A xente da Barreira

A xente da Barreira
Título orixinalA xente da Barreira
Autor/aRicardo Carballo Calero
Ilustrador/aAgustín Portela Paz
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Narrativa
EditorialBibliófilos Galegos
Data de pub.1951
editar datos en Wikidata ]

A xente da Barreira é unha novela de Ricardo Carballo Calero, publicada en 1951 por Bibliófilos Galegos con ilustracións de Agustín Portela Paz.

Características

A xente da Barreira incluíuse na Biblioteca Galega 120.

É a primeira novela en galego da posguerra. Foi escrita na década de 1940, logo de que o autor saíse da prisión en Xaén e regresase a Ferrol. Gañou o concurso que convocara en 1949 Bibliófilos Galegos, dotado cun premio de 10 000 pesetas. Non sorprendeu que Carballo Calero fose o gañador, xa que era máis que suficientemente coñecido na literatura galega pois antes da rebelión militar de 1936 xa dera ó prelo catro poemarios e viña colaborando asiduamente en publicacións periódicas con traballos de diferente fasquía: doutrinarios, poéticos, traducións, ensaios, recensións, textos de conferencias e, tamén, narracións breves[1].

Inicialmente o autor pensou nunha colección de historias semiindependentes baseadas en feitos reais que escoitara e que titularía Historias da Barreira. Mais no concurso premiábase a mellor novela de ambiente galego escrita en galego ou castelán polo que organizou o material tal e como foi logo publicado. Por iso se ve facilmente que a narración está estruturada en unidades que funcionarían de xeito autónomo aínda que están unidas polos mesmos personaxes e o mesma situación xeográfica, a casa da Barreira.

A obra tamén se encadra na angueira dos intelectuais galeguistas da época empeñados en recuperaren a cultura galega despois do corte traumático da Guerra civil, concretamente na restauración da prosa de ficción e ensaio. É unha narración tecnicamente moi sinxela que entronca directamente coa narrativa do século XIX nun intento de reafirmar as raíces da tradición galega que se tenta recuperar.

Para Henrique Rabuñal: a obra propón unha escursión polo século XIX galego captando aspectos da súa vida rural, da decadencia da fidalguía, anunciando a chegada do sistema económico moderno, adubado de novas profesións e clases.[2]

Na novela cóntase a historia dunha familia fidalga, os Frade Eirís, que vive no rural galego, na transición do século XIX ao XX. Comparando a novela coas de Ramón Otero Pedrayo (cronista da decadencia da fidalguía galega), vese que A xente da Barreira ten un ritmo moito máis áxil e rápido. Carballo Calero centra o seu esforzo en artellar unha narrativa sobria cunha técnica próxima á de Castelao (ao estilo de Os dous de sempre, capítulos ligados polo tema común de fondo). Son narrativas independentes unidas entre si por dous elementos, un humano (a saga da xente da Barreira) e outro físico (a casa grande da familia) [3]. Son coincidentes coa narrativa de Otero Pedrayo o decadentismo da sociedade retratada, a saudade coa que se contempla o pasado e a mágoa polo desarraigamento das tres xeracións da casa da Barreira[4].

Nesta ficción está retratado o mundo rural coa súa relación complicada, intensa e pintoresca entre os diversos estamentos da fidalguía decadente e demais personaxes que se moven arredor do pazo; unhas formas de vida que o autor non tiña experimentado directamente [5].

O autor confésalles as súas intencións ao escribir a novela a Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor[6]:

