En novembro de 2022 o servizo saíu a licitación pública, baixo a denominación de 028 Arco da Vella. Anunciáronse algunhas características do servizo, como a súa gratuidade, a súa operatividade as 24 horas do día durante todo o ano, e que sería complementado cun correo electrónico e un servizo de mensaxería instantánea. O teléfono atenderá vítimas de delitos de odio por orientación sexual ou identidade de xénero, así como ás de violencia intraxénero —parellas do mesmo xénero— ou nenos e adolescentes en risco de rexeitamento pola súa orientación sexual. Ademais contará cun servizo de asesoramento emocional e psicolóxico, e acompañamento e información sobre saúde sexual e reprodutiva.[3] Ademais, estará dispoñible en varias linguas e con accesibilidade para persoas con discapacidades. Os datos recollidos serán enviados á Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI para a realización de informes sobre a situación das persoas LGBTIQ+ usuarias.[4]
En abril de 2023, o goberno adxudicou por 2,6 millóns de euros a xestión do teléfono 028 a Servicios de Teleasistencia S.A.[5] En maio, o goberno volveu anunciar que nos vindeiros meses o servizo estaría habilitado e entraría en funcionamento.[6] O mes seguinte, en xuño, o Ministerio de Igualdade lanzou a campaña «España es orgullosamente diferente» polo día internacional do Orgullo na que tamén presentou o servizo 028, denominado Liña Arco da vella de información e atención integral contra a LGBTIfobia.[7][8]
O 5 de xullo de 2023, poucos días despois do segundo aniversario do asasinato de Samuel Luiz, o servizo de balde entrou en funcionamento para todo o territorio do estado, accesible a persoas con discapacidade auditiva e da fala, e con atención en castelán, catalán, galego, éuscaro, inglés e francés.[2][9]