90 Day Men foi unha banda estadounidense de rock progresivo fundada no ano 1995 en St. Louis, Missouri, e posteriormente baseada en Chicago, Illinois. O seu nome é un termo da xerga que usan os policías para referirse aos reclusos que deben someterse a un exame psiquiátrico.[1]
Historia
O grupo naceu no ano 1995 en St. Louis como un trío composto por Brian Case, Cayce Key e Chandler McWilliams. En 1996 a banda lanzou a súa estrea, o sinxelo "Taking Apart the Vessel" con tres temas.[2]
En 1997 uniuse a eles Robert Lowe como trompetista e vocalista e a banda mudouse a Chicago. Ese mesmo ano a banda gravou o seu primeiro traballo como cuarteto, o sinxelo "If You Can Bake a Cake, You Can Build a Bomb", seguido en 1998 polo EP 1975-1977-1998, lanzado polo selo Temporary Residence e que incluía os dous temas do sinxelo e tres cancións máis.[3][4] A finais dese ano 90 Day Men fichou polo selo Southern Records.[3]
Con Southern a banda gravou o seu álbum de estrea, (It (Is) It) Critical Band, lanzado no ano 2000. Nesa época uniuse ao grupo o teclista Andy Lansangan.[3]
A banda lanzou dous álbums de estudio máis, To Everybody en 2002, e Panda Park en 2004, ámbolos dous a través de Southern Records,[3] ademais de editar o EP To Late or Too Dead en 2003. A banda separaríase pouco despois.
No ano 2005 Lowe iniciou o proxecto en solitario Lichens, e publicou material co nome Robert A. A. Lowe con varios selos. Lowe tamén tocou no grupo Om varios anos. Brian Case formou barias bandas, como The Ponys, Disappears, e FACS,[5] e o batería Cayce Key toca en Bloodiest.[3][6]
Notas
- ↑ "The 90 Day Men Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-03-28.
- ↑ "The 90 Day Men - Taking Apart The Vessel" (en inglés). 1996. Consultado o 2023-09-16.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "90 Day Men". Temporary Residence Ltd. Consultado o 2023-09-16.
- ↑ "The 90 Day Men - 1975-1977-1998" (en castelán). 1998. Consultado o 2023-09-16.
- ↑ Warwick, Kevin (2019-03-21). "Chicago postpunks Facs cut their last tether". Chicago Reader (en inglés). Consultado o 2023-10-17.
- ↑ "Bloodiest Biography, Songs, & Albums". AllMusic (en inglés). Consultado o 2023-10-17.