A aparencia é a manifestación externa do aspecto das cousas que percibimos polos sentidos no que non intervén a razón, sendo así un equivalente ao fenómeno. Igualmente, contamos co termo aparencia sensible que fai referencia aos trazos comprendidos polos sentidos pero que non constitúen a verdadeira realidade das cousas. Deste xeito, todos os conceptos que captamos polos sentidos forman o mundo aparente.
Na filosofía de Parménides e Platón
A contraposición entre o aparente e o real constitúe a esencia do pensamento de Parménides de Elea. Este filósofo distinguía a "vía da verdade", que se fundamenta na razón e lévanos á verdade, e a "vía da opinión", que é a que nos mostra unha realidade enganosa, unha aparencia. Deste xeito podemos dicir que a aparencia oculta a verdadeira realidade e, o mesmo tempo, é a realidade mesma, a súa manifestación.
Tendo en conta a primeira afirmación, Platón dinos que o mundo sensible é un reflexo do mundo ideal, polo tanto, é unha aparencia del, constituíndo este a verdadeira realidade. Non obstante, todo o que digamos deste mundo nunca vai chegar a ser o verdadeiro coñecemento, simplemente vai quedar coma unha opinión porque son unha copia imperfecta das Ideas.
Na filosofía de Kant
Kant afirma que o ser humano non pode coñecer as cousas en si mesmas, senón que só as identifica tal e como as percibe e experimenta. Deste xeito temos o termo sensación que alude ao efecto dun obxecto sobre a facultade representativa, cando nos vemos afectados por el, guíandonos pola subxectividade. A intuición sería unha percepción calquera que se refire ao obxecto. Ademais, temos a intuición empírica que é a que alude a un obxecto facendo uso das sensacións. Finalmente, o fenómeno é o obxecto indeterminado da intuición empírica, algo que é aparente.
Véxase tamén
Ligazóns externas