A auga carbonatada é auga que contén ácido carbónico (H2CO3) que, ao ser inestable, se descompón facilmente en auga e dióxido de carbono (CO2), o cal sae en forma de burbullas cando a bebida se despresuriza. Cando ten un maior contido de minerais, por provir de desxeo, é denominada auga mineral gasificada; se se obteñen os minerais artificialmente denomínaselle auga gasificada artificialmente mineralizada.
Historicamente, as primeiras augas carbonatadas preparábanse engadindo bicarbonato de sodio á limoada. Unha reacción química efervescente entre o bicarbonato de sodio e o ácido cítrico do limón produce dióxido de carbono que se libera en forma de gas (de aí a efervescencia).
Os farmacéuticos eran quen as preparaban. Pero pronto se expenderon en hoteis e restaurantes. Eran chamadas tamén sodas refrescantes, pos refrescantes ou pos gasíferos. Na actualidade refírense a estes pos como "auga de litines" (neoloxismo de Lethines).
Estes sobres proporcionaban unha auga alcalina e con litio, que se consideraba beneficioso con propiedades na curación de varias enfermidades.
De maneira industrial a auga carbonatada prepárase engadindo ácido carbónico e dióxido de carbono nunha reacción exótermica en tanques de almacenamento a presión para que non exista despresurización e disociación dos minerais. Deste proceso, sae como residuo carbonato de calcio.
Polo xeral, a auga carbonatada consómese combinada con bebidas alcohólicas coma whisky, Campari, xenebra ou viño, aínda que hai persoas que a adoitan consumir por si soa. Tamén se emprega para, engadíndolle saborizantes, producir diversas bebidas carbonatadas.
Actualmente, a auga carbonatada manufactúrase pasando dióxido de carbono presurizado pola auga nun proceso coñecido como carbonación. Isto incrementa a solubilidade. Por exemplo, nun recipiente con auga a alta presión disólvese máis CO2 que baixo condicións atmosféricas normais. Cando se reduce a presión, por exemplo ao abrir a botella, o gas disóciase da solución, creando as burbullas características.
Nalgúns países a lexislación prescribe que se identifique a presentación da auga carbonatada con algún elemento que a distinga da auga sen carbonatar. Un exemplo constitúeo o caso de Chile, onde a cor da tapa do envase determina se a auga embotellada é carbonatada ou non; así tense por exemplo:
Vermello = auga non gasificada.
Azul = auga gasificada.
Verde = auga semigasificada (50 %).
Usos
As formas máis populares de auga carbonatada son as saborizadas, e chámaselles comunmente gasosas ou refrescos (aínda que este nome tamén se aplica ás que non son gasificadas). Estas véndense amplamente en todo o mundo.
Por outra banda, a auga carbonatada considérase útil para eliminar manchas, por exemplo, de café ou da prata. Un método comunmente usado para evitar as manchas de viño tinto é esparexer sal na mancha e despois aplicar unha cantidade xenerosa de auga carbonatada.