É unha novela histórica?... É unha novela histórica no sentido de que parte da súa aczón se situa no pasado. A novela comeza a princípios do século XIX. Fala-se do exército de Sir John Moore, que perseguido polo exército francés entra en Galiza para embarcar-se na Coruña despois da batalla de Elviña. Mas é unha novela pola que o tempo transcorre rapidamente. Hai várias xerazóns de señores da Barreira, e os últimos indivíduos da família dos Frade de Eirís aos que se cita ou aos que se alude na novela son xa contemporáneos meus. É unha novela histórica nese sentido. Se cadra poderiamos designá-la como pertencente ao subxénero que outras veces se chama “novela de época”, que mais ben trata de reproducir unha situación histórica mui próxima a nós.
Por que escrivin esta novela?... A causa determinante foi, como teño dito en algunha ocasión, o contacto que estabelecin, através doutras persoas, cun mundo que a min, nado no Ferrol vello, xunto ao mar, me era descoñecido. O mundo rural coa relazón complicada, intensa e pintoresca entre os diversos estamentos da decadente aristocrácia que vive no pazo e a paisanaxe que rodea o pazo. Aínda que nesta novela, que algunhas veces foi calificada como “novela de pazo”, nunca se chama pazo á casa da Barreira.
Relatos de persoas que viviran ese mundo, que nasceran nese mundo, trouxeron ao meu coñecimento formas de vida que eu non tiña experimentado directamente. Seduziron-me muitas das notícias sobre ese tipo de vida rural, como, por outra banda, as vivéncias que se me comunicavan rexistavan a decadéncia da clase señorial, que se precipitou depois da revoluzón de Mendizával, sentin-me inclinado a articular, nunha obra literária que tivese mais ben o carácter dunha crónica, pero que eu trataria con absoluta liberdade, eses feitos, eses acontecimentos, eses tipos que realmente me seduzian. E asi nasceu A xente da Barreira.

E tamén engade nunha conversa con Carmen Blanco [7]:

É unha etapa, a que tratei de reflexar, interesante desde o punto de vista da historia do noso país, porque é a etapa en que se arruína a antiga aristocracia rural e pásase da economía do cambio de especies ao sistema monetario moderno, aparecen novas profesións, novas clases sociais cobran importancia e se transforma totalmente a vida do país.
Se hai algunha influencia seguramente é de Otero Pedrayo e de Castelao; paréceme que certos finais de capítulos que rematan cun epifonema poden estar influídos polos finais dos contos de Castelao que son mui cartacterísticos e, ao mellor, nalgunha frase hai reminiscencias de xiros propios de Otero Pedrayo, mais isto non é frecuente porque o estilo de A xente da Barreira máis ben se atén á simplicidade propia do neorrealismo que entón estaba vixente. Pode ser considerada unha novela neorrealista, aínda que os personaxes non pertencen, como case sempre acontece na novela neorrealista, ás clases artesanas, ás clases obreiras, ou pequenoburguesas dun mundo urbano ou vilego... senón a un mundo rural.
A xente da Barreira é un título axeitado porque o protagonista é a propia casa da Barreira co seu entorno, a xente da Barreira; mesmo no sentido romano da palabra: a familia que vive na casa da Barreira construída polo fundador da dinastía e a súa clientela, os campesinos que traballan na Barreira, que se relacionan cos señores da Barreira, que mesturan mesmo o seu sangue cos señores da Barreira e que forman parte desa xente.

Trama

A novela ten unha estrutura xustapositiva en capítulos, case autónomos e concibidos [8] como descricións individuais de cada un dos personaxes.

