Ameixón

Ameixón / Ameixa macha
Callista chione
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Veneroida
Familia: Veneridae
Xénero: Callista
Especie: C. chione
Nome binomial
Callista chione
(Linnaeus), 1758 [1]

O ameixón,[2][3] (tamén coñecido como ameixa macha, arola macha, carallote de rei ou ripa maseiras)[2] Callista chione, Linnaeus 1758, é unha especie de molusco bivalvo heterodonte mariño pertencente á orde dos veneroides e familia dos venéridos.[4]

Morfoloxía

As principais características do ameixón son as seguintes:[5][6]

Trátase dun molusco de tamaño relativamente grande respecto ó doutras ameixas, alcanzando tamaños de 8 a 10 cm. A cuncha é dura e sólida, equivalva e inequilateral, de contorno ovalado e superficie moi brillante.

A cuncha presenta numerosas liñas de crecemento concéntricas, moi finas. Ten tres dentes cardinais en cada valva e mais un dente lateral anterior na valva esquerda que encaixa nunha depresión que ten na valva dereita.

A cor externa é parda avermellada ou rosada, con bandas radiais máis claras. O interior é branco e brillante, coa marca do seo paleal.

Hábitat e bioloxía

Cuncha de ameixón a carón dun peixe plano.

Vive enterrado en galerías superficiais en bancos de area limpa, ata os 150 m de profundidade.[5]

Distribúese pola costa europea do Atlántico, desde as illas Británicas ata Marrocos, incluíndo as illas Canarias e as Azores, así como no mar Mediterráneo.[5]

Importancia pesqueira e comercial

Trátase dunha especie pouco abundante e de escasas capturas, que só se fan accidentalmente cando se está a pescar outras ameixas de maior interese. Ten pouco aprecio en España, ó contrario doutros países europeos. A carne é dura polo que cómpre unha conxelación previa.[7] O seu consumo debe estar unido á calidade da auga onde foi criado, co obxecto de non favorecer toxinas no seu interior.[8]

En Galicia

Prato de ameixóns para seren degustados en cru.

Segundo Rolán e Otero,[6] é algo abundante en toda a costa galega, nos fondos de areas limpas da zona infralitoral. Porén, para Ramonell,[5] non é moi abundante.

Nomes populares galegos

Ríos Panisse recolle para Callista chione, que cita como Cytherea chione (Lamarck), os nomes populares galegos de ameixa macha, ameixón, arola macha, burro, carallote de rei e ripa maseiras,[9] que son así mesmo os salientados por Rosa Ramonell.[5]

Pola súa parte, Rolán o Otero,[6] danlle os nomes de ameixa macha, ameixón e burro.

Finalmente, Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe,[10] escollen o nome de ameixón, indicando ameixa macho como sinónimo.

Notas

  1. Callista chione (Linnaeus, 1758) no SIIT.
  2. 2,0 2,1 Digalego.gal (ed.). "Definición de Ameixón". Consultado o 29 de xuño de 2016. 
  3. González González, Manuel. Academia.gal, ed. "Dicionario de alimentación e restauración" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de abril de 2016. Consultado o 29 de xuño de 2016. 
  4. Sergi Tudela, (2004), Ecosystem Effects Of Fishing In The Mediterranean, nº 74, pág. 22
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Ramonell, R. (1985), pp. 119-119.
  6. 6,0 6,1 6,2 Rolán e Otero (1996), p. 254.
  7. Maurice Edward Shils, Moshe Shike, (2005), Modern Nutrition in Health and Disease, 10e - Páxina 1820
  8. Ana Isabael GAGO MARTÍNEZ, Isabel RUPPEN CAÑAS, James HUNGERFORD, (2012), Biotoxinas marinas: Toxicología alimentaria, Díaz de Santos, Primera Ed., Madrid, - Páxina 165
  9. Ríos Panisse, M. C. (1977), pp. 119-120.
  10. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 285.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Hubler, M. (2010): Compendium of bivalves. A full-color guide to 3,300 of the World’s Marine Bivalves. A status on Bivalvia after 250 years of research. Hackenheim, Germany: ConchBooks. ISBN 978-3-939767-28-2.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • López Muñoz, Daniel, coord. (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, Servizo de extensión Pesqueira.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia, S. A. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rolán, R. e Jorge Otero-Schmitt (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-072-1.

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!