Antonia Caetana de Paiva Pereira Maury, máis coñecida como Antonia Maury, nada en Cold Spring on Hudson, Nova York (EE.UU.) o 21 de marzo de 1866 e finada o 8 de xaneiro de 1952, foi unha astrónoma estadounidense que deseñou un novo sistema de clasificación estelar que sería a base da astrofísica moderna.[1]
Traxectoria
Antonia Maury naceu no seo dunha familia de científicos: o seu avó era o astrónomo John William Draper, o seu tío o médico e tamén astrónomo Henry Draper, a súa tía a astrónoma e mecenas Mary Anna Palmer Draper e o seu primo o oceanógrafo Matthew Maury. Recibiu unha esmerada educación (especialmente científica) no Vassar College baixo a dirección da reputada astrónoma Maria Mitchell, graduándose en 1887.[2]
Dous anos despois, ingresou no observatorio astronómico de Harvard como unha das mulleres Calculadoras de Harvard que empregaba dita institución para realizar o catálogo cun salario tres veces inferior ao dun home. Maury pronto destacou descubrindo a segunda estrela binaria coñecida Beta Aurigae e determinando o período da estrela Mizar.
Con todo, pronto comezou a ter discrepancias tanto metodolóxicas como científicas co director do centro Edward Charles Pickering. Maury consideraba que o sistema de clasificación de espectros estelares que empregaba o observatorio era demasiado simple, polo que deseñou un novo sistema máis complexo con novos grupos e numerosas subdivisións que se utilizaban para describir a aparencia física da estrela.[3]
As súas diferenzas con Pickering foron insalvables e Antonia Maury abandonou definitivamente o observatorio en 1896 e dedicouse ao ensino. Con todo, Maury publicou os seus resultados e conclusións (un exame de 5 000 fotografías que abarcaban case 700 estrelas do hemisferio norte) que foron estudadas polo astrónomo danés Ejnar Hertzsprung. Este empregou as subdivisións de Maury para levar a cabo o Diagrama de Hertzsprung-Russell, dado que daba a posibilidade de distinguir as estrelas superxigantes das normais ou ananas.[3]
En 1918 volveu a Harvard baixo a dirección doutro astrónomo, e continuou o seu labor até a súa xubilación en 1948.[1]
En 1943, o catálogo Henry Draper revisouse para incorporar as ideas de Antonia Maury. Un ano despois, a American Astronomical Society concedeulle o Premio Annie Jump Cannon.[4]
Eponimia
- O cráter lunar Maury leva este nome na súa memoria, honra compartida co seu primo, o mariño do mesmo apelido Matthew Fontaine Maury (1806-1873).[4]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Claramunt Vallespí, Rosa; Claramunt Vallespí, Teresa (2012). MUJERES EN CIENCIA Y TECNOLOGIA. UNED. ISBN 9788436264210.
- Daniel Roberto Altschuler e Fernando J. Ballesteros (2016). Las mujeres de la Luna. Historias de amor, dolor y valor. Editorial: Next Door Publishers e Jot Down Books (Colección El café Cajal). ISBN: 978-84-944435-4-1.
Outros artigos
Ligazóns externas