Asemblea Xeral de Tennessee

Asemblea Xeral de Tennessee
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedeCapitólio Estadual do Tennessee
PaísEstados Unidos de América
Na rede
http://www.legislature.state.tn.us
editar datos en Wikidata ]
Capitolio de Tennessee en Nashville.

A Asemblea Xeral de Tennesse (en inglés, Tennessee General Assembly) é o parlamento de Tennesse, nos Estados Unidos. Os seus 132 lexisladores son elixidos por sufraxio universal e integran as dúas cámaras que a compoñen: o Senado e a Cámara de Representantes. A súa sede está no edificio do Capitolio en Nashville, a capital do estado. A creación da Asemblea Xeral remóntase a 1796, cando foi establecido pola primeira constitución de Tennesse, dende entón dous dos tres presidentes dos Estados Unidos procedentes de Tennesse foron membros dela: James Knox Polk foi representante entre 1823 e 1825, mentres que Andrew Johnson foi representante entre 1835 e 1837, e, de novo, entre 1839 e 1841 e tamén senador en 1841.[1][2]

Composición

A sección 3ª do artigo 2º da actual constitución de Tennessee, aprobada en 1870, confire o poder lexislativo á Asemblea Xeral, indicando que está composta por:[3]

  • Senado: integrado por 33 membros con mandatos de catro anos. Os senadores son escollidos por distritos uninominais e a cámara renóvase parcialmente cada dous anos en quendas nas que se escollen 16 e 17 senadores cada vez. Os candidatos a senador deben ser cidadáns dos Estados Unidos, ter 30 anos de idade e levar 3 anos residindo en Tennessee e, polo menos, o ano anterior ás eleccións no distrito polo que concorre.[4] O tenente gobernador de Tennessee é o presidente do Senado aínda que só dispón de voto no caso de producirse empates.
    Selo do estado de Tennessee
  • A Cámara de Representantes: conta con 99 deputados escollidos en distritos uninominais cada dous anos. Os candidatos a representate deben ser cidadáns dos Estados Unidos, ter 21 anos de idade e levar 3 anos residindo en Tennessee e, polo menos, o ano anterior ás eleccións no distrito polo que concorre.[5]

Competencias

A principal función outorgada pola constitución é a de elaborar as leis do estado. Ambas cámaras son colexisladoras, polo que os lexisladores de ambas cámaras poder facer propostas de lei. Unha vez rexistrada, o presidente de cada cámara fai a lectura por primeira vez ao texto ante o plenario e deriva a proposta a unha comisión parlamentaria. Nela tómanse audiencias públicas e valórase o texto e as achegas realizadas antes de volver a remitir o texto, con emendas ou non, ao pleno para unha segunda ante de volver ao comité para un estudo máis polo miúdo. Finalmente, o texto da proposta é valorado e discutido polo pleno de cada cámara, no caso de que as cámaras modifiquen o texto aprobado pola outra en aspectos non compartidos, débese facer unha comisión mixta con lexisladores de ambas as dúas cámaras para chegar a un acordo. Unha vez superado os trámites parlamentarios e aprobado un texto común, a lei remítese o gobernador para a súa sanción. O gobernador ten dereito de veto se non concorda coa Asemblea Xeral, pero esta pode anulalo co voto de dous terzos dos membros de cada cámara.[6]

Doutra parte, a Asemblea Xeral tamén debe confirmar os nomeamentos de cargos de altas responsabilidades políticas e administrativas como o Secretario de Estado, o tesoureiro e o interventor estatal, así coma membros da Comisión Electoral de Tennessee.[7]

Bandeira da Asemblea Xeral de Tennessee

Bandeira

En 1978 a Asemblea Xeral adoptou unha bandeira propia. O deseño escollido foi feito por Sheila Adkins, daquela estudante de secundaria dun instituto de Knoxville. As cores responden ao seguinte significados: o branco simboliza a pureza, o azul o respecto a Tennessee e o vermello foi empregado por ser asociado tradicionalmente aos Estados Unidos. As tres estrelas representan as tres grandes rexións do estado, o trigo a agricultura e o mazo o poder popular outorgado ao parlamento.[8]

Notas

  1. "POLK, James Knox - US House of Representatives: History, Art & Archives". history.house.gov (en inglés). Consultado o 2022-09-07. 
  2. "JOHNSON, Andrew - US House of Representatives: History, Art & Archives". history.house.gov (en inglés). Consultado o 2022-09-07. 
  3. "Tennessee Constitution :: Article II - Distribution of Powers. :: Section 3". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-09-07. 
  4. "Tennessee Constitution :: Article II - Distribution of Powers. :: Section 10". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-09-07. 
  5. "Tennessee Constitution :: Article II - Distribution of Powers. :: Section 9". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-09-07. 
  6. "Bill to Law - TN General Assembly". www.capitol.tn.gov. Consultado o 2022-09-07. 
  7. "State Government". Tennessee Historical Society (en inglés). 2017-03-13. Consultado o 2022-09-07. 
  8. "Tennessee State Symbols". Tennessee Secretary of State. Consultado o 2022-09-07. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!