Angus, chamado até 1928 Forfarshire, foi un dos condados históricos de Escocia até 1975 en que foi convertido nun dos distritos da rexión de Tayside. Esta división administrativa durou até 1996 en que foi dividida en tres concellos, un dos cales foi Angus. Os límites actuais son os mesmos que tiña o antigo condado agás a cidade de Dundee que foi segregada para formar un concello propio.
Xeograficamente, Angus pódese dividir en tres áreas: ó norte e oeste, a área dos chamados cinco Vales de Angus (Angus Glens) de topografía montañosa. Está escasamente poboada e a economía é predominantemente rural. Ó sur e leste a topografía é de suaves outeiros bordeando o mar. Está máis densamente poboada, contén as maiores poboacións do concello e a cidade de Dundee na costa. Entre ambas as zonas atópase o val de Strathmore, palabra gaélica que significa o Gran Val, moi fértil e onde pasta o gando vacún autóctono chamado angus.