  • I. A casa. Ramón Frade de Eirís, de familia fidalga pobre, herda uns montes na Barreira. Constrúe unha casiña e vaise facendo rico coidando gando e convértese en tratante de gando. No seu tempo vira pasar os granadeiros franceses e as tropas de Moore. Visita o pazo de Gomesende, familia aristocrática e rica, e namora a rapaza Tereixa. Os mozos foxen para a Barreira e farán unha nova casa[9]:
A casa de Ramón Frade tiña o espírito que às outras lles faltaba. Era a casa que un fidalgo loitador erguera para que unha muller nova, formosa e lanzal vivese leda e sen saudade na entraña da esgrevieza montesia
  • II. Os carlistas. Ludivina é a criada que veu con Tereixa, fai de todo na casa e o señor vaille gardando os aforros. O cura, don Xoán, é o xefe dos carlistas e tenta convencer a Ramón de que participe nas partidas. O fidalgo rexeita e faise inimigo do cura, os carlistas tentan asaltar a casa da Barreira pero fracasan. O mozo Breixo queda ferido, acollido polos señores traballará na casa e casará con Ludivina. Cando o Capitán Xeneral vén acabar co cura e a súa partida, Breixo ten a mala sorte de ser atopado polos carlistas que o aforcan cando nacían xuntas unha filla súa e outra dos donos.
  • III. Os sapos. Morre Ramón dono de moitas terras. O fillo máis vello, o morgado, ten que se facer cargo da administración. Outro fillo quere ser avogado, outro tratante como o pai. A filla anda pola casa. Tereixiña, a filla da Ludivina, quedrou orfa e xa é unha moza traballadora e querida no pazo. Unha noite sae o morgado e por tres veces bate cunha manchea de sapos, o cabalo négase a seguir, nin cunha medalla nin con allos. A nai dille que só pode ser por estar en pecado mortal. E crúzanse as miradas do morgado a Tereixiña e a nai.
  • IV. A filla de achego. Tereixiña irá ter a nena, A Vertudes, á casiña que construíra Ramón, e a meniña tamén se criará no pazo. Non traballa na terra, fai os labores da casa e cando morre a nai será ela que se ocupe, pero sempre irá durmir á casiña. O morgado e o irmán van deixando fillos bravos pola zona. Xa maior casa o morgado con moza nova. Veñen vendedores ambulantes de panos, un deles desaparece unha noite. Tempo despois aparece embarazada Vertudes, o vendedor xa casara con outra. Xa nada a nena cando o morgado mira con carraxe a Vertudes, esta responde[10]:
-Às fillas abandonadas polos seus pais calquer home se estreve.
  • V. As mazás. Desde que casou o morgado don Armando deixou de andar ás mozas. Agora o irmán José Manuel vai de moza en moza co aplauso da audiencia que festexa os seus encontros amorosos buscados polas mozas da zona, porque significan logo casamento próximo aínda quedando embarazadas. Fai unha aposta co morgado. Collen as mazás que con tanto coidado garda a irmá. Na misa do domingo anuncia que casará coa moza que mostre a mellor mazá. E saen sete mazás á vez. José Manuel sentenza[11]:
-Se vosede pode facer que o papa me dea a licenza pra ter sete mulleres, eu cumprirei a miña palabra.
  • VI. Lembranzas. Pouco tempo botou dona Mercedes tentando gobernar como señora da casa, foino deixando nas mans da cuñada, dona Rosario. O tempo pasa, nace un fillo, o Alvariño. Morre de pulmonía o morgado e a viúva casa co cuñado, don José Manuel.
  • VII. O ouro da Rouqueira. Un grupo de bandoleiros amparados nas partidas carlistas asaltan a casa da Barreira. Don José Manuel pensa que veñen roubar mais o que queren é levalo a el e axustizalo. Dona Mercedes marcha de noite á reitoral dun seu tío crego. O crego chega a tempo de salvalo. E resulta que o fidalgo escondera debaixo dunha carqueixa unha bolsa de onzas de ouro por se podía mercar a salvación. Como non lle fixeran falta volve todos os días ao monte da Rouqueira procurar o tesouro mais todas as carqueixas son iguais. Sóubose o segredo e[12]:
... eran moitos os que ian às carqueijas da Rouqueira; e non se mercaba terra nen besta, non se facia boda nen enterro que non se dixese pagado coas onzas de don José Manuel
  • VIII. O traxe de botóns. Dona Mercedes pasa os invernos cos fillos na capital para que estuden. O morgado é don Álvaro, José Manuel trata ao fillastro e sobriño como un fillo. O rapaz é de pouco espírito e sen interese polas mulleres. O tío mándao estudar aos escolapios e levará uniforme de botóns. Pronto deixará os estudos para aprender a facerse cargo dos bens e tamén vai á cidade coa nai “a fin de que rozase con gente fina” [13].
  • IX. O casamento do Álvaro. O procurador Adrián é descendente de labregos e leva moitos papeis de don José Manuel. Crían a filla ,a Amelia, coma unha señoritiña, Álvaro vea na escola de dona Alicia e na casa. Namoran e o rapaz teima en casar con ela con grande pesar de dona Mercedes e don José Manuel: co seu apelido e a súa riqueza. E casaron non ben cumpridos el os dezasete anos.
  • X. O banco de castiro. Amelia Ameixeiras foi a terceira dona da Barreira, axiña se fai co mando da casa, dáse moitos aires de señora, non se relaciona cos criados. Ademais é moi relixiosa e rézase na casa máis ca nunca. José Manuel e Mercedes arranxan a casa do Concello e marchan vivir a ela. Tamén Vertudes, que sempre axudara en todo, ten que aturar os seus aires de mando. O rosario é obrigatorio para todos a diario, a misa dominical o mesmo. Na igrexa hai banco para a familia dos fidalgos e banco para a servidume. Mais Vertudes sentou sempre no banco dos fidalgos, cousa que Amelia non pode aturar e por moito que llo ordena a vella non sae de alí. Acabará por ordenarlle ao Pitelo que a leve presa. Amelia repróchalle a Álvaro que só debía deixar sentar neses bancos a xente que leve o sangue do seu pai e el dille: “¿chegarian-me os castiros da Rapada pra acomodar a família?” [14].
  • XI. A chistera. Morre don José Manuel e dona Mercedes e os fillos vanse vivir a Souto, a capital. A filla, Rosario, está en idade de casar. Aparece un pretendente avogado e de boa familia que lle acae moi ben a todos menos á interesada, que se nega. O avogado está tamén anda con outra moza rica, pero nin así Rosario lle fai caso. A moza sae de compras e nunha tenda topa co avogado mercando unha chistera para a voda. El aínda tenta un último esforzo por convencela, mais ela segue negando, marcha e o avogado ve como intercambia cartas cun mozo “de rizos bigodes”.
  • XII. Pompas fúnebres. Mórrelle a dona Mercedes o fillo Ramón de tuberculose. Rosario casa con Andrés Chega, fillo de comerciantes coa carreira sen acabar e buscador de fortunas. Como a nai dela non aproba os amores a rapaza ten que se “roubar”: marcha para a casa dunha irmá do mozo e comezan as negociacións ata conseguir o casamento.
Casou así Rosariño, despida de dote, non asistida da sua família, coa que non se reconciliou até pasados anos dabondo[15]

