A adoración dos pastores é unha obra de El Greco, realizada entre 1612 e 1614 durante o seu último período toledano. Exhíbese nunha das salas do Museo Nacional de Arte de Romanía, en Bucarest, Romanía. Pertencía ao conxunto pintado para o retablo de dona María de Aragón.
Historia
En 1596, O Greco comprometeuse a realizar o retablo da igrexa do colexio de dona María de Aragón, un seminario da orde agostiña. O nome popular alude a dona María de Aragón, a mecenas que pagou as obras. O Greco recibiu o encargo do Consello de Castela, que se fixo cargo das obras despois da morte de dona María. Existen documentos que testemuñan que debía realizarse en tres anos e valorouse o traballo en algo máis de sesenta e tres mil reais, o prezo máis alto que conseguiu na súa vida. Con todo, non hai referencias do número de cadros que o formaban, nin da estrutura do retablo, nin da temática tratada.
Análise
Esta obra atopábase no corpo baixo do retablo. O pintor repite os esquemas aprendidos na súa estancia en Roma e nas obras realizadas para o Mosteiro de Santo Domingo o Antigo de Toledo. A figura do Neno Xesús emite un foco de luz que ilumina toda a escena e congrega ó seu arredor a Virxe María, san Xosé, un anxo e un pastor que sostén un año —símbolo do Agnus Dei—. No fondo conversan dúas persoas, característica da pintura do Renacemento.
As luces e o colorido permiten dar maior espiritualidade á escena, en sintonía coa obra de Tiziano e Tintoretto. As tonalidades parecen extraídas das mellores obras do Manierismo, mentres que a verticalidade do lenzo obriga a acentuar aínda máis as alongadas figuras, tradicionais na obra do cretense.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas