Νυχτερινό Δελτίο ("Noticiario da noite") é unha novela policíaca en lingua grega de Petros Márkaris, publicada en 1995. É a primeira da saga do comisario Costas Kharitos.
Trama
O comisario Costas Kharitos da policía de Atenas investiga a morte dunha parella nova de albaneses. Nun principio semella deberse a un crime amoroso. Porén, a morte da xornalista Ghianna Karaghiorghi, asasinada nos estudios de televisión xusto antes de que dese unha primicia, dálle a Kharitos outra perspectiva sobre o primeiro crime. Ao pouco, outra xornalista á que Karaghiorghi legara os seus documentos aparece tamén morta. Charitos descobre que Karaghiorghi andaba a investigar unha rede de tráfico de órganos e de bebés con enlaces en Checoslovaquia, Bulgaria, Hungría e Iugoslavia.
Ao tempo, o comisario ten que lidar co seu xefe ante as presións do Ministerio e dos medios de comunicación por resolver os crimes. Kharitos conta coa axuda de Lambros Zisis, un vello comunista que coñeceu no cárcere de Boubulinas durante a Ditadura dos Coroneis.
Narración
A obra está narrada en primeira persoa. Kostas Charitos é un home casado, cunha filla que estuda en Salónica. A trama está ambientada en Atenas en decembro de 1993.