. O outro fillo, o Andrés Frade, gasta o patrimonio familiar mentres tenta facerse político seguindo os pasos de don Aurelio Abraira, que chegara a ministro e tivera un enterro como home de estado que era. Mais Andrés o que mellor fai é darlles saída aos cartos.

  • XIII. O tinteiro de prata. Andrés Frade non dá topado muller ao seu xeito. Vén o momento de presentar o candidato a deputado na Fontanela e Andrés vai na comitiva. O señor de Camporredondo fala coa filla máis vella, Otiliña, para que lle bote as redes ao fidalgo: quedarán os dous a soas no despacho, el precisará tinta, chamará por ela para que lle traia o tinteiro e deixaraos sos. Mais a irmá máis nova, Emiliña, pecha a Otilia na despensa para poder ela acudir á chamada do tinteiro.
  • XIV. O maragato. Na casa da Graña, na que don Ramón asentara o Breixo e a Ludivina, vivía un maragato que movía mercancía entro o Souto e a Fontanela. Facía moitos cartos, na capital cambiaba os patacóns por ouro que ninguén sabía onde metía. Nunha grande nevada os lobos acabaron con el e coa cabalería, ninguén atopou nada e iso que o fidalgo don Álvaro “tacteaba as paredes, e esculcaba o chanto da lareira e o burato do teito que daba saída ao fume[16]”.
  • XV. O Rosende. O Rosende é moi pobre, vive na aldea de Madelos. Mais el ten soños de saír de alí. Emprégase de axudante do novo arrieiro que substituíu o maragato. Vai aforrando e acabará co negocio cando morre o vello. Un día trae na volta un emigrante. Este confésalle que volta á terra cos aforros na maleta para facer unha casa. Dormen na casa de Madelos. Marchan de noite, a nai do Rosende atopa sangue na cama, a auga do pozo toldada e o coitelo sanguento. Ao día seguinte volverá o fillo, o emigrante foi topado no monte comido polos lobos, a maleta rillada e desfeita. Remata:
Falando do caso, o Rosende dicia que el ja quixera levar até o mesón o viageiro, mais o pobre queria ver aquelas terras devagar, e aseguraba coñecer o camiño[17]

.

