Antón Seoane-Pampín Montenegro, nado en Ferrol en 1949, é un músico, musicólogo e psiquiatra galego. Foi un dos membros fundadores do grupo musical Milladoiro.
Traxectoria
Naceu nunha familia de tradición musical, comezou a interesarse pola música desde neno, estudando piano e guitarra. O seu avó Antonio Seoane foi director desde o 1900 até o 1920 da agrupación musical Airiños da Miña Terra, xerme do coro galego Toxos e Froles de Ferrol.
Licenciouse en medicina na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1972, obtendo a especialidade de psiquiatría no 1980.[1] Rematada a universidade foi un dos iniciadores do Movemento popular da canción galega, xurdido logo da disolución do colectivo Voces Ceibes. Neste período naceu o seu compromiso na recuperación da case desaparecida zanfona xunto ao artesán Guillermo Álvarez "O Crego"[2] e colaborou en múltiples proxectos musicais.[3]
No 1977 participou na gravación do disco Fonte do Araño de Emilio Cao, no 1978 gravou xunto a Rodrigo Romaní o premiado disco Milladoiro[4], no 1979 participou no disco In memorian[5] do cuarteto tradicional Faíscas do Xiabre. Con tres dos seus compoñentes deste grupo, Xosé Ferreirós, Nando Casal e Moncho García, e con Rodrigo Romaní constituíu no 1979 o grupo musical Milladoiro.[6]
Formou parte de Milladoiro até o ano 2013, chegando a gravar vinte e cinco discos.[7] Durante este tempo mantivo unha actividade artística paralela que o levou a co-producir xunto a Nando Casal o segundo disco das pandeireteiras Leilía: I é verdade, i é mentira, a colaborar no disco Escarnio de Antón Reixa e na banda sonora da película O lapis de carpinteiro, para a que creou o tema "Foi coma un soño".
Alén destas colaboracións publicou no ano 2000 a biografía Faustino Santalices. Investigador, gaiteiro e zanfonista, no 2004 o disco infantil Lambón. Cancións para os croques,[8] no 2008 o libro CD-DVD A volta dos nove, homenaxe a nove asasinados en Baiona o 16 de outubro do 1936 durante a represión tras do golpe de Estado fascista,[9] e no 2013 o libro-disco De Voces Ceibes a Milladoiro.[10]
Exerceu a psiquiatría no Servizo Galego de Saúde, onde foi xefe de sección, até a súa xubilación no ano 2014.[1] Na actualidade traballa na vila de Nigrán nunha consulta propia.[11]
Libros
Libros colectivos
Notas
Véxase tamén
Outros artigos