Argos aparece ao final do poema (Canto XVII[1]), cando Odiseo regresa a Ítaca logo de loitar na Guerra de Troia e deambular polo mar, tras vinte anos de ausencia. Odiseo, para se enfrontar mellor aos seus inimigos, aparece coas súas faccións disimuladas por Atenea e disfrazado de esmoleiro, de xeito que ninguén o recoñeza.
Mais Argos, aínda enfermo e descoidado, si o coñece e saúdao ledamente coa cola. Odiseo, decatado da fidelidade do seu can e do seu estado actual, pero imposibilitado de responder o saúdo para non quedar en evidencia, derrama unha bágoa e segue o seu camiño. O can, cumprida a súa misión de esperar vinte anos ao seu amo, morre aos seus pés.