  • XVI. Antón das Cabras. O Antón das Cabras negocia con don Álvaro mercarlle a casa da Graña. Ten os cartos porque hai quen llos presta pero non pode dicir o nome porque o prometeu. Fan trato e o fidalgo queda convencido de que o Antón atopou os cartos escondidos na parede polo maragato.
  • XVII. Tempos novos. As cousas cambiaron moito na contorna. Chegou a estrada, erguíanse casas e comercios, chegaba o diñeiro de Cuba e Buenos Aires. As fillas de don Álvaro seguen de fidalgas sen facer nada, a facenda non vai a mellor, decae a fidalguía e medran os novos ricos. Agora o Rosendo é tratado de don e está ao nivel de don Álvaro, as súas fillas son señoritas preocupadas polo negocio aínda que as fidalguiñas as teñan a menos. O fidalgo vai vello:
A morte, como un mendigo de pasada cansa, acaroaba-se à Barreira. Ben a via, ben preto, o neto de don Ramón. E, esquecido de todos, de todos esquecido, aguardaba-a, acobadado na fiestra, a tremer ja de friage, entre lusco e fusco, mentres o ceu comezaba a estrelecer[18].
  • XVIII. As neves de antano.
Onde está a soberba fidalguia da casa de Eiris da que saíra don Ramón Frade, o mais novo dos irmáns para se afincar nos montes da Barreira? [19].

O vello mundo cambiou. Os máis temidos son agora o Rosende e o Antón das Cabras. Dona Mercedes morrera en Souto e a Rosariño tiña moitos fillos e desgustos, os negocios de Andrés Cheda marchaban mal. O Andrés Frade, cacique na Fontanela e casado con Emilia de Camporredondo, gastara o capital e non chegara ao goberno civil. Os últimos descendentes do irmán de don Ramón confundíranse cos labregos ou procuraran empregos nas vilas.

  • XIX. Sabeliña.

Sabela, a filla de Vertudes, aínda vive na casa do Concello. Mortas súa nai e a señora, agora poden as súas sombras compartir o banco da igrexa. Ve os retratos das tres xeracións de fidalgos da Barreira e lembra aquel mundo que se desfixo. Os descendentes de don Álvaro traballan noutras cousas na cidade e

Avista o portón da casa da Barreira, cujos muros erguera don Ramón. A casa está valeira, e vai ser alugada, ou mercada, ou desmoronada[20].

Narración

O narrador é omnisciente, en terceira persoa e extradiexético, na liña dunha narración clásica, decimonónica.

Tempo

No capítulo I faise referencia á Francesada. No XII fálase de don Aurelio Abraira que “que fora un dos homes do 68, vivia retirado desde a Restaurazón” [21]. Ao longo da novela case non hai datos temporais concretos fóra da idade dalgún dos personaxes. As tres xeracións da casa da Barreira desenvólvense nun tempo lineal que vai desde a Francesada á primeira guerra mundial.

Espazo

A acción está situada nun espazo de ficción que pode corresponder a calquera lugar da Galicia interior inspirado no centro-leste da provincia de Lugo.

No capítulo I fálase dos montes da Barreira onde Ramón fai a casa, tamén do próximo pazo de Gomesende. No II cítanse Leixós, Canedo, Corballe (terra de dona Mercedes) e a parroquia de Travadela. No V a parroquia é San Mamede do Furriol. Aurelio Abraira é deputado progresista por Fontanela.

Souto é a capital da provincia, en Lucenza está o colexio dos Escolapios e fálase do abade mitrado do mosteiro de Lastra (ben poderían responder estes tres lugares a Lugo, Monforte e Samos).

San Sadorniño, a catro leguas de Souto, é terra dos pais de Amelia. O Rosende vive na aldea de Madelos.

Personaxes

Os personaxes da novela son moi planos, están moi pouco caracterizados. A obra está escrita con estilo realista, o achegamento do narrador aos personaxes é obxectivo con algún punto de ironía, sen introspeccións, de xeito que se poden considerar, segundo Araceli Herrero Figueroa [22]: “relatos conductistas”. O autor pretendía conseguir que a explicación psicolóxica do comportamento dos personaxes se deducise dos seus actos (case sempre banais e cotiáns).

Os principais son as tres xeracións da casa da Barreira e as súas donas:

  • Ramón casado con Tereixa.
  • Armando e José Manuel, casados con Mercedes. E tamén a irmá deles, a Rosario.
  • Álvaro (fillo de Armando e Mercedes) casado con Amelia. Tamén Rosario e Andrés (fillos de José Manuel e Mercedes).

Tamén da familia é a ponla da filla de achego de Armando, Tereixiña, a filla Vertudes, e Sabeliña, a última.

Son personaxes secundarios que protagonizan capítulos o Maragato, o Rosende e o Antón das Cabras. Tamén destacan Ludivina, a primeira criada e o seu home Breixo, e o cura carlista don Xoán.

