons, Donald (1995). "Beauty is in the Eye of the Beholder. The Evolutioanry Psychology of Human Female Attractiveness". En University of Chicago Press. Sexual Nature, Sexual Culture (en inglés). pp. 80–120. 

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!