Edicións

A obra, como di o colofón, acabouse de imprentar «o día 7 de xaneiro de 1951, festa de San Xulián, padroeiro de Ferrol», onde o autor e a obra naceron á par[23]. Foi premiada no primeiro concurso de Bibliófilos Gallegos en 1949.

A segunda edición está escrita en normativa reintegracionista ou lusista co título A gente da Barreira e outras histórias (Santiago de Compostela, Follas Novas, 1982). Nesta edición engádense as narracións As pitas baixo a chúvia (publicada en Lar, Buenos Aires, 1949), Os tumbos (Alba, nº 5, 1950), A cegoña (Vida Gallega, nº 729, 1957) e Aos amores serodios (Grial, nº 63, 1979). Nesta edición mantéñense parte das ilustracións de Agustín Portela Paz e “os textos foron revisados para ajeitá-los á língua literária actual segundo o critério do autor; mais só na medida indispensábel para corrigir os máis chamativos desajustes”[24].

Na terceira edición, titulada Narrativa completa (Ediciós do Castro, 1984) engádense aos textos publicados na segunda Os señores da Pena e O lar de Clara[25].

Hai tamén unha edición feita por Pilar García Negro en 1997 (Vigo: AS-PG). E outra edición da Ed. Embora (Ferrol) en 2008 con ilustracións de Alberto Toval.

A xente da Barreira foi o nº 27 da Biblioteca Galega 120, colección editada por Galaxia e La Voz de Galicia e distribuída polo xornal coruñés nos anos 2002-2003. Porén, nesta edición aparece erroneamente co título de A xente na Barreira[26].

En xaneiro de 2020 (Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero) a Editorial Galaxia fixo unha nova reedición do libro na colección Literaria, reproducindo a de 1951 (120 páxs. ISBN 978-84-9151-430-5).[27] [28]

Notas

  1. "”A xente da barreira”, primeira novela galega de posguerra". La Voz de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 17/02/2018. Consultado o 13/02/2018. 
  2. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 137. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  3. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1041. ISBN 84-89679-05-3. 
  4. Vilavedra, Dolores (Coord) (2000). Diccionario da Literatura Galega III. Obras. Ed. Galaxia. p. 495-496. ISBN 84-8288-365-8. 
  5. Villamayor 1996, p. 1040.
  6. Fernán-Vello, M.A.; Pillado Mayor, F. (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Sotelo Blanco. p. 113. ISBN 84-86021-32-4. 
  7. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 241-244. ISBN 84-7154-654-X. 
  8. Herrero Figueroa, Araceli (1983). “Sobre A xente da Barreira. Breve aproximación á leitura dunha novela”, Grial, 81,. p. 368-376. 
  9. Carballo Calero 1982, p. 15.
  10. Carballo Calero 1982, p. 37.
  11. Carballo Calero 1982, p. 45.
  12. Carballo Calero 1982, p. 57.
  13. Carballo Calero 1982, p. 63.
  14. Carballo Calero 1982, p. 82.
  15. Carballo Calero 1982, p. 90.
  16. Carballo Calero 1982, p. 105.
  17. Carballo Calero 1982, p. 114.
  18. Carballo Calero 1982, p. 124.
  19. Carballo Calero 1982, p. 126.
  20. Carballo Calero 1982, p. 131.
  21. Carballo Calero 1982, p. 91.
  22. Herrero Figueroa 1983.
  23. Carballo Calero, Ricardo (1951). A xente da Barreira. Bibliófilos Galegos.
  24. Carballo Calero, Ricardo (1982). A gente da Barreira e outras historias. Follas Novas. p. contraportada. ISBN 84-85385-26-8. 
  25. Carballo Calero, Ricardo (1984). Narrativa completa. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-321-2
  26. Carballo Calero, Ricardo (2004). A xente na Barreira. La Voz de Galicia-Editorial Galaxia. ISBN 84-9557-019-X (La Voz de Galicia). ISBN 84-8288-522-7 (Galaxia)
  27. "A xente da barreira". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-01-23. 
  28. Dasilva, Xosé Manuel (Xaneiro-xuño, 2020). ""Xente da Barreira" en versión clásica". Grial. LVIII (225, 226): 92–94. ISSN 0017-4181. 

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!